Cara á apertura de procesos constituíntes pola ruptura democrática 

Dende Anticapitalistas Galiza saudamos a presentación do preacordo político entre Anova, EU e Podemos Galiza como un primeiro paso cara á converxencia dos actores políticos e sociais que apostan por unha creba democrática do réxime do 78, e como continuación necesaria do proceso aberto o 24 de maio a través das mareas cidadás, coa vista posta na apertura dun novo escenario de oportunidades que poida concretarse na creación dun espazo novo, plural e dinámico que ilusione e vaia máis alá dunha suma de siglas que se limite a a plantexar a desputa só no terreo electoral. Este novo espazo ten que estar caracterizado pola horizontalidade, por permitir e fomentar a participación masiva da cidadanía e pola súa permanente apertura e reapropiación.

Na Galiza contamos coa valiosa experiencia de AGE, unha fronte de partidos capaz de sacar un resultado máis que digno no electoral (aínda que incapaz de derrotar á dereita), pero totalmente insuficiente para xerar unha dialéctica entre loita social e loita política, creando unha forma de loita superior. En ningún momento AGE se construíu dende abaixo, abríndose a sectores do movemento, da clase, que non se identifican cos partidos que a compoñen ou que querían traballar máis aló dese pantano que é o terreo institucional. A experiencia de AGE foi interesante e pioneira, pero non podemos esquecer os límites Asamblea-Podemos-Valencia-elecciones-europeas_EDIIMA20140602_0056_13da experiencia: unha retórica movementista e unha práctica que non se diferenciou demasiado da esquerda tradicional.

O novo acordo compromete aos mesmos partidos máis Podemos: isto é positivo, aínda que o modelo de Podemos errase na tarefa histórica que teñen por diante os e as de abaixo, que non é outra que construír un partido movemento de masas amplo, plural, que non tome como punto de partida no seu modelo as liñas políticas e as estruturas institucionais do capital, senón as loitas experimentadas polo movemento real. Non se trata, polo tanto, de montar unha fronte de esquerdas, senón unha ferramenta dinámica que combine todas as formas de disputa e, sobre todo, que sexa capaz de xerar músculo social para afrontar unha batalla que se aveciña de longo alento.

É certo que os ritmos tan acelerados que estamos a vivir están a dificultar o impulso dun  proceso de unidade popular verdadeiramente  horizontal e  aberto, e que hai aspectos do preacordo que nos parecen mellorábeis, pero tamén entendemos que na situación actual as organización políticas xoguen o papel de primeiro impulsor do proceso. Para que este avance e recolla realmente o espírito das mareas do 24M, as organizacións deben achegar o seu  caudal de experiencia   acumulada sen adoptar posicións de tutela, antepoñendo os   intereses das maiorías sociais antes que os cálculos electorais de parte, abandonando calquera “patriotismo de partido”. Construír colaborativamente, aportando dende a diferenza e o respecto mutuo, sen imposicións, desbordando os aparatos e estruturas partidarias aínda que sen desbotalas, coa finalidade de multiplicar por abaixo, é o  único xeito de tecer alianzas entre as clases populares, que reflictan o nexo común que une ás maiorías sociais atacadas polo neoliberalismo. O resultado debe dar lugar a  unha  candidatura plural, representativa dos diferentes actores, de tal  xeito  que non predomine un único equipo político, e na que a diversidade enriqueza o proxecto.

Dende  Anticapitalistas-Galiza non imos caer na retórica oca que non di nada, de falar da cidadanía como suxeito ao que apelamos para lexitimar as  nosas operacións políticas. A cidadanía mirou con desinterese toda esta  operación, malia que haxa moitos que falen no seu nome. Non se  trata de que certos “notables” capitalicen o acordo, se trata de superar  dunha vez o concepto de “operación política” e lanzar un proceso  asembleario nos espazos territoriais, onde os cadros de todas as  organizacións, tendencias, colectivos, e demais actores, traballen para  xerar espazos de loita que sexan atractivos, que non reproduzan a  pequena escala as dinámicas parlamentarias, que miren cara a fóra, que fagan sindicalismo social e disputen o poder político. Todo o demáis é  manter a política nos límites nos que a esquerda se mantivo nas últimas  décadas, cunha nova retórica, con máis votos, pero cos mesmos  resultados.

A apertura de auténticos procesos constituíntes implica  ir tecendo unha nova institucionalidade onde o poder estea repartido e descentralizado. Para iso, é fundamental artellar mecanismos e espazos de participación e empoderamento popular, que sirvan para o apoio e para o control das nosas representantes nas institucións. Pero tamén hai que apoiarse e promover  a mobilización e a participación activa das clases populares en todos os ámbitos. Sen construir autoorganización popular por abaixo, o traballo nas institucións será só un eco no deserto.
Nese sentido, resulta clave apostar por unha desprofesionalización do exercicio da política,  un control democrático sobre a financiación e xestión económica da candidatura e o deseño de novas instancias decisorias que fiscalicen a súa actuación.

Por último, entendemos que un aspecto esencial de todo acordo político en Galiza pasa polo recoñecemento do pobo galego como  suxeito político diferenciado, é dicir,  do dereito de autodeterminación, aspecto que si aparece recollido no preacordo, o cal nos parece un paso adiante positivo. O recoñecemento da soberanía do pobo galego debe inscribirse na apertura de procesos constituíntes no Estado  Español. Sen eles non poderá darse unha auténtica creba democrática: trátase de ter poder para decidilo todo, para decidir o control público e social dos principais resortes da economía, para decidir que a súa débeda non a pagamos e que a súa austeridade non a soportamos, para  decidir outro modelo enerxético, para decidir sobre os nosos corpos,  sobre as nosas vidas . É dicir, cómpre un programa de ruptura, o único programa realista para saír da crise política económica e social e enfrontar a chantaxe da troika e os poderes financeiros. Este programa deberá de ser colaborativo e de mínimos, aberto á discusión dende a base. Un programa que deberá ser defendido nas institucións mediante unha organicidade que concrete ese recoñecemento do pobo galego como suxeito político.

Cal  é o papel de Anticapitalistas? Para empezar, traballaremos para  construír este partido-movemento que cremos que é fundamental para que  as clases populares poidan pasar á ofensiva, nun contexto onde xa nos  quitaron case todo. En segundo lugar, queremos aportar unha perspectiva organizada que vaia máis aló do electoral, que aposte claramente pola  ruptura anticapitalista: non basta con criticar as formas, a perspectiva  debe ser tamén radical no contido. Socializar a banca e os recursos  estratéxicos da economía, apostar por unha política que cuestione as  relacións de poder económico, social, patriarcal, non só a forma de  xestionar o Estado; levar a democracia aos centros de traballo, combater  a moderación froito da dinámica electoralista na que nos sumimos o  último ano e medio, entender que só con auto-organización  en todos os espazos das comunidades vivas podemos converter o cambio en  algo máis que unha consigna.

O proceso só ven de dar os seus primeiros pasos. Este preacordo ten potencialidades que desenvolver e limitacións a superar. Temos ante nós unha ventá de oportunidade aberta, mais que non o estará indefinidamente. A ameaza dun peche antidemocrático e dunha saída centralista e favorábel ás elites existe, polo que cómpre  ambición, ilusión e audacia para invertir o curso do proceso, cambiar o taboleiro e impoñer as nosas regras sobre as súas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s