Trala consulta de Podemos, construír Marea

Unha vez coñecidos os resultados da consulta telemática de Podemos, cunha ampla maioría de máis de tres cuartos a favor de confluír con outras forzas, despéxase un pouco máis o panorama de cara a construír unha ferramenta ampla que despute a Xunta ao PP o 25s. As inscritas de Podemos amosaron unha altura de miras e unha xenerosidade das que debe tomar boa nota a dirección galega.

Dende Anticapitalistas Galiza sempre apostamos pola confluencia e levamos tempo traballando nesa perspectiva, por iso, pensamos que un partido instrumental é a fórmula que, dende a adscripción individual, permite múltiplicar a suma das partes e consecuentemente, a máis coherente co mandato das bases de Podemos Galicia.Trala experiencia de En Marea, positiva en canto a resultados pero que xa amosou os límites que ten o modelo coalición, representaría un paso atrás apostar de novo por esta fórmula, por un reparto de cotas entre cúpulas, por unha negociación entre aparatos ao marxe da xente do común. A Marea Constituínte do pasado sábado en Vigo supuxo un paso adiante á hora de democratizar e ampliar En Marea. O partido instrumental nacido dela permite a confluencia de todas aquelas que cremos nunha ruptura democrática na Nosa Terra, por enriba de siglas e identidades. Xenerouse un espazo común que pon por diante o obxetivo de unir vontades coa fin de frear as políticas austeritarias e pode convertirse nun instrumento para construír o poder das maiorías sociais. Poñer límites ao caudal maioritario de enerxías a prol da unidade antepoñendo patriotismos de partido sería facernos retroceder a escenarios de división e fragmentación dos que só se benefician as de arriba. Os intereses das maiorías sociais agredidas está por enriba dos intereses de partido. Á converxencia real entre iguais vai máis alá de guións, porcentaxes e parénteses.
Entendendo o acelerado dos tempos pensamos que cómpre tomar medidas no sentido de ampliar a pluralidade e representatividade da Coordinadora Provisional ratificada o sábado, que pode percibirse como un reparto de parcelas entre axentes políticos. Así mesmo, hai que ponerse a traballar urxentemente na elaboración colectiva e dende abaixo dun programa de creba democrática que encha de contido a metodoloxía e os principios aprobados. Só dende o impulso da participacion, do vencellamento co tecido social, da xeración de experiencias democratizadoras dende a base, coa creación de asembleas comarcais e locais poderanse superar inercias burocráticas e espantar o espellismo do electoral como único horizonte. Porque podemos comezar a mudalo todo e ese camiño temos que percorrelo xuntas e organizadas, hai Marea!