“Mover ficha”: unha candidatura contra a débeda exterior e o réxime | John Brown

1522293_272953566194723_1892408863_n

[John Brown, escribe sobre a iniciativa Podemos, a proposta dunha candidatura popular para as eleccións europeas que xira entorno ao manifesto asinado por diversas activistas e intelectuais]

No panorama casposo da suposta “fin da crise” que proclama a ultradereita gobernante, non parecían posíbeis moitas sorpresas. Todo parecía atado e ben atado. As sondaxes electorais arroxaban resultados brillantes para o bipartidismo de réxime e os seus partidos rémora. O 15M, as Mareas, a PAH, pronto só serían malos soños esquecidos no resplandor dun poder por fin restaurado. Todo atado e ben atado entre dous bloques de poder liderados por senllas esfinxes. Estes bloques e estas esfinxes poden competir ou aliarse entre si con toda a cortesía dos que saben que non poden realmente criticar ao outro por malgoberno, corrupción ou autoritarismo, porque o outro se lle botaría encima con acusacións idénticas e igualmente sustanciadas. Xunto aos dous buques insignia, fóra das nacionalidades históricas só quedaban dúas forzas de complemento: IU e UPyD. Ningunha das dúas pasaba de ser máis que o Pepito Grilo da súa irmá maior de “esquerda” ou de dereita. Era até hai unhas horas desolador saber que por grande que fose a mobilización popular contra o saqueo, o empobrecimiento xeneralizado, a liquidación de dereitos e outras formas de violencia social das clases dominantes, non había ningunha posibilidade efectiva de expulsar ao malgoberno e ao seu igualmente mala oposición. A crise terminaría así en vitoria para as clases dominantes e os seus representantes políticos e os duros anos de loita desde o comezo da crise serían vans. Todo estaba atado e ben atado: o poder podía xa ir usando os seus aparellos represivos contra a resistencia e impor varias décadas máis de silencio enterrando o 15M e todo o que con este se asocia.

Por fortes que sexan os movementos sociais, non se pode liquidar o malgoberno sen desaloxar do goberno aos seus aparellos políticos. Isto non é suficiente, pero é evidentemente necesario. Nun país tan salvaxemente golpeado pola crise como Grecia, o instrumento de intervención política dos movementos sociais na esfera representativa foise creando ao calor das mobilizacións e das loitas e constitúe hoxe a primeira forza política do país. O seu nome é Syriza. Esta organización ten un programa claro: en primeiro lugar, saír da lóxica infernal da débeda e a austeridade e impor esa opción con todas as súas consecuencias dentro da Unión Europea: facerse respectar dentro do club europeo, non por obedecer aos ditados da actual maioría neoliberal, senón por desoilos e atender as necesidades da poboación. A única posibilidade de evitar unha grave regresión dos dereitos sociais e civís, da democracia, da propia civilización é saír do neoliberalismo e da deudocracia como fixeron numerosos países latinoamericanos nas últimas décadas mellorando significativamente con iso o nivel de prosperidade e de liberdade das súas sociedades. Era desconcertante que non xurdise no Estado español ningunha opción de política representativa á altura das esixencias dos movementos sociais, á altura do 15M, da PAH, das Mareas, de Gamonal, capaz de asociarse ao proceso de paz no País Vasco e de aceptar como principios democráticos básicos e evidentes os dereitos dos distintos pobos do Estado á autodeterminación.

Por desgraza, aínda que moitos, moitísimos militantes vellos e mozos de Izquierda Unida estiveron nas rúas participando lealmente na resistencia social, a dirección de IU foi incapaz de estar ao nivel das súas propias bases e preferiu a procura de alianzas con forzas do neoliberalismo e da reacción, as mesmas forzas que impoñen á poboación a débeda e a miseria: o PSOE, o PP e até o neofalanxismo blanqueado de UPyD. Esta política ten o seu custo, para IU, pero tamén para a maioría da sociedade e tamén os seus beneficios, pero estes só para parte da dirección de IU. O resultado deste estancamento é a perfecta incapacidade de IU de soster publicamente un programa de loita contra a deudocracia e o afastamento desta organización daqueles sectores sociais que poden facer que a esquerda consecuente poida gobernar e desaloxar as forzas do malgoberno. Cun 12% de expectativa de voto non se é Syriza: ése apenas “media Syriza”.

Nestas circunstancias, é necesario saír do canellón sen saída promovendo un interfaz político dos movementos sociais que estea realmente á altura das súas reivindicacións. En América Latina, a vella esquerda quedou desprazada por novas organizacións e novas formas de organización capaces de impulsar o cambio necesario: desde a Revolución cubana até as revolucións bolivarianas actuais non se deu ningún caso en que un proceso transformador vitorioso fose encabezado pola esquerda tradicional. Por algo será. Novas ideas, novas cabezas, novas linguaxes e organizacións foron necesarios para vencer aos opresivos sistemas de dominación social até entón vixentes, pero tamén para sacudir a inercia das vellas organizacións da esquerda enquistadas no Estado ou nunha resistencia sectaria. Moitas delas consideraron aos que tentaron defender os cambios imposíbeis e necesarios como ilusos ou mesmo traidores. Afortunadamente Fidel, Hugo, Evo e outros moitos non lles fixeron caso e seguiron adiante buscando facer realidade o imposíbel mentres que as esquerdas de toda a vida contentábanse co “posíbel”, isto é co que a orde vixente lles permitía.

Algo así pode estar a empezar a pasar no Estado español co Manifesto “Mover ficha” asinado por un grupo de intelectuais e de activistas da esquerda exterior aos grandes partidos e co anuncio dunha posíbel candidatura ás eleccións europeas de Pablo Iglesias Turrión e outras persoas sinaladas pola súa participación activa en distintas formas da resistencia social. É unha candidatura que encabeza o seu esbozo de programa -que aínda deberá debaterse publicamente- cun claro pronunciamento en contra da débeda ilexítima: “Primeiro van as necesidades da xente. A austeridade e os recortes afogan a economía e as nosas vidas. Hai que derrogar o artigo 135 da Constitución española e unha moratoria para levar a cabo unha auditoría cidadá da débeda que determine que partes da mesma non son lexítimas; as débedas ilexítimas non se pagan.” A débeda é o elemento central da dominación neoliberal. Enfrontarse á hexemonía do poder financeiro, á forma particularmente insidiosa que adquire hoxe o poder do capital, é rexeitar a débeda ilexítima e derrogar todos os textos legais e medidas administrativas e políticas tendentes a impor o seu pago. Por primeira vez, un proxecto político de esquerda no Estado español -sen esquecer outros moitos aspectos da loita polos dereitos e as liberdades- pon de manifesto a centralidade do que é central. Á espera de que este proxecto se vaia concretando -ou, mellor de que o vaiamos concretando entre todos- merece sen dúbida un voto de confianza. Que ninguén se escandalice dicindo que “divide á esquerda”: un programa capaz de unir a unha maioría contra a débeda e por unha democracia efectiva é capaz de recoller máis apoios que os típicos programas ambiguos da esquerda aberta aos pactos co réxime e os seus partidos. Só divide as forzas da resistencia quen é incapaz de separarse do réxime.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s