Día Nacional de Galiza, seguir organizando resistencias.

O 25 de xullo, Día Nacional de Galiza, é unha data para lembrar e para reivindicar. Lembramos toda unha traxectoria de loitas na que as clases populares galegas exerceron como suxeito de seu, en defensa de dereitos colectivos, dende os heroes e heroínas que combateron o golpe de Estado fascista de 1936 até as mobilizacións masivas de Nunca Mais, pasando polas folgas históricas contra o franquismo de 1972 ou a loita pola Terra das Encrobas en 1977. No pasado, foi no conflito onde o pobo galego tomou conciencia dos seus dereitos como pobo e se enfrontou decididamente a quen llos estaban a arrebatar. Hai moita dignidade acumulada na nosa memoria como país.

Os conflitos seguen vivos na actualidade, como se está a ver nas sucesivas mobilizacións de PSA Citroën, do metal de A Coruña, do transporte, das comunidades educativas dos centros pechados, das traballadoras do 112, de Ferroatlántica, do CSOA Escarnio e Maldizer. Fronte ao medo, a nosa clase móvese, sectores diversos dela saen a rúa para tentar parar esta ofensiva do neoliberalismo que quere incrementar os seus beneficios sempre a costa das nosas vidas, destruíndo o público, aumentado a explotación, recortando dereitos, precarizando e someténdonos a diferentes formas de opresión e desigualdade. En Galiza, aquí e agora coñecemos ben estas formas de opresión, fronte ao país idílico de Feijóo, coas segundas pensións mais baixas do Estado, cunha mocidade que segue condenada a emigrar, coa destrución da nosa paisaxe e o abandono dos nosos sectores produtivos e do noso rural.

Tralo ciclo electoral, o réxime do 78 aspira a recompoñerse, sandando feridas. Mais unha das feridas que mantén abertas e que lle vai custar traballo sandar, é a cuestión nacional, a resposta as demandas lexitimas dos pobos das nacións sen Estado do Estado español fronte a involución recentralizadora. Unha centralización que arrebata competencias a concellos e autonomías para frear outras políticas que poidan supoñer unha alternativa a xestión da austeridade, como a que representan, con todas as súas dificultades, as nosas cidades rebeldes. Un Estado español que pretende esmagar con todas as armas posíbeis a lexítima demanda do dereito a decidir que reivindica maioritariamente o pobo catalán. Isto amosa o medo que ten o bipartidismo a que os pobos poidamos exercer a democracia, porque se somos capaces de decidir democraticamente o noso futuro, abrimos a vía a decidilo todo, non só o modelo territorial, tamén o modelo económico, as nosas vidas, os nosos corpos. Por iso este 25 de xullo as maiorías sociais galegas, ademais de solidarizarnos coas aspiracións do pobo catalán, temos que reivindicar o noso dereito a decidir, vencellalo á transformación radical das nosas condicións de vida. Fronte a recomposición​ de réxime, fronte ás imposicións austeritarias e o recorte dos dereitos democráticos, temos que erguer ben alto a bandeira da desobediencia. Só traballando en chave de ruptura co establecido poderemos superar as eivas e os medos, as tentacións do acomodamento. Só organizando as resistencias dende abaixo, co impulso das dinámicas de mobilización, poderemos poñer o noso poder sobre a mesa, o poder das clases subalternas organizadas para superar os límites do marco institucional, para organizar a sociedade doutra forma, en beneficio das máis.

Coa ollada posta na memoria, este 25 de xullo recollamos o alento das loitas do pasado para facelas vivas no presente, no día a día na nación das explotadas, das que coidan, das que loitan. O seu exemplo é o faro que teñen que seguir todas as nosas accións, para conquistar un futuro no que a frase “mudalo todo” cobre un significado real.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s