Comunicado 1 de Maio: sen a nosa clase non hai cambio. Organizarnos, gañar dereitos.

photo_2016-04-28_16-06-51

Hai milleiros de motivos para saír ás rúas este 1 de maio, non só por rutina ou para rememorar. A precariedade, a tiranía total dos patróns dentro dos centros de traballo, o paro, a desigualdade salarial que sofren as mulleres, as reformas laborais deseñadas para protexer aos empresarios ou a progresiva desvalorización dos salarios son algúns motivos evidentes.

A crise foi unha escusa para que o capital iniciase unha ofensiva de longo percorrido contra a clase traballadora. Todo o armazón institucional e as medidas políticas impulsadas durante os últimos anos teñen un dobre obxectivo. Por unha banda, acelerar un proceso de “acumulación por desposuimento”, no cal bens públicos e servizos anteriormente considerados dereitos pasan de novo a estar sometidos á lóxica privada. Isto significa que unha parte do salario social da clase traballadora (lembremos que son os asalariados os que achegan a maioría de contribucións e impostos que sosteñen o Estado) foi duramente recortada, a través das políticas de austeridade, mentres que para o capital abríanse novos nichos de negocio. Isto afecta especialmente ás mulleres, que se ven obrigadas a asumir cada vez máis taxas de traballo non pago. Doutra banda, os centros de traballo convertéronse en auténticos “espazos sen lei”. Mellor dito, un espazo onde só existe a lei do empresario: millóns de persoas carecen de dereitos colectivos no traballo, de forza organizada para replicar esta tiranía cotiá. O empresario pode despedir cando queira, a xente traballadora non ten dereito a queixarse nin a organizarse, ter un traballo con pésimas condicións e un salario de miseria preséntase como un privilexio, a ameaza do despedimento e do paro é a normalidade mentres os poderes políticos aproban reformas laborais que alimentan esta situación.

Doutra banda, a resposta popular que se iniciou co 15M tivo moitas expresións, pero non chegou a expresarse dentro dos centros de traballo, con excepción dalgúns sectores públicos como educación e sanidade. Isto condicionou tamén o ciclo político posterior, onde a forte irrupción de novos referentes electorais non ía acompañada dun proceso de organización e mobilización no traballo. Este é o gran límite do proceso de cambio e a gran tarefa pendente para as forzas que apostamos por unha sociedade para a xente de abaixo.

Non podemos limitar a democracia aos parlamentos nin ás institucións. Non hai democracia se non subvertemos as relacións de explotación, se non democratizamos a economía e convertemos en común a riqueza que xeramos como clase traballadora. Unha clase traballadora que ten moitos rostros, que está nas fábricas, nas cidades, no sector público, nos transportes, nos coidados, no campo, na hostalaría ou nos call centers, en empresas grandes e pequenas, en todos lados permitindo que a sociedade funcione. Somos a única clase imprescindíbel e xa é hora de converter esa potencia en poder real, en dereitos e poder político, económico e cultural.

Por iso, este 1 de Maio animámosvos a acudir ás mobilizacións e a organizarvos en todos os espazos posíbeis. Necesitamos máis traballadores e traballadoras que sexan protagonistas da esfera pública e pór todos os recursos ao servizo da organización da clase. Necesitamos tamén un 15M sindical, que remova e expulse para sempre ás burocracias conservadoras, que están mais próximas aos intereses das elites que aos da clase traballadora. Tamén, ante as eleccións que veñen, tócanos pór no centro da axenda unha serie de demandas irrenunciábeis: un salario mínimo de 1000 euros, que se corresponda coas necesidades reais, a igualdade salarial para as mulleres, derrogación das reformas laborais, salario social garantido para as desempregadas, garantir o carácter público dos dereitos como a educación, a sanidade e os coidados, investimento real en inspeccións de traballo, prohibición do despedimento en empresas con beneficios, auditoría fiscal coa participación das traballadoras nas empresas.. Medidas de sentido común que só requiren vontade política, vontade política que PSOE, Ciudadanos e o PP sabemos que non teñen. Esa vontade tócanos construíla entre tod@s, nas vindeiras eleccións, pero tamén nos barrios, pobos, cidades e centros de traballo, con mobilización e organización.

Sen a nosa clase non hai cambio, somos maioría: o momento é agora, non deixemos que ninguén fale por nós.

Comunicado de Anticapitalistas Galiza ante a consulta de En Marea

Dende Anticapitalistas Galiza valoramos positivamente a decisión da Mesa Coordinadora de En Marea de someter a consulta a posición das deputadas de cara ás negociacións para a conformación dun novo goberno no Estado español. Saudamos a vontade de fomentar a participación das bases e o control democrático das nosas representantes, ademais de que esta consulta pode axudar a impulsar o espazo En Marea. Xa despois das eleccións xerais manifestáramos que era necesario abrir este espazo, artellándoo dende abaixo, conectando a dinámica do grupo parlamentario coas demandas das maiorías sociais agredidas do noso país, xunguindo o institucional co social.

Agora ben, esta consulta parécenos que se debería ter realizado antes, cando comezaron os contactos entre forzas políticas, de cara a definiren entre todas un marco para esas negociacións, delimitando claramente os campos. Nese sentido, parécenos que a segunda pregunta “Debe En Marea continuar traballando, en colaboración con Podemos e En Comú, para alcanzar un goberno de cambio xunto ao PSOE e outras forzas progresistas?” carece de precisión, ademais de situar ao PSOE no campo das “forzas progresistas”, cando xa temos padecido as súas políticas austeritarias. Non nos parece un paso adiante lexitimar ao PSOE como unha forza de cambio, cando foi actor corresponsábel das políticas de recortes que, non esquezamos, se iniciaron co goberno Zapatero. Tampouco aparece reflexado claramente sobre que proposta programática se establecería ese “goberno de cambio” e que papel tería En Marea nel. Dende logo, non é o mesmo aparecer nunha posición subordinada ao PSOE, como sostén dunhas políticas que á vista dos acontecementos do pasado, non van supoñer un avance nos dereitos das maiorías sociais, que partir dunha posición de maioría que permita marcar a liña política. Por todo elo, consideraríamos máis positivo un maior grao de concreción, onde se plantexe a opción de elexir entre un apoio parlamentario “á portuguesa”, un cogoberno (que sería corresponsábel de seguir os dictados das políticas marcadas pola UE), unha abstención ou un voto contrario á investidura de Pedro Sánchez como presidente do goberno, coa perspetiva de encarar as posíbeis novas eleccións en clave constituínte. Por iso, defendemos que o “Non” á segunda pregunta é a postura máis consecuente co discurso plantexado por En Marea en campaña e no programa co que se presentaou as eleccións.
Dende Anticapitalistas Galiza animamos a inscribirse e a participar na consulta, e a ampliar os mecanismos democráticos para a rendición de contas e a interacción entre o grupo parlementario de en Marea e as bases que, con máis de 400.000 votos, a convertiron na alternativa de cambio en Galiza, para que todo mude, para que nada siga igual. Hai Marea!

Consideracións e propostas de Anticapitalistas ante a consulta de Podemos do 14 ao 16 de abril de 2016

O resultado das eleccións do 20 D foi un gran avance para as forzas do cambio -Podemos, as confluencias En Comú Podem, En Marea e Compromis, así como as candidaturas impulsadas por EU- pero tamén foron evidentes os límites do conseguido. Dada a correlación de forzas e a situación política creada, a disxuntiva para as forzas do cambio era prepararse para facer a oposición a un goberno de gran coalición das forzas do réxime ou comezar a preparar as mellores condicións para afrontar unha nova convocatoria electoral.

Como vimos expondo as últimas semanas, era e é necesario comezar a preparar unha “segunda volta” eleitoral na que Podemos supere ao PSOE, facendo retroceder aínda máis aos partidos do réxime e abrindo a posibilidade de facer unha proposta de goberno de cambio que non sexa encabezado polos mesmos de sempre.

As chamadas negociacións

Nestes meses coñecemos unha serie de movementos enfocados a neutralizar ás forzas do cambio, ben integrándoas na lóxica da gobernabilidade, ben destruíndoas. Podemos tentou obrigar ao PSOE a situarse ao lado do cambio, sen éxito.

Se algo nos demostra a experiencia real é que non hai goberno favorable ás de abaixo encabezado polo PSOE. O PSOE é un partido vinculado ás elites e aos poderes económicos, a pesar de que historicamente tivese o apoio de sectores amplos das clases populares. O 15M rompe esa relación e Podemos baseouse nesa ruptura para construírse como forza eleitoral. A nosa aposta segue sendo traballar para que Podemos poida encabezar un goberno cun programa que aplique melloras concretas e urxentes, como a derrogación da reforma laboral, o aumento do gasto social, programas de emprego público que combatan o desemprego e outras reformas que melloren a vida da xente. No Estado Español existen dous campos polarizados: o campo do cambio (Podemos, EU, as confluencias) aínda cos seus límites e o campo do réxime, coas súas diferentes expresións. É dicir, unha saída da crise favorable á xente traballadora ou favorábel ás elites. Iso é o que está en xogo cando falamos de goberno.

O xogo terminou. Por unha banda, o PSOE mostrou a súa verdadeira natureza como garante da estabilidade dos de arriba. Doutra banda, os poderes económicos e mediáticos claman por “solucións de Estado”. É a hora de preparar unha nova batalla política contra quen desexan que nada cambie para que todo siga igual.

Posición ante as preguntas

O pasado venres 8 a dirección de Podemos anunciou unha consulta aberta ás persoas inscritas en Podemos para dirimir a posición ante as negociacións que se viñeron producindo as últimas semanas. Consideramos que estes elementos de participación son positivos e que deben reforzarse no necesario camiño cara á democratización efectiva de Podemos. Pero tamén entendemos que a consulta expón límites tanto en formas como nos tempos en que se convocou. Aínda que a primeira é clara e  se refire a uns termos coñecidos, reais e delimitados, a segunda encerra na súa formulación un elevado grao de xeneralidade e ambigüidade que impide a reposta. Os referendos deben exporse sobre situacións reais e con claridade inequívoca nos termos das preguntas. Por iso ante o referendo convocado expomos:

  1. Á pregunta “Quere un goberno baseado no pacto Rivera-Sánchez?”, chamamos a votar cun NON rotundo e masivo, que coloque a Podemos como alternativa clara de cara á “segunda volta” eleitoral.
  2. E ante a segunda: “Estás de acordo coa proposta de goberno de cambio de Podemos-En Comú Podem-En marea?” consideramos que é unha pregunta que agora non procede. É unha cuestión que non está na orde do día. E, ademais, exponse tarde: debía formularse hai dous meses antes de lanzar os primeiros pasos tácticos que anunciaban un cambio nas posicións que até entón mantivera Podemos: lembremos que durante a campaña eleitoral, a respeito da cuestión do goberno, expúxose que só estariamos nun goberno encabezado por Pablo Iglesias. Nestes momentos resulta retórica pois non pode materializarse. Con Pedro Sánchez situado no campo do réxime e refén dos poderes económicos? Os referendos deben facerse para vincular aos dirixentes a decisións concretas.

O horizonte

Pola nosa banda non consideramos que os denominados gobernos de “progreso” con maioría social-liberal poidan supor un goberno favorábel aos intereses da maioría social e moito menos se nos mesmos hai presenza de posicións netamente neoliberais. Con ese goberno a Troika imporía as súas condicións. Tampouco consideramos un goberno de cambio aquel que enfoque a súa acción a rexenerar / reformar a institucionalidade. A nosa aposta é a que viñemos mantendo e que está no ADN de Podemos: traballar pola ruptura democrática no horizonte aínda non inmediato (pero irrenunciábel) da apertura de procesos constituíntes. Podemos non debe entrar nun goberno rebaixando o seu programa, senón que debe traballar para construír unha relación de forzas no social que lle permita aplicalo. E por suposto, apoiar e impulsar, como vén facendo nos parlamentos autonómicos, todas as medidas concretas que melloren a vida da xente.

Agora tócanos pornos a traballar por reforzar e ampliar o bloque do cambio. No caso de que as forzas do réxime acabasen formando un goberno de “gran coalición”, cousa difícil a día de hoxe, a principal tarefa será impulsar un amplo movemento de defensa dos intereses populares e democráticos en aberta oposición dende a rúa e as institucións ao ditado da Troika. Se finalmente se produce unha nova convocatoria eleitoral, hipótese moi plausíbel, o labor máis importante nos próximos días é crear as condicións dunha gran confluencia de todas as forzas do cambio no ámbito estatal e en cada unha das nacións e territorios para gañar as próximas eleccións xerais e autonómicas. Podemos, IU, En Marea e En Comú Podem, así como as candidaturas populares e os Concellos do Cambio e as organizacións sociais temos ante nós unha posibilidade e unha responsabilidade que non podemos deixar pasar.