Anticapitalistas Galiza ante a consulta telemática de Podemos Galicia

Ante a consulta telemática convocada por Podemos Galicia de cara a decidir como vai concorrer ás vindeiras eleccións autonómicas, dende Anticapitalistas Galiza queremos manifestar o noso apoio á opción A, presentarse en alianza con outras forzas políticas e sociais do cambio.
Pensamos que ante a prioridade de desaloxar ao PP da Xunta, dende a que está a agredir coas súas políticas ás clases populares do país, cómpre sumar e non restar. Nas dúas últimas eleccións xerais púxose de manifesto que a unión fai a forza e que En Marea emerxía como alternativa clara fronte ao bipartidismo. Podemos participou neses procesos, polo que non sería entendibel que agora permanecera ao marxe. Por outra banda, a partir do manifesto dos alcaldes xerouse un espazo de confluencia que, concretado na Marea Constituínte do 30X, pon as bases para unha construción dende abaixo que, aínda con limitacións, amplía e pretende mellorar o modelo de En Marea. Seguir lendo

Pola Galiza das de abaixo: construír poder popular

25.jpg

Cada 25 de xullo lembramos o carácter nacional de Galiza, reconstruímos un sentimento de comunidade, uns lazos que nos vencellan a unha identidade compartida. Mais o 25 de xullo non é unha data para ollar cara o pasado con nostalxia idealizada, senón para reivindicar os nosos dereitos como galegas e galegos, para lembrar que a nosa identidade se construíu no conflito entre intereses antagónicos, dende a Folga das traballadoras da Tabacaleira da Coruña en 1831 até ás manifestacións de Nunca Máis, pasando polos mártires asasinados polo fascismo en 1936.

Cando se cumplen 80 anos do inicio da bárbara represión franquista que asolagou nunha longa noite de pedra á Nosa Terra, temos o deber de rememorar ás víctimas, ás que loitaron pola Galiza das clases populares, mais tamén a todas aquelas que mantiveron acesa a chama da Galiza rebelde, que alumeou a revolta de Castrelo de Miño no 1964, as protestas antinucleares en Xove, a loita pola Terra en As Encrobas. Porque a Galiza loitadora das de abaixo foi e segue sendo aldraxada, expoliada de recursos materiais e humanos. Arrebátannos a nosa natureza e paisaxe, despóxannos da nosa língua, condénannos á emigración. E son os de sempre, os féridos e duros, os vellos caciques e os novos explotadores. Malvenden autoestradas, desmantelan o noso tecido productivo, explotan e expolian, eucaliptizan os nosos montes e, sobre todo, negan o dereito a que decidamos o noso futuro.

Ser os donos das nosas vidas significa democratizar a economía, recuperar os nosos dereitos, poder decidir sobre os nosos corpos, elexir cal ten que ser o noso vencellamento cos outros pobos do Estado Español. Dereito a decidir, para decidilo todo. Por desgraza, o debate sobre a plurinacionalidade, sobre os nosos dereitos colectivos, sobre o exercicio práctico da nosa soberanía, esmoreceu nos discursos electorais na campaña do 26X. O dereito de autodeterminación non pode sacrificarse tacticamente en beneficio dunha moderación supostamente gañadora. Trátase dunha cuestión de principios, mais tamén de abrir camiños cara unha creba democrática no conxunto do Estado, na que Galiza debe contar con voz propia.
Este outono albíscase no horizonte unha nova cita electoral, coa posibilidade factíbel de desaloxar ao PP do goberno da Xunta. Existe unha ferramenta electoral que pode representar os intereses das clases populares nas institucións. Pero para iso, precísase que En Marea sexa máis que unha marca electoral, máis que unha coalición de partidos con intereses contrapostos. Chegou á hora de construír un partido-movemento amplo para as clases populares do país, que teza máis alá do electoral, que bote raíces no territorio, no social, no espazo do conflito. Para iso, fai falta xenerosidade e altura de miras, antepoñer o común sobre os intereses de parte, trasladar o caudal de enerxía das Mareas locais a unha Marea nacional reconstituída nun sentido democrático, que aposte por un programa de ruptura, cunha auditoría da Débeda, unha banca pública galega, unha recuperación dos bens comúns, a loita contra a precariedade, un novo modelo productivo coa igualdade como meta. Comezar a mudalo todo pasa por recoñecer ao pobo galego como suxeito político, como actor do seu destiño.

Nun día coma hoxe, non reivindicamos a Nación de Amancio Ortega ou Jacinto Rey. Nós cremos na Galiza das traballadoras, das precarias, das paradas, das migrantes, das coidadoras, das boas e xenerosas, que constrúen Galiza na loita do día a día. Temos que estar á súa altura, lembrar o pasado, ás que quixeron construír un mundo novo fai 80 años, para conquistar o futuro. As desposuídas queremos telo todo.

Viva Galiza Ceibe, Socialista e Feminista.

Ante as detencións de Cangas: respostemos xuntas!

Ante os feitos acontecidos onte en Cangas, coa detención dun concelleiro de ACE (Alternativa Canguesa de Esquerdas) e outros dous mozos, dende Anticapitalistas Galiza manifestamos a nosa enérxica repulsa cara unha actuación da Garda Civil que nos parece totalmente desproporcionada. Asistimos a unha nova aplicación da Lei Mordaza, unha lei aprobada polo goberno do PP coa finalidade de apagar calquera manifestación de disidencia. Encadéase a tres mozos, que levan anos desenvolvendo un compromiso militante coas de abaixo, por expresarse libremente nas redes, namentras campan as súas anchas corruptos e estafadores, os responsábeis desta crise. Seica os comentarios racistas, machistas e xenófobos que son verquidos a cotío nas redes sociais non merecen a mesma atención por parte das forzas de orde pública.

Non podemos enganarnos, o verdadeiro obxetivo destas medidas, como vimos en casos anteriores, é volver a instalar o medo, silenciar as rúas e confundir a verdadeira natureza do inimigo. Porque a auténtica incitación ao odio non se atopa nuns tuits, atópase na limitación da democracia, no recorte de dereitos e libertades, no exercicio arbitario dun poder cada vez máis autoritario na defensa dos privilexios das elites. Un réxime que trata de agochar a súa crise atacando ás maís débiles e que, coa complicidade dos medios de comunicación, persegue que amemos aos opresores e odiemos ás oprimidas.

Non parece casual que se elixa a Cangas coma obxeto destes ataques, unha vila na que goberna en coalición a esquerda rupturista e na que En Marea obtivo maís do 40% dos votos nas dúas últimas eleccións xerais. Preténdese afogar economicamente e agora tamén, criminalizar, aos concellos rebeldes, amosar que é inviábel calquera alternativa que aposte pola ruptura democrática.A poboación de Cangas amosou e amosará moitas veces o seu carácter combativo, a súa belixerancia en contra das inxustizas. Por iso, dende Anticapitalistas Galiza apoiamos as mobilizacións e defendemos a inmediata retirada dos cargos aos tres detidos. O único camiño para revertir o recorte dos nosos dereitos pasa pola solidariedade entre as de abaixo.

Tócannos a unha, tócannos a todas.

Despois do 26X: construír confluencia para unha creba democrática

As eleccións do pasado 26-X deixan un sabor agridoce en Galiza. Se ben é certo que se consolida En Marea como espazo de cambio e referente electoral que abre fenda no bipartidismo, a comparación co 20-D amosa un retroceso que enfría as expectativas de cara as eleccións galegas do próximo outono. Aínda que os resultados permiten que a coalición manteña a súa condición de alternativa ao goberno do PP na Xunta, percíbese un certo desgaste que cómpre analizar nas súas causas. Non podemos poñer unha venda diante dos ollos e negar que non pasou nada, porque só facendo autocrítica e aprendendo dos erros do pasado poderemos manter intactas as ilusións de desaloxar a Feijóo da Xunta.

Cando en outono se asinou o acordo inicial entre Anova, EU e Podemos que puxo as bases de En Marea, xa sinalamos as limitacións e os riscos que podía ter un acordo negociado e xestionado dende arriba. Sen dúbida, o acelerado dos tempos xogou a favor de que os partidos tomasen a iniciativa do proceso de confluencia, tan necesario coma urxente. Porén isto non quita para que sinalásemos que era necesario ampliar e democratizar ese acordo inicial, para incluír máis suxeitos políticos e sociais. O percorrido seguido por En Marea dende este acordo até as eleccións do 26-X amosou máis cercanía ao rumbo seguido por AGE que á creación dun partido-movemento amplo. A día de hoxe, En Marea carece de estrutura máis alá dun grupo parlamentario, un equipo de apoio e unha Mesa Coordinadora. As tensións entre estruturas partidarias, os repartos de cotas, os intereses de parte, supoñen obstáculos que dificultan a creación dese suxeito político das maiorías sociais do país. Sen dúbida, estas tensións incidiron nunha campaña excesivamente centralizada, conservadora, na que as inercias partidarias por arriba entorpeceron o desenvolvemento dunha campaña unitaria por abaixo. Porén, houbo casos nos que, partindo das estruturas das mareas municipalistas, conseguiron xerarse comités de campaña unitarios nos que o común multiplicaba a suma das partes, xerando redes de confianza e apoio fundamentais á hora de desenvolver unha política dende abaixo.

Ademais, a diferencia da campaña do 20-D, o discurso tornouse superficial, esquivando temas programáticos cruciais como o dereito a decidir para decidilo todo, a socialización da banca ou a auditoría da débeda. Non se pode plantexar un cambio político fondo en Galiza sen acudir á raíz dos problemas, sen dotar de contido ao discurso e a práctica. Fiouse a estratexia de campaña a un discurso autorreferencial enchido de marketing que non trataba ás maiorías sociais como suxeitos axentes senón coma espectadores pasivos dunha política de notábeis. Faltou audacia, desbordamento, imaxinación, sobrou rutina, acomodamento, considerar que xa estaba o traballo feito. Isto non quita para recoñecer o esforzo, sacrificio e compromiso de centos de militantes, con adscrición partidaria ou sen ela, que puxeron o obxectivo común por enriba das siglas e identidades. Sen o seu traballo, moitas veces gris, os resultados serían inferiores.

Ademais, os bandazos tácticos con respecto ao PsdG, ofrecéndolle un fronte común xunto co BNG, contribuíron a difuminar o campo do cambio, relexitimando a unha forza política coa que se está en disputa e a que toca subalternizar e non darlle folgos. Os meses de lexislatura tampouco contribuíron a mellorar a imaxe de En Marea como forza política con percorrido propio. As expectativas xeradas en torno á consecución dun grupo parlamentario propio apagáronse en canto se confirmou a súa adscrición como subgrupo dentro do conglomerado Podemos, o que repercutiu tamén na súa escasa visibilización e incluso no seu papel periférico á hora das negociacións de investidura e de inserir propostas propias na axenda política das Cortes do Reino.

Coa vista posta nas eleccións galegas do outono, é a hora de reflexionar e debater colectivamente os pasos a dar para incrementar as potencialidades da confluencia e corrixir as súas limitacións. En primeiro lugar, resulta fundamental xerar estruturas territoriais, fornecendo as asembleas das mareas municipais alí onda existan ou creando asembleas comarcais e locais onde non existan. Estas estruturas deberían vertebrase de abaixo a arriba, creando espazos para a participación e a rendición de contas. Nese sentido, resulta tarefa obrigada impulsar a participación na toma de decisións a todos os niveis, dar cauce para que as clases populares decidan democraticamente a metodoloxía e os contidos, cunha auténtica elaboración colectiva do programa e da campaña. Nese sentido, poden ser interesantes as aportacións metodolóxicas xeradas polo espazo Mareas en Común. Cremos que é o momento de xerar experiencias, de unificar e artellar iniciativas que non poden marchar por separado, xa que recollen as enerxías e a creatividade dos procesos municipalistas que agromaron o 25M, de camiñar cara novas formas de autoorganización. Precisamente, o papel das mareas municipais ten que ser superior ao desenvolvido nas últimas campañas, como actores que deben incrementar o seu peso e a súa capacidade de decisión nos órganos de En Marea.

No tecido social, no vencellamento coas mobilizacións, xéranse dinámicas que permiten superar o acomodamento e as inercias do pasado. Porque queda moito camiño que percorrer, e imos facelo xuntas, partidos, actores sociais, colectivos e mareas, aprendendo dos erros sobre a marcha, creando músculo social como único xeito de comezar a gañar o futuro para poder mudalo todo.