LEGALIDADE E LEXITIMIDADE. Notas a un artigo de Javier Pérez Royo sobre Escocia e Catalunya

Resultado de imagen de sant jaume republica catalana

 

Manuel A. Fortes

1, A mitoloxía nacionalista española franquista y neofranquista fálanos de cinco centos anos de paz e de harmonía, que agora rachan uns cantos.

Sobre esto poden facerse algunhas referencias históricas: Primeiro, os Reis Católicos  casaron, pero non “casaron” os reinos, que seguiron coas súas institucións independentes, política exterior, etc.
Máis adiante, o intento, en tempos de Felipe IV, de independizarse por parte de Catalunya (o que si conseguiu Portugal).

Logo, non moito tempo despois, na chamada guerra de sucesión ao trono de España, Catalunya tomou partido polos que acabaron derrotados, coas consecuencias coñecidas para as súas institucións (e de aí a Diada).

Pouco máis dun século máis tarde, damos coa primeira república española: república federal. Xa sabemos como acabou.

Pero seguimos; non pasaron tantos anos e liquidouse a monarquía e proclamouse a segunda república; que, por certo, se proclamou primeiro en Catalunya: a república catalá. Xa sabemos como continuou a historia; marcha atrás no da república catalá, pero se buscou unha alternativa nos Estatutos de Autonomía.

Logo veu o golpe de Estado e a fin da autonomía e das liberdades e da democracia … e de tantas cousas.

Pero a historia non acaba; e na loita antifranquista as puntas de lanza estaban nas reivindicacións cataláns e vascas. Reivindicacións do dereito de autodeterminación. Reivindicacións que todos os partidos que daquela se dicían de esquerda  asumían (mesmo PCE e PSOE). Logo chegou a reforma pactada, o consenso e “se che vin non me lembro”.

Concluíndo, non sei ao que se refería o autor do artigo de referencia co das diferentes historias entre Escocia e Catalunya (para xustificar que? Eu non entendo que a historia xustifique, senón que a historia explica); e a de Catalunya non é, precisamente, de “levamos cinco centos anos unidos”, senón que lembra máis a aquelo de “atados e ben atados”. E isto, ao mellor, sérvenos para explicar moitas cousas … do presente.

 

2, Vaiamos agora ao presente e aos argumentos sobre a legalidade e lexitimidade, contrapostas, de Escocia e Catalunya, das reivindicacións dos seus respectivos referendos.

2,1, Considera o autor do artigo que o Partido Nacionalista Escocés defendía no seu programa a convocatoria dun referendo, polo que, ao acadar a maioría absoluta nas eleccións iso lexitimaba tal convocatoria. As autoridades británicas asumiron os resultados electorais en Escocia e pactaron a convocatoria dese referendo.

Entón aí estamos empatados, tanto a coalición JxSi como a CUP incluían o mesmo no seu programa; e sumados daban maioría absoluta. Logo, a mesma lexitimidade. Só faltaba que as autoridades españolas recoñecesen o resultado electoral e pactasen as condicións do referendo.

2,2, Pero hai máis; dado o sistema electoral británico esa maioría absoluta en escanos non implicaba, como non implicou, maioría absoluta en votos. Agora ben, a cuestión era maioría absoluta en escanos; e iso lexitimaba a convocatoria dun referendo.

2,3, En Catalunya a cousa era diferente? A maioría absoluta en escanos dos que se reclamaban independentistas tampouco coincidía coa maioría absoluta en votos populares (o sistema electoral español e catalán tamén permitiría iso, pois non é especialmente representativo, aínda sen ser estritamente maioritario, como no Reino Unido).

Iso non debería ser problema se non o foi en Escocia. Pero resulta que a suma dos votos da minoría en escanos (PP, C’s e PSC) que se manifestaban en contra do tal referendo, tampouco daba maioría absoluta en votos. E isto si que ocorría en Escocia: se sumamos os votos populares dos partidos opostos ao referendo (Laborista, Conservador e Liberal-Demócrata) superaban aos do PNE.

2,4, Que raro¡ Faltan votos en Catalunya se nin os independentistas nin os españolistas conseguen maioría absoluta. Claro: faltan os votos dunha candidatura, que non reclamaba a independencia, pero que si asumía o dereito a decidir dos cataláns (e que nestes momentos segue a facer): CatSiqueesPot. Esta candidatura non chamaría nese hipotético referendo a votar independencia, senón que defendería unha modificación substancial do status quo, con maiores competencias para Catalunya (federación ou confederación). Pero, e isto é o relevante para o caso, sempre defendeu que esa era unha decisión que debían tomar os cataláns: dereito a decidir.

2,5, Conclusión: Os votos independentistas (e xa sabemos que os escanos) son bastantes máis (1.966.498) que os españolistas (1.608.840); pero se do que falamos é dos votos a favor do dereito a decidir, do dereito a que en referendo os cataláns decidan, entón esa diferenza aumenta (2.334.111 contra 1.608.840).

Se contamos os votos no proceso electoral, entón dereito de autodeterminación: 56,5; non dereito a decidir: 38,95. Case vinte puntos de diferenza. Logo se votaría e sairía o que saíse (como en Escocia, que saíu o que saíu: pero votaron os escoceses).

2,6, Se o problema está en que o sistema electoral non recolle con fidelidade (nin en Catalunya nin en Escocia) os votos; é dicer, non traduce de modo representativo os votos en escanos, entón no que habería que pensar é en cambiar o sistema electoral. Mais iso non modifica o que estamos a dicer, para Catalunya, pois a maioría en escanos ten detrás unha clara maioría en votos.

2,7, É, polo tanto, falso e demagóxico, concluír que os partidos que defenden o referendo son minoría en votos aínda que sexan maioría en escanos. O que se fai é incluír, ilexitimamente, a CatSiqueesPot entre os españolistas, cando a posición desta organización é, efectivamente, contraria á independencia, pero favorábel, inequivocamente, a que a decisión a tomen os cataláns. Logo, a CatSiqueesPot hai que incluíla entre os que defenden o dereito de autodeterminación (aínda que non a independencia); pero é falsear a realidade incluíla entre os contrarios ao dereito de autodeterminación, sumando os seus votos aos dos españolistas para sacar de aí unha presunta maioría contra o referendo. Falso de toda falsidade.

2,8, Por outra banda, resulta hilarante a reclamación da “lexitimidade popular en votos” por parte daqueles que aprobaron leis sen ningunha lexitimidade popular en votos. Ou sexa, cantas leis do PP con maioría absoluta no congreso tiñan “maioría absoluta de votos populares detrás”, tanto na época de Aznar como na de Rajoy, épocas de manifesta soidade “popular”? Efectivamente, coincidimos con eles: moitas leis ilexítimas.

2,9, Semella, pois, que, e utilizando o criterio de lexitimidade do autor do artigo ao que nos referimos, hai maior lexitimidade na convocatoria dun referendo en Catalunya que na convocatoria dun referendo en Escocia. O que hai é máis democracia nun sitio (Reino Unido) e menor democracia noutro (España); ou, para dicilo doutro modo, hai partidos democráticos (Conservador, Laborista e Liberal-Demócrata) e partidos con fondas eivas democráticas (PP, C’s e PSC-PSOE).

2,10, E faltaba un dato que dá aínda máis lexitimidade ao Procés respecto da situación en Escocia: a participación popular. En Escocia participaron nas eleccións nas que o PNE acadou a maioría absoluta pouco máis do 50% dos cidadáns con dereito a voto. En Catalunya, cando conseguiron case un 60% dos votos os partidos favorábeis ao referendo (case un 40% os contrarios) a participación chegou a un 75%. Repetimos: a cuestión está na ausencia ou presencia de valores democráticos nun ou noutro Estado (nuns ou noutros partidos).

 

3, Pero hai máis reflexións a comentar nese artigo.

3,1, Nel vense dicer que “os nacionalistas” viron reducidos o número de votos a medida que incluían no seu programa propostas independentistas (ou autodeterministas). Que sumados os escanos de ERC e CiU nas anteriores eleccións (71) resultan bastantes máis que os 62 desta última na que declararon abertamente o seu independentismo; e que só conseguiron maioría absoluta de escanos grazas á suma coa CUP.

Pois non se ve cal é o problema se esa suma de escanos, e votos, dá o que dá: acaso a CUP non está polo dereito de autodeterminación? Entón?

3,2, En primeiro lugar hai que dicer que se falamos do que toca; é dicer, da reclamación dun referendo de autodeterminación, ese referendo o reclamou sempre a CUP, polo que non é nada novo. E a posición verbo da independencia de ERC tampouco é nova. Si, efectivamente, é nova a posición de Convergencia (Unió, como é ben sabido, mantívose no seu autonomismo ….  e pasou á irrelevancia electoral).

3,3, Que Convergencia, cun novo nome, baixase as súas expectativas electorais non sería estraño (en todo caso, só falamos de enquisas, pois non houbo presentación independente a un comicio; ás últimas nacionais catalás o fixo en coalición con ERC). Mais iso sería normal, dada a súa historia acomodaticia co Estado das autonomías; e nun proceso de radicalización a coherencia -CUP, ERC- é normal que se vese premiada.

O único que se ve é unha evolución “á esquerda” dos votos polo dereito a decidir.

3,4, Como xa diciamos, para restar lexitimidade á convocatoria do referendo o autor do artigo di que “estes nacionalistas” foron perdendo representación a medida que facían inequívoco o reclamo do dereito a decidir.

Agora ben, o certo é que os votos sumados de CiU+ERC+CUP en 2012 son menos que os sumados en 2015 (a diferenza a favor supera os douscentos mil).

Pero, ademais, a coalición de Convergencia máis ERC tampouco veu reducidos os seus votos. Si se reduciron o número de escanos (9 menos); pero, pola contra, aumentaron os   votos populares (case 15.000 máis).

Como se explica esta aparente contradición? Pois polo aumento da participación e a diferente distribución de votos (o que ha que unir á circunscrición electoral provincial). Aumentaron lixeiramente esa coalición á que nos referimos, e triplicaron os seus votos C’s e CUP, baixando significativamente o PP e lixeiramente o PSC. Finalmente a coalición de Podemos con ICV e EUiA superou lixeiramente os votos da coalición destes dous últimos en 2012.

Onde está a perda de lexitimidade? Ademais habería que ver, a día de hoxe, e tras as decisións do goberno español, que só entende de represión e de actuar en clave “cativo e desarmado o exército inimigo”, cal é a situación real de apoio a uns e a outros: en todo caso, de haber dúbidas, resolveríase cun referendo.

 

4, Conclusión final: E tomando como referencia o criterio de lexitimidade (sen entrar noutras consideracións) do autor do texto que estamos a anotar, o Procés, a convocatoria dun referendo de autodeterminación en Catalunya (que os cataláns decidan) presenta unha moi superior lexitimidade que a convocatoria de referendo en Escocia.

 

5,O problema está claro: nuns Estados hai democracia e noutros non.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s