Tralas eleccións, construír Marea

Os resultados electorais en Galiza deixan un panorama complicado. A posibilidade de que unha alternativa antiausteritaria chegara á Xunta , esperanza que xurdiu despois do 20-D non se concretou finalmente. O PP demostrou a súa fortaleza, como unha auténtica máquina de guerra electoral con raíces no territorio e un discurso que apela ao medo que cala en sectores amplos, un partido de masas que conseguiu presentarse con exito como unha marca diferente ao PP estatal. En Marea pasará a liderar a oposición, cun resultado que afonda a caída experimentadas nas segundas eleccións. Esta caída reflexa
o momento de refluxo que estamos a vivir, en canto a baixada da participación politica e caída das mobilizacións. Pero o resultado, inferior ás expectativas, tamén se debe a factores propios. En primeiro lugar o propio proceso de conformación do partido instrumental, visto con confusión e moi acelerado, con fortes doses de improvisación. En segundo lugar, continuou o proceso de baleiramento de contidos da mensaxe e do programa, cun discurso autorrerencial e unhas propostas centradas na xestión do estreito marco do posíbel. O BNG, cun discurso rupturista e co dereito a decidir, conqueriu arrastrar votos de contestación e acadar un resultado mais que digno.
Porén, En Marea aínda ten o potencial de superar esos límites, convertir o partido instrumental en algo máis que unha forma xurídica, enchelo de contido. Para iso, é o momento de construír dende abaixo, crear asembleas de En Marea, dar o paso do local ao nacional. Para iso tamén é fundamental interactuar coas loitas, recuperar o terreo natural da loita de clases , a mobilización en defensa dos dereitos arrebatados.
Entramos nunha nova fase de construción pacente, unha fase de repregamento. Pero esta volta as trincheiras no pode ser un repregamento identitario, senon un proceso de clarificación política e reforzamento ideolóxico. Os debates que se abran teñen que estar presididos polo compañeirismo e a crítica constructiva, poñendo o común por enriba dos intereses de parte. Calquera tentativa de desandar o camiño andado só perxudicaría os intereses das maiorías sociais galegas. Temos necesidade de impulsar toda a nosa capacidade de autoorganización, de mobilizar toda a nosa intelixencia colectiva, de apostar por unha creba democrática a todos os niveis. A Marea pode subir ou baixar, experimentar fluxos e refluxos, pero está en condicións de liderar unha alternativa, como o mar que a pesar dos ciclos, segue batendo na costa.