Recta final das eleccións: empuxar para botar aos de sempre

Achégase o final da campaña electoral. Mitins cheos, os partidos do réxime nerviosos e Podemos, En Marea en Galiza, Compromís-Podem no País Valencià e En Comú Podem en Catalunya aumentando as súas expectativas, xerando unha sensación de remontada á que o PSOE é incapaz de responder. Todo está aberto.

Esta semana é clave e toca empuxar en común porque se abre a oportunidade histórica de que o PSOE deixe de ser a forza hexemónica no espazo da esquerda. O resultado das eleccións non se xoga só na esfera mediática, senón tamén no día a día, neses debates que se dan na vida cotiá, nos centros de traballo e de estudo, nos bares, nos barrios. Convenzamos e discutamos cos nosos veciños e veciñas.

Toca superar ao PSOE, pero non para propoñer o de sempre con novas caras. Hai que votar en masa para abrir nun plano superior o ciclo de cambio político, para evitar que os que sempre estiveron no goberno sigan desgastando á clase traballadora, facéndonos pagar o prezo da crise. Ante todo, toca gañar (e pódese gañar) para abrir unha nova fase de posibilidades.

Pero non todo vai ser fácil. O día despois, gañe quen gañe, a troika ten preparada unha batería de recortes e austeridade, unha serie de medidas para seguir profundando as políticas neoliberais, como en Grecia. Na lexislatura que vén, e por iso son tan importantes estas eleccións, xogámonos algo máis que un goberno. Xogámonos que tipo de sociedade queremos construír: Dickens falaba dunha historia de dúas cidades. Aquí vivimos a historia de dous países. O oficial: o das tarxetas black, o de Florentino Pérez, o dos grandes empresarios que explotan aos traballadores, o de todos eses desvergoñados. Doutra banda o país que xera riqueza co seu traballo, o que sofre as caídas salariais (os salarios pasaron esta lexislatura de ser o 50% do PIB ao 45%), o país do paro permanente: xa hai máis de dous millóns de persoas que son paradas de longa duración.

A pregunta que se suscita nestas eleccións non é que partido vai gobernar: é cal desas dúas clases vai ser a que estea no centro das políticas do goberno.

É certo que no 15M a parte “non oficial” da sociedade empezou a ter voz. Os que nos falan de consensos e de reforma institucional son os mesmos que desprezaron os consensos do 15M: que non somos mercadoría en mans de políticos e banqueiros, que xa abonda de desafiuzamentos, que non nos representan, porque só a xente común pode representar á xente común. Estamos remontando porque hai un desexo de cambio que non morreu e unha e outra vez volvese expresar. Esta é a lexislatura onde temos que artellar esa necesidade de cambio nun poder constituínte, nun pacto entre os e as de abaixo, para que non volvan os vellos pactos entre as elites dos partidos e intereses sociais antagónicos que ao final permiten aos de sempre manterse no poder.

O día despois das eleccións non vai ser fácil. Os poderes da troika xa están dicindo que hai que recortar 13 mil millóns de euros. Aí si que non imos responder cun sorriso. Teremos que responder con contundencia: que non imos recortar ningún servizo público, que imos subirlles os impostos aos ricos. Non imos permitir que xente á que ninguén elixiu impóñanos a miseria. Imos botar non só aos políticos, senón tamén a plantar cara aos grandes empresarios e as estruturas económicas que empobrecen aos traballadores e as traballadoras.

O reto é enorme. Estas eleccións non son o final de nada, senón que poden ser inicio dunha nova fase. As eleccións non son só un momento de celebración, hai que utilizalas para acumular forzas cara á ruptura. Gañar o domingo nas urnas para acelerar o 21 de decembro a construción de poder popular. Votemos en masa, vixiantes e organizadas a Podemos, En Marea, En Comú Podem e Compromís-Podem. ¡¡Si se pode!!