2016: CARA Á RUPTURA DEMOCRATICA E O FIN DA AUSTERIDADE

felizAño

O resultado do 20D supuxo un gran paso para Podemos e o conxunto das forzas do cambio, pero necesitamos aínda dar un salto longo.

No horizonte inmediato está pendente lograr as aspiracións das clases traballadoras e os sectores populares que soportaron o empobrecemento e a humillación das severas políticas dos recortes impostos polo PSOE e o PP constitucionalizados coa reforma do artigo 135, facer fronte ás novas esixencias austeritarias da Troika para 2016 e acabar cun réxime político oligárquico e corrupto, peza crave no espolio popular, que se resiste a desaparecer.

A xanela de oportunidade segue aberta

Tras as eleccións, as espadas están no alto, nada se resolveu. Pero nada é igual ao 19 de decembro. Unha compoñente esencial, aínda que non a única, do réxime do 78, o bipartito da alternancia “turnista” está tocado pero non afundido. Existe unha xanela de oportunidade inédita desde 1978.

Os resultados obtidos polas forzas do cambio son espectaculares, particularmente onde houbo candidaturas de confluencia (En Comú Podem, En Marea, Compromis-Podemos). Unha vez máis se mostra que a colaboración dá réditos pois non é unha mera operación aritmética-na que se suman ou restan votos ao xuntarse os diferentes compoñentes- senón alxebraica xa que xera unha ilusión colectiva, unha sensación de forza e unha dinámica de crecemento imparábeis.

Tamén o foron os resultados de Podemos en moitos lugares onde se presentou coa “marca” en solitario obtendo apoios inimaxinábeis hai uns meses como é o caso de Euskalherria -tanto na Comunidade Vasca como en Navarra- onde os votantes orfos ante a descomposición das vellas forzas da esquerda fixeron súa a nosa papeleta. Pero tamén en Baleares onde o traballo firme no parlamento e o apoio de Podemos á Marea Verde e á cultura e lingua propias atopou a súa expresión en votos; e en Madrid polo bo traballo parlamentario e o apoio ás loitas en curso ou tamén no caso de Canarias.

O éxito da “remontada” débese á demanda popular dunha alternativa electoral de cambio, ao bo traballo pegado ao terreo de moitos círculos e militantes, ás confluencias, á orientación que mantivo Pablo Iglesias nos principais debates televisados, apelando á memoria do 15 M e, a pesar das debilidades da construción por abaixo, a interacción habida entre Podemos e algúns sectores da sociedade civil.

Retos tras o 20 D

A situación de equilibrio de forzas electorais no parlamento español entre proxectos moi diverxentes, se non antagónicos, supón un alto grao de inestabilidade e volatilidade política. Para as forzas conservadoras o obxectivo inmediato é asegurar a gobernabilidade de España nos termos que interesan ao IBEX 35, o que require a calma institucional mediante fórmulas como as dun “goberno de amplo espectro”. Por iso é polo que se intensificaron as presións para lograr “pactos” custe o que custe coma se iso fóra en si mesmo un paso positivo, ao marxe do seu contido, ou que se chegue ao ridículo de comparar os acordos de investidura nas comunidades autónomas co acordo de invstidura do goberno español sen ter en conta a natureza e competencias diferentes.

Para as clases traballadoras e populares o obxectivo debe ser a configuración dun escenario favorábel aos intereses das maiorías sociais aproveitando a debilidade e desconcerto das forzas do réxime. A “gobernabilidade” que interesa ás de abaixo é a que resolve os seus problemas, non a que asegura o continuísmo do réxime do 78.

Por iso consideramos un bo punto de partida establecer como puntos básicos para calquera negociación de investidura as cuestións centrais que realmente modifiquen a faciana do Estado, tales como, entre outras:

  1. O dereito a decidir dos pobos como única garantía de solución democrática para as aspiracións de soberanía nas nacións que configuran o Estado español cuxa organización territorial, o armazón das autonomías, entrou en crise. Esta cuestión é central na actual conxuntura política, tal como expuxeron Xosé Manuel Beiras e Xavier Domènech.

A cruzada en nome da “unidade de España” por parte do PP e de dirixentes socialistas de dereitas como Susana Díaz non é senón unha expresión do seu dogmatismo nacionalista español que impón unha identidade nacional homoxénea nun estado plurinacional, do seu medo ás urnas, da súa escasa cultura democrática e da súa incapacidade para potenciar as relacións de solidariedade e cooperación entre os pobos:

2. A denominada Lei 25 para saír ao paso das situacións de emerxencia social que propón solucións sobre desafiuzamentos, dereitos fundamentais como auga e luz e a prohibición do copago sanitario son o programa de mínimos do 15M e das Mareas, primeiro paso necesario para abordar a desmontaxe das políticas neoliberais que impoñen o sufrimento de amplísimas capas da poboación.

Por iso deberemos explicalas e defendelas nos barrios, para organizar á xente en todos os espazos da vida social para conseguir esas cuestións básicas que ninguén nos pode negar.

Ante a ingobernabilidade, eleccións en clave constituínte?

Dada a situación do “labirinto parlamentario” tras as eleccións do 20 D, o máis probábel é que haxa eleccións anticipadas. Ademais, non ten ningún sentido apoiar unha estabilidade institucional que favoreza os intereses da dereita e a oligarquía. Polo que as forzas do cambio débense preparar para a celebración das mesmas. E facelo de maneira que ese novo reto supoña un salto para os intereses das maiorías sociais, un novo avance de quen propomos o cambio en profundidade: nova Constitución para posibilitar a participación democrática, nova política económica ao servizo da maioría.

Gañar ao PP, obxectivo desexado pola maioría da poboación, e iniciar os procesos constituíntes son cartas dunha mesma baralla a xogar na mesma partida. A pervivencia da hexemonía das forzas do réxime do 78 depende de dúas cuestións: a correlación de forzas entre as clases e o marco xurídico-político dende o que aseguran a súa posición dominante.

En 2016 as forzas do cambio, dende o prestixio adquirido, deberán favorecer e impulsar a actividade, mobilización, auto organización e participación democrática do movemento social para reverter as posicións, á vez que de forma paralela e complementaria deberán artellar os procesos que permitan modificar o campo de xogo.

As eleccións deberemos enfocalas con vontade constituínte na que as forzas do cambio gañen ao PP, superen ao PSOE e aniquilen a Ciudadanos, cabalo de Troia do auto reforma do réxime para salvalo e ao que debemos desenmascarar con maior enerxía que até o momento.

Máis confluencia das forzas do cambio, máis Podemos

A primeira pregunta a facernos a futuro tras os resultados recentes é non obteriamos máis votos e escanos se se xeneralizase en todo o Estado unha política unitaria de confluencia das distintas forzas que lograron un gran éxito nas candidaturas municipais polo cambio? A cuestión da confluencia vai ser central nos próximos meses.

E, ademais, traballaremos para que Podemos e as confluencias dean un salto cualitativo. Necesitamos construír partidos-movemento pluralistas, democráticos, apegados ás diferentes realidades nacionais e territoriais, profundamente participativos e baseados na democracia de base, reforzando no seu interior a cooperación solidaria fronte á competencia entre individuos, totalmente abertos á incorporación de novos continxentes de activistas de esquerdas, que se conciban como forzas antagonistas ás miserias do sistema e que sexa capaces de artellar con outras forzas do cambio as fórmulas unitarias necesarias tanto no ámbito do Estado español como no internacional para levar adiante a ruptura democrática e levantar alternativas ao servizo da maioría e en defensa da soberanía popular fronte ás políticas económicas e sociais neoliberais e autoritarias da Unión Europea do Pacto de Estabilidade.