Ante as eleccións e o acordo IU-Podemos

O acordo entre Podemos e EU para formar unha coalición electoral é unha moi boa nova para todas as persoas que apostamos por derrotar ao réxime nas urnas e mudar as políticas en favor da maioría social traballadora.

Dende Anticapitalistas cremos que se abre unha oportunidade histórica para alterar o curso normal dos acontecementos. A normalidade do PP e do PSOE consiste en corrupción, paro, precariedade, recortes e unha democracia de baixa calidade. Por iso, cremos que nestas eleccións non se enfrontan só partidos, senón dous modelos de sociedade alternativos: por unha banda o de sempre, o que está ao servizo das elites e, en fronte, o que propomos dende o bloque do cambio que, dende a súa
diversidade e pluralidade, aposta por construír unha alternativa ao servizo da xente de abaixo.
É o momento de mobilizarse en todolos espazos posíbeis. Toca activar unha campaña unitaria,ampla, que inclúa aos movementos sociais e sindicais, que vaia máis aló da base social de Podemos e de EU, capaz de desbordar os espazos electorais tradicionais. Hai que incluír a toda esa xente que, sen ser militante de Podemos ou de EU, está disposta a pór o seu granciño de area para que as cousas muden.
Gañar as eleccións non significa gañar o poder nin moito menos cambiar o mundo, o noso mundo. Unha eventual vitoria electoral é só o primeiro paso para aplicar un programa de reformas ambicioso, que poña a economía ao servizo da xente, que sitúe os nosos dereitos antes que o pago da débeda, que derrogue as reformas laborais, que nacionalice a banca e as eléctricas baixo control da cidadanía, que prohiba os desafiuzamentos e o despedimento libre, que acabe coa violencia machista, que free dunha vez por todas o desastre ecolóxico e que poña o investimento público ao servizo da creación de emprego, da educación e a sanidade.
Gañar estas eleccións significa, por tanto, a oportunidade de comezar a conquistar un novo rumbo. Por iso, os poderes económicos e políticos non o van a pór fácil. A campaña de calumnias e ameazas será dura e hai que preparase para resistir ás súas chantaxes, xerando poder popular para avanzar no terreo electoral e tamén no social.
Por último, chamamos a votar ‘Si‘ a favor do acordo na consulta interna de Podemos, proxecto do cal formamos parte e vimos construíndo dende os seus inicios. É o momento de multiplicar para gañar. Si se pode!

Advertisements