Comunicado de Anticapitalistas de apoio á Folga Xeral en Educación do 26 de outubro

huelga-26o-gal1

Anticapitalistas quere amosar o seu apoio, chamando a tódalas plataformas, ANPAS, sindicatos, alumnas, persoal docente e laboral e resto de integrantes da comunidade educativa que participan na defensa da Educación Pública a secundar a Folga Xeral Educativa convocada para o vindeiro 26 de outubro de 2016.

Entendemos que sobran razóns de peso para apoiar esta xornada de acción que, de feito, debe servir para iniciar un novo ciclo de mobilizacións contra os ataques á educación pública. Esta xornada non ten como único obxectivo o posicionamento en contra das reválidas. Tamén debe servir para realizar un novo chamamento social a retirar e derrogar a Lei Orgánica 8/2013, de 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (LOMCE) ou reverter dunha vez por todas a política de recortes iniciada fai xa máis de cinco anos, senón a implantación e reforzamento dunha auténtica praxe neoliberal e ideolóxica nas políticas educativas que conseguiu “avances” e “éxitos” para os seus valedores e que afonda cada vez máis na perda de calidade e dereitos do persoal docente, o reforzamento dos privilexios que hoxe vén tendo a escola privada e concertada, os malos tratos á Formación Profesional (con miles de alumnos sen poder cursar os módulos elixidos en primeira opción), a ausencia de recursos materiais e humanos, a falta de infraestruturas públicas ou o enorme atraso na entrega de obras de construción e ampliación de centros, o peche de liñas, centros, niveis ou grupos, as altas taxas e prezo de matrículas na educación superior universitaria, as políticas segregadoras nas aulas ou a ausencia dunha educación realmente laica, entre outras moitas máis carencias e necesidades.

En relación coa implantación para este curso das reválidas derivada da entrada en vigor gradual da LOMCE, entendemos que serve aínda máis para fracturar socialmente este país. Créase unha maioría que non pode custearse os estudos superiores debido ás importantes subidas do prezo de matrícula dos últimos anos, afectando sobre todo ás clases traballadoras e máis desfavorecidas. Con iso o PP, valedor do neoliberalismo doutrinal, culmina a súa estratificación social: unhas elites universitarias, cada vez máis dirixidas cara ás universidades privadas, e unha clase traballadora e subalterna destinada e preparada para ser tratada como mera unidade produtiva no sector servizos estatal.

Dende Anticapitalistas seguiremos apoiando tódalas accións encamiñadas a denunciar esta política realizada polo goberno estatal e os gobernos autonómicos no ámbito educativo e sumámonos a todas aquelas futuras accións, reivindicacións e mobilizacións da comunidade educativa e demais sectores en defensa da Educación Pública. Defender os nosos dereitos pasa hoxe por desobedecer e derrogar a LOMCE. Neste sentido, chamamos a participar activamente nas manifestacións e protestas que se convocaron para o mesmo día 26 de outubro.

Advertisements

Comunicado de Anticapitalistas na Semana de Mobilizacións contra o TTIP e o CETA

semana-contra-el-ttip-gal

Outono en Resistencia do 8 ao 15 de outubro

En defensa dos dereitos humanos e a soberanía popular

Dende o ano 2013, as elites neoliberais de tres das maiores rexións económicas do mundo, Unión Europea, EEUU e Canadá, veñen negociando, baixo prácticas oscurantistas e antidemocráticas, dous dos tratados máis dañinos na historia do libre comercio: o Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos (TTIP) e o Tratado de libre comercio con Canadá (CETA). Aínda que as negociacións do primeiro deles entraron nun impasse, aparentemente por intereses electoralistas de países como Francia e Alemaña, non é senón unha cortina de fume para terminar de ratificar a inminente firma do segundo.

Os efectos e impactos no curto e longo prazo destes tratados son demoledores. Lonxe de crear emprego, argumento principal de quen os defenden, atopariámonos ante unha situación na que os nosos xa de seu mermados dereitos laborais se verían aínda máis vulnerados polo desmantelamento na práctica da normativa de proteción laboral; asistiriamos a maiores recortes e privatizacións dos servizos públicos; a unha dramática conversión do noso actual sector agrícola e gandeiro ou a unha desproteción das e dos consumidores, así como do medioambiente, pola desregulación das actuais normas sanitarias en materia de alimentación ou en materia de tratamento de residuos.

Ademais, a implantación destes tratados suporía situar toda acción dos poderes públicos (leis, regulamentos, normas e até os propios tratados constitucionais) ao servizo dos intereses de empresas estranxeiras e da proteción dos investimentos, xa que os gobernos terían que garantir os principios de “igualdade no tratamento”, facendo imposíbel a preferencia por empresas locais que defenden o emprego; de “seguridade do investimento”, sen que se poidan cambiar as condicións de explotación nin expropiar sen compensación; e de “liberdade da empresa” a transferir o seu capital a outro lugar cando así o decidan. Principios que, de non respectarse, serían dirimidos en tribunais de arbitraxe privados, quen actuarían por encima das institucións de xustiza dos estados membros e da propia UE, en clara oposición aos intereses das maiorías sociais.

Os acordos TTIP e CETA non son só acordos comerciais que busquen ampliar o mercado e eliminar restricións para favorecer ás economías nacionais. Estes acordos teñen obxectivos claramente políticos pois representan un ataque contra os dereitos sociais, económicos e ambientais, e contra a soberanía dos pobos, xa que eluden calquera sometemento a un exame democrático e instalan á empresa como centro das relacións sociais. Por iso, a análise da xénese e o funcionamento do neoliberalismo e a súa lóxica normativa global que orienta a práctica efectiva de gobernos e empresas, así como a conduta de millóns de persoas que non son necesariamente conscientes diso, é condición imprescindíbel para unha resistencia eficaz.

Unha resistencia que se expresa nas múltiples mobilizacións, accións de formación e información, así como en valentes filtracións de documentos, que se están levando a cabo en moitas cidades europeas dende movementos sociais, sindicais, políticos, e mesmo dende a acción institucional por parte de máis dun milleiro de concellos que xa adoptaron resolucións contra estes tratados.

Só a cidadanía e as súas organizacións poden frear estes tratados e deconstruir as narrativas hexemónicas que tratan de convencernos da necesidade de investimento e estabilidade económica en tempos de crise. Por iso, desde Anticapitalistas facemos un chamamento a participar desta resistencia, en defensa dos dereitos de todas e todos, pola soberanía dos pobos e en contra dos intereses das elites capitalistas.