Gamonal como síntoma / Esther Vivas

Image

 

Loitamos polos nosos barrios, veciños, dereitos. Loitamos por todo aquilo que nos roubaron ou nos queren roubar. Esta é a esencia dos tempos que corren. Época de desengano, angustia, desespero, pero, tamén, de rabia, indignación, rebeldía. Gamonal non é unha anécdota máis senón un síntoma do agora.

 

Aínda recordo como quince anos atrás saíamos á rúa para dicir que os pobres do Sur non tiñan porque pagar a súa débeda, que era ilexítima e ilegal. Logo mobilizariámonos contra o Banco Mundial, a Unión Europea, o G8, a Organización Mundial do Comercio. Á rúa contra unha globalización neoliberal que mercadeaba con dereitos e liberdades. Despois chegaría a guerra en Afganistán e a guerra en Iraq e o Trío dos Azores. Millóns de persoas saímos á fronte para dicir “Non á guerra”. Solidariedade co descoñecido, internacionalista e esencial, que sabiamos formaba parte de nós.

 

Alí no Sur, viamos experiencias de auto-organización popular e resistencia. En Sudáfrica, as campañas contra os desafiuzamentos, as anti-eviction campaign, en barrios pobres e humildes. Veciños que se organizaban para deter os desafiuzamentos, os cortes de auga e electricidade. En Brasil, movementos campesiños ocupando terras, devolvendo a dignidade aos de abaixo. En Bolivia combatendo a privatización e o negocio da auga. En Arxentina, poñendo en marcha cooperativamente fábricas, tras o peche patronal, organizando asembleas barrais e cortando estradas para reivindicar emprego. Acórdome de marchas en Senegal que dicían “non” ao pagamento da débeda, con pancartas contra o FMI e o Banco Mundial. Xente corrente obrigada a saber das bambolinas do taboleiro global. Aquí, viviamos na suposta abundancia.

 

 

 

A crise, non obstante, fíxonos abrir os ollos a Matrix. Espertamos da festa do Capital. De súpeto, vimos como a pobreza, os desafiuzamentos, o paro e a fame entraran, sen avisar, na casa. Hoxe as nosas cidades e barrios parécense un pouco máis ás vilas miseria do Sur global. Vémolo día a día a noso arredor. Xa non loitamos soamente por aqueles que viven a miles de quilómetros de distancia. Facémolo agora por nós, por dignidade, dereito e xustiza. As xentes da Plataforma de Afectados pola Hipoteca e tantos outros que combaten os desafiuzamentos, aqueles que se rebelan contra a estafa das preferentes, os que se organizan contra o copagamento sanitario, os que din “basta” ao aumento abusivo de tarifas do transporte público son o mellor exemplo. Historias invisibles, anónimas, pequenas e esenciais que configuran a nosa resistencia colectiva.

 

Gamonal non é unha loita máis é un síntoma dos tempos que vivimos e do profundo cansazo e malestar social. Moitos pregúntanse onde está a imprescindible revolta ante tanto dor. Os procesos de cambio, as rupturas, non obstante, son inesperadas e intempestivas. Quen tería dito que un mozo universitario e vendedor ambulante queimado ao bonzo sería o detonante da revolución tunecina e a Primavera árabe ou que a férrea vontade por salvar unhas árbores dun parque daría lugar á masiva protesta en Turquía. Do aparentemente anecdótico pode saltar a faísca que prenda a chama. Todo depende de canta gasolina haxa concentrada. E como vimos, estes días en Gamonal, hai moita.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s