Facer Anticapitalismo. Mudar o presente

A mocidade somos unha xeración que só coñeceu “a crise”, como lles fixeron pagar os pratos rotos ás de abaixo. Vimos como os que saquearon o público pretendían botarnos o morto a algunhas de nós pola nosa orixe ou cor de pel. Crecemos despois de que explotase a burbulla e resultase que non era verdade iso de que todo o mundo era de clase media. Machucáronnos con que viviriamos peor que os nosos pais e que nos esquecésemos dun traballo fixo, esa antigüidade. Mentres nos din que o machismo é algo do pasado, o acoso nas rúas ou as aulas lémbranos cada día que é ben presente. E en casa son as nosas nais e tías quen están obrigadas a facerse cargo dos familiares que o necesitan.

Non cremos nun piso en propiedade, unhas vacacións no Caribe e un coche de alta gama. Crecemos con despedimentos, paro, EREs en casa, desafiuzamentos… Malabarismos para chegar ao final de mes. Somos a xeración á que ser mileurista parécelle un choio. As nosas familias non se atreven a dicirnos que estudemos moito e así atoparemos traballo seguro. Dá igual se estudamos ou queremos estudar unha carreira ou formación profesional, a todas obrígannos a competir por unhas bolsas insuficientes. Vimos como subían os cocientes das clases, como os institutos caían a pedazos (as que non estudamos en barracóns) e como nosas profesoras tiñan cada vez peores condicións. Desde pequenos dixéronnos que nos preparemos para ser emprendedores, é dicir, aprender a darlle cotenadas ao de á beira. Ou que aforremos para un billete de ida ao acabar os estudos. Algunhas estudamos coa presión de saber que a nosa familia fai un gran esforzo. Outras coas enerxías e o tempo que nos deixa traballar para pagar os prezos desorbitados das taxas. Os nosos institutos e facultades lánzannos como carne de canón, como man de obra gratuíta, en prácticas sen remunerar. Dinnos que é a única forma de inserirse (algún día) no mercado de traballo. Que se traballamos moito, portámonos ben e non protestamos, quen sabe? quizais nos fan un contrato de tres meses.

Dinnos que o peor da crise xa pasou e que veñen tempos mellores. Con todo, seguimos en curros de merda ou sen eles, seguimos sen poder estudar e sen poder irnos de casa. A súa saída da crise é a guerra contra e entre os de abaixo, a exclusión, o machismo, o racismo, o auxe da extrema dereita? A súa saída á crise é que nos afagamos a isto, que o aceptemos como normal. A nosa: outra sociedade necesaria. Unha sociedade nova: feminista, diversa sexualmente, libre de racismo e onde as mozas podamos emanciparnos. Para iso, non nos serve só votar cada catro anos. De nada serve esperar ao futuro. Se queremos vidas mellores teremos que pelexalas. Aquí e agora. Sabemos que a transformación social é unha auténtica carreira de fondo, un tríatlon, pero que será imposible sen as loitas cotiás, sen a acción colectiva.

As ideas non viven sen organización por iso chamamos a que participedes connosco nun proceso de discusión, formación e acción. Queremos agruparnos como mozos anticapitalistas para fortalecer o movemento estudantil, o movemento feminista e LGTBI, así como as loitas contra o racismo e a precariedade nos barrios; para reabrir un ciclo de mobilizacións. Porque as nosas irmás maiores abriron a crise de réxime envorcándose no 15M: agora tócanos a nós non permitir que se peche. Porque nunca tivemos esperanzas neste réxime, pero crecemos coas loitas pola dignidade: agora tócanos a nós Facer Anticapitalismo, mudar o presente.

1cartelredesgal

Advertisements

Comunicado de Valoración

Terminou o Segundo Congreso de Podemos, popularmente coñecido como “Vistalegre II”. En primeiro lugar, desde a nosa candidatura queremos felicitar a Pablo Iglesias e a “Podemos para Todas” por obter o apoio da maioría das inscritas. Tamén dar o parabén ás outras propostas e aos miles de persoas que participaron nos debates: enriquecemos colectivamente a Podemos compartindo ideas.

Desde Podemos en Movemento tentamos mostrar a través da nosa práctica o Podemos que nos gustaría, o Podemos que tratamos de construír día a día. Fixemos unha candidatura que se financiou mediante donativos públicos, fixemos un crowdfunding e faremos públicos todos os nosos ingresos e gastos. Eliximos os nosos candidatos en caucus abertos, con voto individual e proporción territorial e de xénero. Debatemos e emendamos os nosos documentos antes de presentalos.

A nosa idea non era acumular postos. Queriamos pór encima da mesa tarefas fundamentais que se abandonaron no primeiro Vistalegre: máis democracia interna, máis apertura cara aos movementos e cara ás loitas, pluralismo, contrapoder, construción desde abaixo, antagonismo, poder constituínte. Volvemos falar de non pagar a débeda, de feminismo, de bens comúns, de nacionalizar as eléctricas, do dereito a decidir dos pobos, de municipalismo, de ecoloxía, de parar ao autoritarismo, de democracia radical. Cremos que o conseguimos. Hoxe, moitas das nosas propostas e ideas son asumidas por moita máis xente. Agora o noso obxectivo é que estean presentes na vida cotiá de Podemos.

Para acabar, queremos dar as grazas a todas as persoas que nos votáchedes e tamén a todas as que discutíchedes as nosas ideas desde o respecto e o compañeirismo. Tratamos de ser un foco de racionalidade para contribuír ao debate político e ao desenvolvemento do proxecto en clave colectiva. Por desgraza, a falta de proporcionalidade do chamado sistema “Desborda” nos infrarrepresenta no Consello Cidadán Estatal: co 13% dos votos, só temos o 3% dos representantes. Por suposto, agora toca saír a por todas e prepararnos para derrotar á gran coalición ao servizo da troika e dos poderes financeiros, para gañar a revolución democrática e a transformación social.

logo-podemos-en-movimiento-cabecera-facebook

Solidariedade con Emilio Cao. Xuntas contra a represión

O 22 de marzo de 2014 un millón de persoas manifestáronse en Madrid pedindo traballo, pan e teito. Foi o momento álxido dun ciclo de mobilizacións populares que estaba cuestionando de raíz a aplicación das políticas de austeridade neoliberal deseñadas pola Troika. Mais o réxime non podía deixar impune unha mobilización que o sinalaba como culpable da miseria, da precariedade, da explotación. Por iso, deuse orde aos antidisturbios para que culpában indiscriminadamente, sen mediar incidente algún, no momento cume da manifestación, detendo a 24 persoas. Entre elas, formando parte da columna galega, estaba Emilio Cao.

A este rapaz a fiscalía pídelle 5 anos e 8 meses de prisión. Por estar alí. Por atreverse a saír á rúa e esixir o que é de xustiza: unha vida digna. Emilio é obxeto dunha operación propagandística que pretende convertir ás vítimas en culpábeis. Emilio, como Rafa Diez, como Alfon, como Andrés Bódalo e tantas outras e outros, é obxeto dunha onda represiva que pretende criminalizar a protesta. Máis de 1.000 persoas están pendentes de xuízo no Estado por participar en mobilizacións sociais: activistas, sindicalistas, xente do común. Queren sufocar a resposta social con leis represivas como a Lei Mordaza, con xuízos e condeas exemplarizantes, que non nos movamos para que non sintamos o peso das nosas cadeas.

Dende Anticapitalistas Galiza solidarizámonos con Emilio Cao e esiximos a súa inmediata absolución ante unha acusación e unha petición de pena absolutamente inxistificadas. O seu único delito é defender os dereitos de todas.

O réxime quere que teñamos medo, que permanezamos quedos namentras o neoliberalismo segue a arrebatarnos os nosos dereitos civís e laborais. Todas somos obxeto dunha ofensiva que nos condea ao empobrecemento, ao desemprego, aos desafiuzamentos, á desigualdade, ás discriminacións, á violencia machista. Só dende a mobilización, dende a construción de contrapoderes, dende a dignidade, poderemos frealos. Temos que tecer redes de solidariedade e apoio mutuo, de resistencia e comunidade para crebar o medo, para recuperar as nosas vidas co orgullo de non baixar a cabeza.

Por iso, cando tocan a unha, tócannos a todas. Por iso, o 3 de decembro en Carballiño temos que saír á rúa en solidariedade con Emilio, en solidariedade con todas nós. Porque en cada un da nosa clase que loita estamos nós. Porque todas somos Emilio Cao.cartel_emilio_cao

Comunicado de Anticapitalistas de apoio á Folga Xeral en Educación do 26 de outubro

huelga-26o-gal1

Anticapitalistas quere amosar o seu apoio, chamando a tódalas plataformas, ANPAS, sindicatos, alumnas, persoal docente e laboral e resto de integrantes da comunidade educativa que participan na defensa da Educación Pública a secundar a Folga Xeral Educativa convocada para o vindeiro 26 de outubro de 2016.

Entendemos que sobran razóns de peso para apoiar esta xornada de acción que, de feito, debe servir para iniciar un novo ciclo de mobilizacións contra os ataques á educación pública. Esta xornada non ten como único obxectivo o posicionamento en contra das reválidas. Tamén debe servir para realizar un novo chamamento social a retirar e derrogar a Lei Orgánica 8/2013, de 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (LOMCE) ou reverter dunha vez por todas a política de recortes iniciada fai xa máis de cinco anos, senón a implantación e reforzamento dunha auténtica praxe neoliberal e ideolóxica nas políticas educativas que conseguiu “avances” e “éxitos” para os seus valedores e que afonda cada vez máis na perda de calidade e dereitos do persoal docente, o reforzamento dos privilexios que hoxe vén tendo a escola privada e concertada, os malos tratos á Formación Profesional (con miles de alumnos sen poder cursar os módulos elixidos en primeira opción), a ausencia de recursos materiais e humanos, a falta de infraestruturas públicas ou o enorme atraso na entrega de obras de construción e ampliación de centros, o peche de liñas, centros, niveis ou grupos, as altas taxas e prezo de matrículas na educación superior universitaria, as políticas segregadoras nas aulas ou a ausencia dunha educación realmente laica, entre outras moitas máis carencias e necesidades.

En relación coa implantación para este curso das reválidas derivada da entrada en vigor gradual da LOMCE, entendemos que serve aínda máis para fracturar socialmente este país. Créase unha maioría que non pode custearse os estudos superiores debido ás importantes subidas do prezo de matrícula dos últimos anos, afectando sobre todo ás clases traballadoras e máis desfavorecidas. Con iso o PP, valedor do neoliberalismo doutrinal, culmina a súa estratificación social: unhas elites universitarias, cada vez máis dirixidas cara ás universidades privadas, e unha clase traballadora e subalterna destinada e preparada para ser tratada como mera unidade produtiva no sector servizos estatal.

Dende Anticapitalistas seguiremos apoiando tódalas accións encamiñadas a denunciar esta política realizada polo goberno estatal e os gobernos autonómicos no ámbito educativo e sumámonos a todas aquelas futuras accións, reivindicacións e mobilizacións da comunidade educativa e demais sectores en defensa da Educación Pública. Defender os nosos dereitos pasa hoxe por desobedecer e derrogar a LOMCE. Neste sentido, chamamos a participar activamente nas manifestacións e protestas que se convocaron para o mesmo día 26 de outubro.

Comunicado de Anticapitalistas na Semana de Mobilizacións contra o TTIP e o CETA

semana-contra-el-ttip-gal

Outono en Resistencia do 8 ao 15 de outubro

En defensa dos dereitos humanos e a soberanía popular

Dende o ano 2013, as elites neoliberais de tres das maiores rexións económicas do mundo, Unión Europea, EEUU e Canadá, veñen negociando, baixo prácticas oscurantistas e antidemocráticas, dous dos tratados máis dañinos na historia do libre comercio: o Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos (TTIP) e o Tratado de libre comercio con Canadá (CETA). Aínda que as negociacións do primeiro deles entraron nun impasse, aparentemente por intereses electoralistas de países como Francia e Alemaña, non é senón unha cortina de fume para terminar de ratificar a inminente firma do segundo.

Os efectos e impactos no curto e longo prazo destes tratados son demoledores. Lonxe de crear emprego, argumento principal de quen os defenden, atopariámonos ante unha situación na que os nosos xa de seu mermados dereitos laborais se verían aínda máis vulnerados polo desmantelamento na práctica da normativa de proteción laboral; asistiriamos a maiores recortes e privatizacións dos servizos públicos; a unha dramática conversión do noso actual sector agrícola e gandeiro ou a unha desproteción das e dos consumidores, así como do medioambiente, pola desregulación das actuais normas sanitarias en materia de alimentación ou en materia de tratamento de residuos.

Ademais, a implantación destes tratados suporía situar toda acción dos poderes públicos (leis, regulamentos, normas e até os propios tratados constitucionais) ao servizo dos intereses de empresas estranxeiras e da proteción dos investimentos, xa que os gobernos terían que garantir os principios de “igualdade no tratamento”, facendo imposíbel a preferencia por empresas locais que defenden o emprego; de “seguridade do investimento”, sen que se poidan cambiar as condicións de explotación nin expropiar sen compensación; e de “liberdade da empresa” a transferir o seu capital a outro lugar cando así o decidan. Principios que, de non respectarse, serían dirimidos en tribunais de arbitraxe privados, quen actuarían por encima das institucións de xustiza dos estados membros e da propia UE, en clara oposición aos intereses das maiorías sociais.

Os acordos TTIP e CETA non son só acordos comerciais que busquen ampliar o mercado e eliminar restricións para favorecer ás economías nacionais. Estes acordos teñen obxectivos claramente políticos pois representan un ataque contra os dereitos sociais, económicos e ambientais, e contra a soberanía dos pobos, xa que eluden calquera sometemento a un exame democrático e instalan á empresa como centro das relacións sociais. Por iso, a análise da xénese e o funcionamento do neoliberalismo e a súa lóxica normativa global que orienta a práctica efectiva de gobernos e empresas, así como a conduta de millóns de persoas que non son necesariamente conscientes diso, é condición imprescindíbel para unha resistencia eficaz.

Unha resistencia que se expresa nas múltiples mobilizacións, accións de formación e información, así como en valentes filtracións de documentos, que se están levando a cabo en moitas cidades europeas dende movementos sociais, sindicais, políticos, e mesmo dende a acción institucional por parte de máis dun milleiro de concellos que xa adoptaron resolucións contra estes tratados.

Só a cidadanía e as súas organizacións poden frear estes tratados e deconstruir as narrativas hexemónicas que tratan de convencernos da necesidade de investimento e estabilidade económica en tempos de crise. Por iso, desde Anticapitalistas facemos un chamamento a participar desta resistencia, en defensa dos dereitos de todas e todos, pola soberanía dos pobos e en contra dos intereses das elites capitalistas.

Tralas eleccións, construír Marea

Os resultados electorais en Galiza deixan un panorama complicado. A posibilidade de que unha alternativa antiausteritaria chegara á Xunta , esperanza que xurdiu despois do 20-D non se concretou finalmente. O PP demostrou a súa fortaleza, como unha auténtica máquina de guerra electoral con raíces no territorio e un discurso que apela ao medo que cala en sectores amplos, un partido de masas que conseguiu presentarse con exito como unha marca diferente ao PP estatal. En Marea pasará a liderar a oposición, cun resultado que afonda a caída experimentadas nas segundas eleccións. Esta caída reflexa
o momento de refluxo que estamos a vivir, en canto a baixada da participación politica e caída das mobilizacións. Pero o resultado, inferior ás expectativas, tamén se debe a factores propios. En primeiro lugar o propio proceso de conformación do partido instrumental, visto con confusión e moi acelerado, con fortes doses de improvisación. En segundo lugar, continuou o proceso de baleiramento de contidos da mensaxe e do programa, cun discurso autorrerencial e unhas propostas centradas na xestión do estreito marco do posíbel. O BNG, cun discurso rupturista e co dereito a decidir, conqueriu arrastrar votos de contestación e acadar un resultado mais que digno.
Porén, En Marea aínda ten o potencial de superar esos límites, convertir o partido instrumental en algo máis que unha forma xurídica, enchelo de contido. Para iso, é o momento de construír dende abaixo, crear asembleas de En Marea, dar o paso do local ao nacional. Para iso tamén é fundamental interactuar coas loitas, recuperar o terreo natural da loita de clases , a mobilización en defensa dos dereitos arrebatados.
Entramos nunha nova fase de construción pacente, unha fase de repregamento. Pero esta volta as trincheiras no pode ser un repregamento identitario, senon un proceso de clarificación política e reforzamento ideolóxico. Os debates que se abran teñen que estar presididos polo compañeirismo e a crítica constructiva, poñendo o común por enriba dos intereses de parte. Calquera tentativa de desandar o camiño andado só perxudicaría os intereses das maiorías sociais galegas. Temos necesidade de impulsar toda a nosa capacidade de autoorganización, de mobilizar toda a nosa intelixencia colectiva, de apostar por unha creba democrática a todos os niveis. A Marea pode subir ou baixar, experimentar fluxos e refluxos, pero está en condicións de liderar unha alternativa, como o mar que a pesar dos ciclos, segue batendo na costa.

Trala consulta de Podemos, construír Marea

Unha vez coñecidos os resultados da consulta telemática de Podemos, cunha ampla maioría de máis de tres cuartos a favor de confluír con outras forzas, despéxase un pouco máis o panorama de cara a construír unha ferramenta ampla que despute a Xunta ao PP o 25s. As inscritas de Podemos amosaron unha altura de miras e unha xenerosidade das que debe tomar boa nota a dirección galega.

Dende Anticapitalistas Galiza sempre apostamos pola confluencia e levamos tempo traballando nesa perspectiva, por iso, pensamos que un partido instrumental é a fórmula que, dende a adscripción individual, permite múltiplicar a suma das partes e consecuentemente, a máis coherente co mandato das bases de Podemos Galicia.Trala experiencia de En Marea, positiva en canto a resultados pero que xa amosou os límites que ten o modelo coalición, representaría un paso atrás apostar de novo por esta fórmula, por un reparto de cotas entre cúpulas, por unha negociación entre aparatos ao marxe da xente do común. A Marea Constituínte do pasado sábado en Vigo supuxo un paso adiante á hora de democratizar e ampliar En Marea. O partido instrumental nacido dela permite a confluencia de todas aquelas que cremos nunha ruptura democrática na Nosa Terra, por enriba de siglas e identidades. Xenerouse un espazo común que pon por diante o obxetivo de unir vontades coa fin de frear as políticas austeritarias e pode convertirse nun instrumento para construír o poder das maiorías sociais. Poñer límites ao caudal maioritario de enerxías a prol da unidade antepoñendo patriotismos de partido sería facernos retroceder a escenarios de división e fragmentación dos que só se benefician as de arriba. Os intereses das maiorías sociais agredidas está por enriba dos intereses de partido. Á converxencia real entre iguais vai máis alá de guións, porcentaxes e parénteses.
Entendendo o acelerado dos tempos pensamos que cómpre tomar medidas no sentido de ampliar a pluralidade e representatividade da Coordinadora Provisional ratificada o sábado, que pode percibirse como un reparto de parcelas entre axentes políticos. Así mesmo, hai que ponerse a traballar urxentemente na elaboración colectiva e dende abaixo dun programa de creba democrática que encha de contido a metodoloxía e os principios aprobados. Só dende o impulso da participacion, do vencellamento co tecido social, da xeración de experiencias democratizadoras dende a base, coa creación de asembleas comarcais e locais poderanse superar inercias burocráticas e espantar o espellismo do electoral como único horizonte. Porque podemos comezar a mudalo todo e ese camiño temos que percorrelo xuntas e organizadas, hai Marea!

Anticapitalistas Galiza ante a consulta telemática de Podemos Galicia

Ante a consulta telemática convocada por Podemos Galicia de cara a decidir como vai concorrer ás vindeiras eleccións autonómicas, dende Anticapitalistas Galiza queremos manifestar o noso apoio á opción A, presentarse en alianza con outras forzas políticas e sociais do cambio.
Pensamos que ante a prioridade de desaloxar ao PP da Xunta, dende a que está a agredir coas súas políticas ás clases populares do país, cómpre sumar e non restar. Nas dúas últimas eleccións xerais púxose de manifesto que a unión fai a forza e que En Marea emerxía como alternativa clara fronte ao bipartidismo. Podemos participou neses procesos, polo que non sería entendibel que agora permanecera ao marxe. Por outra banda, a partir do manifesto dos alcaldes xerouse un espazo de confluencia que, concretado na Marea Constituínte do 30X, pon as bases para unha construción dende abaixo que, aínda con limitacións, amplía e pretende mellorar o modelo de En Marea. Seguir lendo

Pola Galiza das de abaixo: construír poder popular

25.jpg

Cada 25 de xullo lembramos o carácter nacional de Galiza, reconstruímos un sentimento de comunidade, uns lazos que nos vencellan a unha identidade compartida. Mais o 25 de xullo non é unha data para ollar cara o pasado con nostalxia idealizada, senón para reivindicar os nosos dereitos como galegas e galegos, para lembrar que a nosa identidade se construíu no conflito entre intereses antagónicos, dende a Folga das traballadoras da Tabacaleira da Coruña en 1831 até ás manifestacións de Nunca Máis, pasando polos mártires asasinados polo fascismo en 1936.

Cando se cumplen 80 anos do inicio da bárbara represión franquista que asolagou nunha longa noite de pedra á Nosa Terra, temos o deber de rememorar ás víctimas, ás que loitaron pola Galiza das clases populares, mais tamén a todas aquelas que mantiveron acesa a chama da Galiza rebelde, que alumeou a revolta de Castrelo de Miño no 1964, as protestas antinucleares en Xove, a loita pola Terra en As Encrobas. Porque a Galiza loitadora das de abaixo foi e segue sendo aldraxada, expoliada de recursos materiais e humanos. Arrebátannos a nosa natureza e paisaxe, despóxannos da nosa língua, condénannos á emigración. E son os de sempre, os féridos e duros, os vellos caciques e os novos explotadores. Malvenden autoestradas, desmantelan o noso tecido productivo, explotan e expolian, eucaliptizan os nosos montes e, sobre todo, negan o dereito a que decidamos o noso futuro.

Ser os donos das nosas vidas significa democratizar a economía, recuperar os nosos dereitos, poder decidir sobre os nosos corpos, elexir cal ten que ser o noso vencellamento cos outros pobos do Estado Español. Dereito a decidir, para decidilo todo. Por desgraza, o debate sobre a plurinacionalidade, sobre os nosos dereitos colectivos, sobre o exercicio práctico da nosa soberanía, esmoreceu nos discursos electorais na campaña do 26X. O dereito de autodeterminación non pode sacrificarse tacticamente en beneficio dunha moderación supostamente gañadora. Trátase dunha cuestión de principios, mais tamén de abrir camiños cara unha creba democrática no conxunto do Estado, na que Galiza debe contar con voz propia.
Este outono albíscase no horizonte unha nova cita electoral, coa posibilidade factíbel de desaloxar ao PP do goberno da Xunta. Existe unha ferramenta electoral que pode representar os intereses das clases populares nas institucións. Pero para iso, precísase que En Marea sexa máis que unha marca electoral, máis que unha coalición de partidos con intereses contrapostos. Chegou á hora de construír un partido-movemento amplo para as clases populares do país, que teza máis alá do electoral, que bote raíces no territorio, no social, no espazo do conflito. Para iso, fai falta xenerosidade e altura de miras, antepoñer o común sobre os intereses de parte, trasladar o caudal de enerxía das Mareas locais a unha Marea nacional reconstituída nun sentido democrático, que aposte por un programa de ruptura, cunha auditoría da Débeda, unha banca pública galega, unha recuperación dos bens comúns, a loita contra a precariedade, un novo modelo productivo coa igualdade como meta. Comezar a mudalo todo pasa por recoñecer ao pobo galego como suxeito político, como actor do seu destiño.

Nun día coma hoxe, non reivindicamos a Nación de Amancio Ortega ou Jacinto Rey. Nós cremos na Galiza das traballadoras, das precarias, das paradas, das migrantes, das coidadoras, das boas e xenerosas, que constrúen Galiza na loita do día a día. Temos que estar á súa altura, lembrar o pasado, ás que quixeron construír un mundo novo fai 80 años, para conquistar o futuro. As desposuídas queremos telo todo.

Viva Galiza Ceibe, Socialista e Feminista.