Manifesto de Anticapitalistas de cara á COP21 de París sobre o Cambio Climático

ecosocialismo

Ecosocialismo ou barbarie

Os Gobernos chegan a un novo Cume das Nacións Unidas sobre Cambio Climático sen os deberes feitos e nun contexto de excepcionalidade, debido ao Estado de emerxencia declarado despois dos atentados de París. Mentres que a 21a Conferencia das Partes (COP21), convocada do 30 de novembro ao 11 de decembro en París, segue en pé, as mobilizacións organizadas para esixir uns acordos á altura da situación penden dun fío. Pero o estado de excepción non pode frear a loita contra o cambio climático, xa que o quecemento do planeta expón unha situación de emerxencia permanente para a humanidade, que reclama solucións con urxencia.

Como vén sendo demasiado habitual nestas citas, basta lembrala Cume de Copenhague de 2009 ou Cancún en 2010, terminan converténdose nun agónico e triste espectáculo. A escenificación dun exercicio de diplomacia internacional que por desgraza ten máis de performativo que de negociación; estendendo unhas horas extras a reunión, celebrando reunións de emerxencia entre os líderes dos grandes países, etc. Todo iso para terminar presentando unhas conclusións encabezadas por declaracións do tipo “Tentouse até o último momento. Isto é todo o lonxe que puidemos ir. É o mellor acordo posíbel”; aínda que sexa un acordo que non responde nin ás advertencias da comunidade científica nin ás demandas sociais para facer fronte á ameaza que supón o cambio climático.

A disxuntiva xa non é canto tempo máis podemos seguir así antes de que teña consecuencias. A disxuntiva é que consecuencias estamos dispostas a asumir como sociedades. Porque canto máis tardamos en dar resposta, maiores son os impactos ambientais e sociais e máis improbábel resulta non superar en 2ºC graos a temperatura de aquí a finais de século. Por non falar do que nos afastamos do obxectivo de non superar o grao e medio reclamado polos estados insulares e países menos desenvolvidos.

1. O cambio climático é consecuencia do modelo económico actual caracterizado por dous factores: a dependencia enerxética dos recursos fósiles e a necesidade intrínseca de crecer. Un modelo que funciona só a base de queimar petróleo na industria, o transporte, a agricultura, o lecer, a vivenda, etc. e que provocou a acumulación na atmosfera dos chamados gases de efecto invernadoiro, principalmente o dióxido de carbono (CO2), que impiden que as radiacións infravermellas que emite o planeta saian ao espazo e, por tanto, fan subir a temperatura do planeta. Un modelo baseado nunha lóxica de necesidade de crecemento constante: crecer para saír da crise, crecer para crear emprego que non fixo máis que acelerar as emisións nas últimas décadas.

2. Rebaixando os compromisos. De Kioto a París. Na COP21 negóciase un protocolo que substitúa ao Protocolo Kioto que entrou en vigor en 2005 e cuxo obxectivo era reducir para 2012 o 5% das emisións con respecto ao ano 1990. No entanto, os retrocesos son varios. O primeiro, a perda dun tempo que non podemos permitirnos perder. O Protocolo de Kioto establecía obrigacións para o período 2008-2012, pero o acordo que se aprobe en París aplicarase a partir de 2020 co cal se deixaron oito anos entre medias para que “cada cal faga o que queira á súa maneir” que se traduciu en laissez faire, laisser passer. O segundo, o cambio de lóxica na definición dos compromisos pasando da responsabilidade(canto hai que reducir en total, canto toca por país) ao ofrecemento (isto é o que vou reducir como país, isto é o que hai). En Kioto, aínda que algúns países como EEUU decidiron non asumir a súa parte e non o ratificaron, as obrigacións de redución de emisións repartíronse en función das responsabilidades comúns pero diferenciadas de cada país. En cambio, no novo acordo óptase porque cada país voluntariamente ofreza compromisos de redución de emisións e logo xa se verá canto suman. Cos compromisos actuais encima da mesa estase moi lonxe de manterse en 2ºC graos, o resultado é que a temperatura a final de século subirá dun mínimo de 2,7ºC graos até 4 graos, segundo as distintas fontes. En terceiro lugar, a discusión sobre a obrigatoriedade. A pesar de que é cada país quen define os obxectivos de redución de emisións -en lugar de responder a criterios científicos de responsabilidade e/ou capacidade de redución-, a cuestión de se os compromisos son vinculantes ou non se prevé que sexa un dos puntos máis complicados no Cume de París. É dicir, os obxectivos que voluntariamente presentan os países poden terminar sendo de cumprimento voluntario. E, a pesar diso, probablemente o día despois teñamos que ler nas periódicos declaracións de varios dos ministros ou primeiros ministros como as que se pronunciaron xa en Copenhague, cando, por exemplo, Obama dixo “Hoxe logramos un avance significativo e sen precedente. Por primeira vez na historia, todas as principais economías uníronse a fin de asumir a súa responsabilidade de actuar e enfrontar a ameaza do cambio climático. Hoxe logramos un avance significativo e sen precedentes.”

3. E o Estado Español: O gran suspenso aínda que se diga que aprobou o exame. A repartición de compromisos realizado no seo da UE para cumprir co Protocolo de Kioto permitiu ao Estado Español aumentar as emisións nun máximo dun 15% para o período 2008-2012 e cumpriuno xustiño, xustiño. De feito cumpriuno grazas á crise económica que retardou a economía e á compra por valor de máis de 800 millóns de euros de dereitos de emisión, un mecanismo de flexibilidade que permite contaminar máis pagando diñeiro. No entanto, as emisións de gases de efecto invernadoiro no Estado español volveron a repuntar e crecen máis que a propia economía. En 2014 aumentaron un 1,1% respecto das de 2013 e por primeira vez desde que comezou a crise no ano 2008. Datos que non son só nefastos de cara a renovar compromisos na COP21, senón a mostra de que se desaproveitaron estes anos para mellorar en eficiencia e aforro e apostar por outro modelo enerxético.

4. Hai alternativas: Cambiemos o sistema e non o clima. Agricultura ecolóxica e de produción próxima en lugar da agroindustria e os transxénicos. Autoconsumo e produción de electricidade renovábel con posibilidade de reverter á rede o sobrante en lugar de depender das grandes eléctricas fósiles e usureas co déficit tarifario. Transporte público, peonil e ciclista en lugar da dependencia do auto. Repartición do traballo e a riqueza, en lugar da repartición da precariedade e a miseria. As solucións existen, só falta estendelas a gran escala. Solucións que non só reducen as emisións senón que melloran a nosa calidade de vida.

5. Dende Anticapitalistas expresamos o noso compromiso con esta axenda e sumámonos ás mobilizacións que terán lugar o sábado 28 e o domingo 29 de novembro en favor do clima e en particular ao chamamento que lanzaron distintas organizacións e plataformas en París pedindo que se manteñan as mobilizacións previstas parar o fin de semana e se levanten as prohibicións.

Nestes momentos máis que nunca dicimos: Para evitar o impensábel debemos comprometernos a facer o que parece imposíbel.

Advertisements