Un movemento europeo contra a austeridade e pola democracia? Imos a por iso.

PlanB

Entre os días 19 e 21 de febreiro desenvolveranse en Madrid unhas xornadas por un Plan B para Europa. Un chamamento que, encabezado por xente como Varoufakis, Ada Colau ou o noso compañeiro Miguel Urbán, pretende construír unha Europa alternativa. Neste evento converxerán iniciativas como a Conferencia Plan B organizada por Jean Luc Mélenchon, Oskar Lafontaine e outros en París, e tamén o DieM25 lanzado por Yannis Varoufakis o 9 de febreiro en Berlín.

A Pouco máis dun ano dende o triunfo de Syriza en Grecia, e poucos meses despois da súa dramática capitulación á chantaxe da troika, hai varias tarefas urxentes para aqueles que seguimos crendo na necesidade de rematar coa austeridade e avanzar cara a un modelo económico alternativo. Para iso é necesario, en primeiro lugar, que o movemento antiausteridade faga balance da súa estratexia e aprender dos erros cometidos no último período. E é que debemos sacar leccións craves da “experiencia grega”: seica é posible negociar coa troika sen tomar medidas de forza, que están ao alcance dos gobernos, como unha suspensión do pago da débeda (recoñecido por informes da *UNCTAD como o único xeito efectivo que ten un país debedor de facer comezar un proceso de reestruturación) ou a declaración dunha parte da débeda como ilexítima (cuestión para a cal o comité da Verdade impulsado por Zoe Konstantopoulou proveu todos os argumentos económicos, legais, políticos e morais necesarios)?, que podemos facer ante a chantaxe da liquidez imposta polo BCE? Ante iso, é preciso abordar un debate que está xa aberto na esquerda europea: pode unha saída do euro, nun país coma Grecia, ser unha opción preferíbel progresista se a toma un goberno disposto a poñer a economía ao servizo da súa poboación, como suxire o economista Costas Lapavitsas? Este é un debate aberto, que a esquerda debe abordar, sen prexuízos nin tabús, se realmente quere facer fronte á chantaxe da troika. Un debate que, obviamente, require dunha avaliación de todas as opcións dispoñíbeis.

Pero o caso grego ponnos tamén diante dun espello do que non podemos escapar: a falta dun movemento internacional efectivo de apoio ao goberno grego facilitou o escenario que conduciu á firma do terceiro memorando en Grecia. Evidentemente, parte da responsabilidade tívoa este propio goberno que preferiu non alentar tal movemento noutros países, preferindo tratar de buscar aliados entre os gobernos doutros países europeos, e non querendo aparecer como unha fonte de desorde nin alimentar as resistencias noutros países. Consideramos que isto é un erro flagrante: calquera negociación co inimigo ten que darse en condicións dunha negociación de forza, e un movemento organizado que esixise en toda Europa xustiza para o pobo grego podería ser un arma poderosa para impoñer as súas reivindicacións. É desexábel que, se nun futuro próximo volvemos ter un goberno de esquerda disposto a enfrontarse coa troika, teñamos unha sólida rede europea capaz de brindar o seu apoio dende todos os recantos do continente. Debemos entender que, máis aló da posibilidade de ruptura coas institucións europeas (incluíndo a moeda se así o esixe a situación), o fundamental é desenvolver unha estratexia internacionalista que sume forzas contra un adversario que se organiza precisamente a escala europea.

Por iso, o obxectivo desta convocatoria non pode quedarse nun debate político ou estratéxico: temos tamén a obriga de construír un movemento a escala europea contra a austeridade, as débedas ilexítimas e odiosas e pola democracia. Imos tarde nesta tarefa, é certo. Desde o combate que, fundamentalmente en Francia, se alzou contra o Tratado Constitucional europeo, asistimos ao desartellamento dos movementos sociais cunha dimensión impugnatoria do modelo de construción da UE. Dende o estalido da crise do capitalismo financeiro e a aplicación do austericidio impulsado polas elites europeas esta “ausencia” deixou o campo libre para a materialización do proxecto neoliberal para Europa en toda a súa crueza. Así, maioritariamente, as respostas políticas e sociais aos golpes tecnocráticos das institucións europeas téñense circunscrito ao ámbito nacional-estatal. E nese espazo gañaron a batalla os discursos, hexemonizados pola extrema dereita, do retorno aos repregamentos identitarios e autocráticos. Pero algunhas esquerdas, lamentabelmente, tamén sucumbiron a esa tentación.

Estas respostas, así e todo amosaron límites evidentes no combate contra o monstro da Europa do capital e, ademais, serviron en moitas ocasións para reforzar as ideas xenófobas e excluíntes xa de seu impulsadas pola propia UE. Pero se algo quedou claro nos últimos anos é que a maquinaria burocrática e a arquitectura institucional e financeira da UE son o problema. Neste senso, a vitoria electoral de Syriza permitiunos albergar tantas expectativas como desilusións posteriores. Pero deixou clara unha lección que convén ter presente a lume: a loita de clases no actual escenario institucional exprésase nos Estados e nacións, pero a súa resolución só pode ser a escala (cando menos) europea. É no marco europeo onde se expresan os límites e as posibilidades de artellar resistencias reais ao neoliberalismo e ao goberno da débeda e a austeridade. O golpe financeiro orquestrado dende as institucións comunitarias ao pobo grego mostra até que punto só un cambio real na correlación de forzas a escala europea pode permitir poñer en marcha estratexias de cambio real das políticas neoliberais. A UE é a guerra, pero Europa é a resposta a moitos dos nosos dilemas.

Pero abonda de queixas. É hora de pasar á acción e volver tecer espazos reais de coordinación entre distintos movementos. Organizacións sociais, ecoloxistas, feministas, políticas e sindicais que estamos a loitar por saír da asfíxia da debedocracia, dunha austeridade sen fin e sen límites, debemos unir forzas construíndo un movemento real que nos permita construír unha Europa da democracia, a soberanía, os dereitos e os pobos. Sen nengunha ilusión nunha UE que deu mostras dabondo da súa natureza constitutiva irrefundábel. Pero imaxinando e avanzando cara a un novo proxecto europeo de e para as clases populares, sen centro e sen periferias, sen dobres velocidades. Fronte a isto, é urxente demostrar que os movementos sociais europeos somos capaces de continuar o combate, aprendendo dos erros e así avanzar cara a un novo capítulo na loita contra o goberno dos mercados financeiros e a débeda.

En Anticapitalistas témolo claro. En febreiro temos unha cita imprescindíbel en Madrid, onde poderemos debater en persoa con moitos dos protagonistas destes procesos de debate e mobilización. Pero esta loita é de longo alento. Este novo movemento europeo, aínda por construír, debe facelo tamén dende abaixo. Por iso, o encontro de Madrid debe ir seguido pola creación de comités de apoio e iniciativas locais, territoriais e sectoriais que acompañen este proceso. Non hai tempo que perder.

Advertisements