A Europa sángranlle as fronteiras

emigracion

A crise migratoria que dende hai meses ten lugar nas fronteiras meridionais e orientais europeas preséntasenos oficialmente como un fenómeno climatolóxico de causas azarosas no que a Unión Europea limitaríase a ser un actor pasivo desbordado ante un dos maiores movementos de refuxiados das últimas décadas. En plena crise humanitaria, autoridades comunitarias e Estados membros pásanse unha pataca quente que contrasta obscenamente coa celeridade coa que se deseñan e despregan outros mecanismos de intervención moito máis ambiciosos cando o obxecto do rescate son bancos privados ou grandes empresas.

O suposto risco dun efecto chamada contaxioso entre os máis de catro millóns de refuxiados sirios e demais migrantes internacionais xustificaría a negativa a acoller aos poucos centos de milleiros que cruzaron as fronteiras comunitarias durante estes últimos meses, á vez que motivaría as medidas disuasorias e represivas empregadas polas forzas de seguridade dos Estados membro. Ante os últimos acontecementos e fronte a este relato oficial dos feitos, desde Anticapitalistas declaramos:

  1. Cifras de acollida irrisorias. Salvo contadas excepcións, a UE e os seus Estados membros non están a facer os deberes en materia de acollida de solicitantes de asilo. Os recentes anuncios de mellora e o vergoñoso mercadeo á baixa practicado por gobernos como o español apenas corrixen unha carencia estrutural e non supoñen unha solución para a maioría de persoas que están a solicitar asilo na UE. Esta lamentábel actitude contrasta con exemplos históricos como os millóns de xudeus europeos que atoparon asilo fose do continente tras a Segunda Guerra Mundial ou os centos de milleiros de exiliadas españolas que fuxiron da guerra civil e da ditadura. Pero tamén choca cos millóns de refuxiadas acollidas dende hai xa varios anos polos países limítrofes con Siria, a pesar de dispor todos eles de menos recursos que os que potencialmente podería despregar a UE para ese efecto. Hai diñeiro para rescatar a bancos e para construír costosísimos portavións, pero véndesenos como imposíbel destinar unha ínfima porción deses fondos a rescatar persoas. E culpar de todo iso ás mafias que trafican con persoas é non querer ver máis que a punta dun mortífero iceberg, cando non un lamentábel intento de lavarse as mans escorrendo responsabilidades.
  2. O efecto chamada da política exterior europea. Máis aló dos factores endóxenos dos conflitos armados que motivan a fuxida de moitas das actuais refuxiadas, as intervencións e intereses militares e económicos dos gobernos, institucións e empresas transnacionales europeas teñen parte de responsabilidade na inestabilidade destes países de orixe. O espolio de recursos, os intereses xeoestratéxicos ou os acordos de libre comercio xeran fame, empobrecemento, guerras e éxodos. A UE e os seus Estados membros non poden mirar para outro lado cando chaman á súa porta as consecuencias das súas inxerencias externas.
  3. Os Dereitos Humanos e a solidariedade internacional como principios reitores. Pero máis aló das relacións de causa-efecto ou das eventuais corresponsabilidades pertinentes, e mesmo das obrigacións derivadas dos convenios internacionais asinados pola propia UE, a resposta á actual crise humanitaria debe basearse ante todo nunha cuestión de internacionalismo, solidariedade e respecto dos Dereitos Humanos. A dignidade e a vida das persoas valen máis que calquera beneficio privado, que calquera cálculo electoral e que calquera lexislación vixente. Cada día resulta máis bochornoso aquel incomprensíbel Nobel da Paz concedido á UE en 2012.
  4. Refuxiado ou migrante, ningún ser humano é ilegal. Moitas voces críticas coa actuación da UE están a pór a énfase no dereito legal e lexítimo ao asilo que teñen quen están a cruzar as fronteiras comunitarias. Pero, que ocorrería se fosen “simplemente” persoas fuxindo do horror xerado por esas outras guerras que provoca a diario a fame, a miseria e a escaseza de recursos? Seica son menos lexítimas as ansias de dignidade de quen foxen das guerras económicas que o capital desprega a diario por todo o planeta? Seica non corren as súas vidas o mesmo perigo en caso de quedar nos seus lugares de orixe? Ou é que as fames negras e as guerras provocadas pola extracción dos recursos naturais que requiren as industrias do norte non matan tanto como as balas do Estado Islámico? Xa sexa por razóns políticas ou económicas, migrar é un dereito, máis aínda cando se volve unha necesidade vital. Porque non hai mortes de primeira e de segunda, tampouco debe haber solicitantes de asilo nin refuxiadas de distinta natureza.
  5. Fin á represión xenófoba institucional. Escapen dun tipo de guerra ou doutro, teñan dereito recoñecido ou non ao asilo, só unha administración criminal podería engaiolar a persoas, mallar en familias enteiras e cortar o paso a menores de idade con concertinas e campos de internamento. Se non é capaz de rescatar a persoas, para que serve entón a UE?
  6. Efecto chamada ao odio racial. O único efecto chamada que está a xerar a abominábel xestión de fronteiras exteriores da UE é a chamada ao odio, á intolerancia, ao racismo e á xenofobia. Por toda Europa xorden brotes de odio racial. Racismo e peche de fronteiras, unha vella pantasma europea que volve chamar ás nosas portas ante a inacción de quen nos gobernan. Afortunadamente son máis as mostras de solidariedade desde abaixo, demostrando unha vez máis que só o pobo salva ao pobo e que outra Europa é posíbel.

Caen as fronteiras para as mercadorías e os capitais mentres se levantan muros cada vez máis altos para as persoas. O fundamentalismo de mercado e o nacionalismo xenófobo alíanse para reforzar unha Europa fortaleza chea de fronteiras que segregan os Dereitos Humanos dos intereses do capital transnacional. Muros que non mostran outra cousa máis que o medo de quen os levantan, buscando salvagardar uns supostos privilexios que eles mesmos se encargan de dinamitar a diario. Pero non hai aramados, pelotas de goma nin murallas que freen as ansias de vivir con dignidade afastados da pobreza e dos fanatismos, chámense islamita ou neonazi. E o mellor perforador desas barreiras chámase internacionalismo solidario.

Por iso dende Anticapitalistas esiximos un aumento inmediato e considerábel dos medios necesarios para responder as solicitudes de asilo das persoas que están a chegar ás fronteiras europeas fuxindo da morte en orixe, independentemente da natureza económica, política ou militar das causas que motivaron a súa emigración; o fin das medidas represivas e a súa substitución por medidas de acollida urxentes no curto prazo e, no medio prazo e de forma estrutural, o fin das inxerencias europeas corresponsabeis da emigración en orixe e a súa substitución por programas de cooperación ao desenvolvemento dirixidos polas sociedades civís organizadas en destino.
Anticapitalistas, 30 de agosto de 2015

Advertisements