Comunicado de Anticapitalistas Galiza ante a elección da coordinadora de En Marea

mar de vigo

O 30 de xullo de 2016 enchemos o auditorio Mar de Vigo para dar nacemento a un novo suxeito de ruptura cunhas regras comúns. Ese día producíase a mutación de En Marea nun espazo de adscrición individual no que todas podiamos participar en pé de igualdade, tecendo mareas municipalistas, organizacións partidarias e militancias individuais. Dende logo que foi un debate con momentos tensos, coa tensión creativa que teñen os debates abertos e á cara, onde todo se pode discutir. Porén, a vontade constituínte coa que naceu EM foi firme, clara e unitaria: a radicalidade democrática, a horizontalidade e a elaboración colectiva como bases para unha creba democrática que tronzara as políticas austeritarias no noso país.

O pasado domingo virouse esa vontade maioritaria, os consensos que nos demos nesa data saltaron polos aires: unha portavocía coral e rotatoria, uns órganos de dirección plurais representativos dos distintos espazos participantes, o recoñecemento das mareas municipais como a referencia de EM a nivel local dende o respecto da súa autonomía. o feminismo como guía e como praxe. E sobre todo, traizoouse ese espírito constituínte, a suma por enriba das partes, a vontade de mandar obedecendo, as persoas ao servizo do colectivo, non o colectivo ao servizo das persoas. A referencia institucional vai ser tamén a referencia orgánica, única, masculina, autonomizada fronte aos controles democráticos. Vemos na coordinadora rostros e prácticas que boicotearon a unidade popular e antepoñen intereses particulares á construción en común. Prácticas e posicionamentos que rompen consensos coa fin de desandar o camiño de unidade entre as que aspiran a superar este réxime podre. Un concepto de partido verticalista, personalista e pechado, atenazado polo medo a sobrepasar marcos mentais e políticos xa superados. O espírito e máis a letra dos acordos do Mar de Vigo, desfacéndose coma as ondas nos cantís, en aras dunha política fraccionalista e gris.

Mais pese a todo non podemos retroceder no camiño da unidade popular. Custou moito construíla, se ben e certo que non é un proceso acabado, non podemos mirar atrás nin caer en repregamentos nin desafeccións. Non é o momento de xirar sobre nós mesmos, sobre dinámicas de aparatos, senón de ampliar o espazo. Hai alternativa, máis alá dos despachos, máis alá do ámbito institucional, máis alá de individualidades. Non hai peche por arriba que resista a forza da participación colectiva, do debate político amplo e da praxe radical da democracia en todos os ámbitos. Constrúamos ferramentas de discusión construtiva e aberta, recuperemos os espazos de debate colectivo, o pulso dende abaixo, a capacidade de vencellarnos coas clases traballadoras.

Ninguén é imprescindible pero todas somos necesarias. Dende Anticapitalistas Galiza defendemos que todas aquelas que acreditan na confluencia como ámbito de encontro do rupturismo galego, todas aquelas que traballaron sen descanso por construír En Marea máis alá do electoral, deben sumar para virar o rumbo de nave e volver aproar cara os consensos da Asemblea Constituínte, cara unha marea democrática, radical e dende abaixo, que aspire a mudalo todo para que nada, nada, siga igual.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s