Pola defensa da revolución tunisiana, solidariedade coa folga xeral do 13 de decembro!

Declaración da Cuarta Internacional

O xoves 13 de decembro, por terceira vez na súa longa historia, a UGTT (Unión Xeral do Traballo de Tunisia) convoca unha xornada de folga xeral. Actuando así, non intenta só protestar contra o ataque á súa sede nacional polas milicias islamitas o 4 de decembro, faino tamén para defender o futuro mesmo da revolución.

Se o partido no poder Ennadha lanza as súas milicias ao asalto dos locais sindicais, é porque estima que a UGTT é a columna vertebral da resistencia a súa tentativa de someter ao conxunto da sociedade ao seu modelo reaccionario e relixioso.

Desde hai meses, Ennadha multiplica os seus ataques contra os traballadores, as mulleres e os mozos. Visiblemente, o feito de ter que retroceder parcialmente tras a folga xeral de Siliana, a semana pasada, levou a Ennadha a intentar aterrorizar aos militantes sindicais.




Se Ennadha quere romper á UGTT, é porque a central sindical xoga un papel irremplazable na resistencia á prosecución da política económica e social neoliberal herdada de Ben Alí. O poder quere, en particular, continuar podendo vender as sociedades públicas aos seus amigos de Qatar.

Se Ennadha actúa así, é tamén porque a UGTT, que ten antigos lazos coas organizacións feministas, constitúe un obstáculo na súa vontade de pór en cuestión os amplos dereitos de que gozaban as mulleres desde 1956.

A revolución tunisiana está hoxe na encrucillada. Atacando a sede da organización sindical que foi a matriz do movemento pola independencia, Ennadha quere instaurar unha ruptura. Quere escribir unha nova historia baseada en principios reaccionarios e relixiosos.

A longa tradición de loitas do pobo tunisiano fai posíbel unha contraofensiva vitoriosa, como proba a amplitude das folgas rexionais e das manifestacións que seguiron inmediatamente ao ataque da sede da UGTT o 4 de decembro.

A IV Internacional e as súas seccións expresan a súa solidariedade máis ampla coa folga xeral do xoves 13 de decembro e comprométese a impulsar a solidariedade máis ampla con esta folga.

Buró Executivo da IV Internacional

París,

9/12/2012

FOURTH INTERNATIONAL
CUARTA INTERNACIONAL
QUATRIÈME INTERNATIONALE

c/o PECI • BP 85 • 75522 Paris Cedex 11 • FRANCE

A crise de réxime, a cuestión nacional e a esquerda

[Artigo do noso compañeiro Brais Fernández publicado orixinalmente en Praza Pública]



O goberno de Rajoy parece empeñado en polarizar o debate político en torno á cuestión nacional, como amosan as últimas medidas propostas polo sinistro ministro Wert. A lingua non é unha cuestión para nada secundaria. Os ataques contra o euskera, o catalán e o galego (ou a invisibilización doutras como o asturiano) representan un impulso máis no proceso de recentralización política, consistente en reconstruír, precisamente por onde é máis débil, a autoridade dun réxime deslexitimado: a cuestión nacional.


Vaiamos por partes. Que podemos entender por crise de réxime? Unha crise de réxime é substancialmente diferente a unha crise de estado, de gabinete gobernamental ou unha crise revolucionaria. Unha crise de réxime caracterizase pola deslexitimación das normas que rexen a política oficial, pola posta en cuestión das súas institucións, pola sensación de que “o que servía ate agora xa non basta”. No caso concreto do estado español esa posta en cuestión diríxese cara a Constitución do 78 e reflíctese na caída constante dos votos dos partido que sosteñen e xestionan conforme a ese modelo. A esta expresión do descontento a través do plano electoral temos que sumarlle unha profunda crise por “enriba”.


Esta crise de réxime é un epifenómeno da profunda crise estrutural do sistema capitalista, tanto no plano económico como no social, ambos intimamente relacionados. A aposta para saír da crise por parte da burguesía é converter a “España” nunha colonia turística-deudora, onde o concepto de cidadanía este vencellado á renda e ao gasto, cun mundo do traballo completamente atomizado. Para iso precisan deconstruír tódolos espazos de resistencia social, os lugares de relativa autonomía comunitaria, como é o público. Ademais da busca de novos mercados para a inversión de capital, as contrarreformas en sanidade e educación tratan de preparar a sociedade para unha reestruturación social de enormes proporcións.Unha xudicatura paralizada e desconcertada comeza a preguntarse sobre o seu papel. A monarquía é o bufón oficial ante a opinión pública, perdendo a súa aura de intocábel. O goberno Rajoy trata de mostrarse como independente ante a Troika, con ridículos resultados. CiU, o partido dos conservadores cataláns tenta recoller os sentimentos nacionais, envolvendo os recortes na bandeira independentista, azuando unha situación que quizais non controlen tanto como prevén, pois os movementos populares teñen dinámicas propias que non poden ser teledirixidas. Sen dúbida, o exemplo máis extremo desta situación é a progresiva descomposición do PSOE, abocado a terminar coma o PASOK grego.

As identidades galegas, catalá, vasca ou española teñen unha característica común: todas precisan do “outro”, do antagonismo e contraposición co outro para existir. Aí terminan as semellanzas, porque obviamente, as identidades nacionais non se atopan agora en condicións de igualdade. A inexistencia de esa igualdade tamén lle causa problemas á burguesía española. Non pode solucionarse a cuestión nacional pola vía federal senón existe unha relación de igualdade entre nacionalidades, vía que só pode conquistarse e concretarse no “dereito de autodeterminación”. Para a burguesía española isto é impensábel: necesita o españolismo para vivir, necesita a “unidade de España”, é parte da súa natureza ontolóxica, a súa principal arma ideolóxica para reconstruír un réxime en descomposición, e, por ironías do destino, o seu punto máis débil.A crise de réxime relacionase así coa necesidade de expulsar á clase traballadora de espazos parcialmente conquistados. Esa desintegración das clases subalternas, esta ruptura do pacto social, non está exenta de riscos O neoliberalismo e a ideoloxía patrioteira do PP contradínse y compleméntanse na práctica: ser español xa non é un privilexio, é un castigo para o 99% precarizado. Por que imos querer ser españois se significa miseria e austeridade? A cuestión nacional relaciónase así intimamente co social e co ideolóxico: non ten absolutamente nada que ver co etnicismo sentimental, aínda que este poida ser un dos seus vehículos de expresión. A identidade nacional constrúese sempre en relación a contextos máis amplos e sempre en relación co outro.

As esquerdas, tanto nacionais como estatais, teñen unha oportunidade histórica de ligarse en proxectos converxentes. Por unha banda, a esquerda estatal debe asumir sen reservas a defensa do dereito de autodeterminación dos pobos (coa defensa da independencia incluída), porque debilita a estabilidade do bloque histórico das clases dominantes, cohesionado ideoloxicamente pola idea da “unidade de España”. A libre asociación dos pobos só pode ser conquistada cando exista a condición de iguais, que só pode ser conquistada dende abaixo e dende a ruptura. Por outra banda, as esquerdas nacionais necesitan dunha esquerda internacionalista (1) que alimente fendas no réxime do 78, para que a crise de réxime non culmine nunha recentralización forzosa que aniquile as diferentes identidades nacionais.O nacionalismo burgués vasco, catalán ou galego ten como premisa fundamental a canalización dos sentimentos nacionais cara unha renegociación de status co Estado Español, construíndo así unha teoría e praxe conservadora, baseada no pluralismo político: “utilizar a diferencia para que todo siga gual”. Neste punto atopámonos cos límites do nacionalismo burgués: non pode optar por unha vía de ruptura porque significaría alimentar as contradicións de clase dentro do movemento independentista, co risco de que as clases populares encabecen o proceso, pero tampouco pode negociar cunha burguesía española, a cal necesita contraporse o nacionalismo separatista para cohesionar a súa base social. A crise de réxime por enriba transformase así nunha situación de impase, que en realidade favorece a ambos campos burgueses. A tensión é calculada, constante, pero ordenada.

A contrarreforma educativa do sociópata Wert abre unha posibilidade concreta nesa confluencia nas batallas inmediatas. As esquerdas estatais teñen a oportunidade de ligar os ataques estruturais contra a educación pública coa defensa internacionalista dos dereitos nacionais dos pobos sen estado, erosionando así a hexemonía da dereita no plano social e nacional, ademais de facilitar alianzas baseadas no interese común de clase coas esquerdas nacionais. As esquerdas nacionais, ademais de tecer alianzas en condición de igualdade coas esquerdas estatais, teñen a oportunidade de ligar a cuestión da lingua á defensa do benestar social, en concreto á defensa da educación pública.

O reto na Galiza é enorme. Se a esquerda é capaz de ligar a defensa da lingua á necesidade de reconstruír un movemento popular alternativo, en defensa do público, cun proxecto de sociedade diferente, darase un paso adiante importantísimo no fortalecemento dun suxeito que rompa co plano neoliberal. O risco está en que determinadas organizacións intenten utilizar a lingua para fortalecerse ante os seus rivais políticos, como se fora propiedade de alguén e non común, antepoñendo mezquiñamente os seus intereses de aparato á construción dun contrapoder democrático dos de abaixo. Temos entre todas a obriga de demostrarlle a Wert que as reivindicacións das nacionalidades sen estado non son un arma favorábel para os intereses da burguesía, senón un arma para a transformación social.

NOTAS:

1- Non todas as esquerdas estatais tiveron ou teñen a mesma actitude co tema nacional: a esquerda anticapitalista sempre defendeu implacablemente o dereito dos pobos a decidir. O caso da LCR e do MC nos 80 é bastante claro, chegando a concretarse en campañas electorais a favor de Batasuna durante as eleccións europeas, ou na actualidade apoiando a campaña das CUP en Catalunya. Na esquerda antineoliberal como IU a situación é máis ambigua: a incapacidade para ligar o seu proxecto federal cunha asunción consecuente do dereito de autodeterminación segue sendo un lastre importante. Incluso neste período as contradiccións son bastante flagrantes: mentres que tacticamente en sitios como Galiza asumen tacticamente as reivindicacións nacionais, Cayo Lara interpreta a derrota de CiU coa derrota do independentismo catalán.

Comunicado de Esquerda Anticapitalista Galega en apoio á folga d@s traballadoras/es de Vitrasa en Vigo

A plantilla de Vitrasa continúa en folga polos seus dereitos. Dende EAG, consideramos as reivindicación d@s traballadores/as completamente lexitimas e necesarias e queremos mostrar toda a nosa solidariedade coa súa loita. Ter dous días de descanso á semana, non sufrir períodos intervacacionais de 15 meses, regular os tempos de descanso en quendas que chegan até as 10 horas ou xerar máis postos de traballo son reivindicacións excesivas? A negativa da empresa revela como o capital ve @s asalariad@s: como instrumentos para xerar beneficios e non como persoas que teñen dereito ao seu tempo libre, a descansar, a non acabar cansados no traballo. Para nós, traballar ten que ser un medio para que a sociedade poida vivir comodamente, non para que unha minoría acumule beneficios. Vitrasa obtivo 4 millóns de euros de beneficios durante o último ano, beneficios que conseguiron grazas ao traballo da plantilla e acumulación por desposesión do conxunto da cidadanía baseada nos elevados prezos do billete de bus. Estes beneficios que non repercutiron socialmente, nunha cidade con ducias de miles de parados e con múltiples necesidades por cubrir.

Con esta folga, @s compañeir@s de Vitrasa están pelexando por tod@s. Teñen razón e a actitude da empresa demostra que nin nos consideran dignos de dereitos, só forza de traballo ou números que poden usar é tirar. Chamamos os sindicatos a lanzar mobilizacións cidadás e sociais amplas, que reivindiquen un transporte socializado, ecolóxico, de calidade, gratuíto e xestionado pol@s traballadores e a cidadanía. Que quede claro que nós xustificamos, defendemos e apoiamos toda acción dos empregados contra empresa en defensa das súas condicións de emprego. Os políticos que inxectan millóns de euros á banca ou os empresarios que explotan aos obreiros non teñen dereitos a criticar aos de abaixo cando se defenden, cando son culpábeis de que miles de familias sexan desafiuzadas ou pasen fame.

Exipto, un escenario de incertidume. A segunda fase da revolución: retos e perspectivas

Por Xaquín Pastoriza, militante de Esquerda Anticapitalista Galega | 8 de decembro de 2012

@CarlosLatuff
Un home con barba, integrante dos Irmáns Musulmáns, tenta tapar a boca dunha muller de idade, que permanece rexa, desafiante fronte ao seu agresor. Un xesto que simboliza a situación política de Exipto. Esa muller é Shahenda Mekled, histórica militante do movemento campesiño desde os anos sesenta e incansable loitadora polos dereitos das mulleres. Os islamistas pretenden topar a boca do pobo exipcio, de todos aqueles que  reclaman, coma Shahenda, coma o 25 de xaneiro de 2011, “pan, xustiza social e liberdade”.  
A histórica revolución de 2011 que conmoveu ao mundo durante 18 días derrubou a un dicatador, Hosni Mubarak, pero non ao réxime. A oligarquía cívico-militar que con apoio estadounidense dirixe Exipto desde os anos setenta manobrou desfacéndose do desprestixiado sistema de partido único do corrupto NDP, concedendo certas libertades a cambio de manter o seu dominio a través da súa principal ferramenta, o Exército. E conseguiu atraer cara o seu campo á principal forza da oposición, a Irmandade Musulmana, cun programa neoliberal no económico e reaccionario no social pero cunha base social de masas, conquistada a través anos cubrindo as carencias sociais do réxime coa súa rede de asistencia caritativa. A través dun pacto non escrito, os militares e a Irmandade lideraron o proceso de transición, repartíndose os papeis. O exército reprimindo con dureza nas rúas e detendo milleiros de activistas e os Irmáns musulmáns accedendo a parcelas de goberno coa súa vitoria nas lexislativas de novembro de 2011 primeiro e nas presidenciais de xuño de 2012. O réxime ampliou a súa base de apoio, modificou a súa faciana pero non mudou de natureza. 

Para que esta andamiaxe funcionara se precisaba urxentemente dun Préstamo do FMI, un rescate da maltreita economía exipcia que imporía un programa de axustes moi similar os aplicados en América Latina ou na periferia da Unión Europea. Para que este programa tivera éxito era preciso esmagar ao movemento obreiro exipcio, que a través da formación de sindicatos independentes, levaba meses de movilización con folgas masivas no textil(principal industria do país), nos transportes, na sanidade e na educación, reclamando un salario mínimo xusto e a renacionalización das empresas privatizadas. Por iso, na Declaración presidencial do 22 de novembro, que desatou o recente conflito, as folgas son declaradas ilegais e no proxecto de Constitución,  aprobado por unha Asemblea Constitucional monopolizada polos islamistas, se pon ás centrais sindicais baixo control directo do goberno. Moitos activistas denuncian o que é a implementación dun goberno autoritario que pretende dirixir con man de ferro o país laminando as escasas concesións democráticas efectuadas baixo o proceso de transición. Así, no borrador constitucional, non aparecen recollidos nin dereitos sociais nin os dereitos das mulleres, mentres que sí se reflexa a supeditación das leis á Sharia. Ademais, o proxecto constitucional de Morsi deixa a porta aberta aos tribunais militares para xulgar a activistas. 
Dende a caída de Hosni Mubarak, a polarización social medrou rapidamente. O que conseguiron os Irmáns Musulmáns é monopolizar esa polarización en torno á cuestión relixiosa, entre islamistas e laicos, desplazando do debate a cuestión de clase.  
Co que non contaba a Irmandade é con Tahrir, co rexurdimento masivo do movemento social que retou ao réxime nas plazas. Ata o de agora, houbo mobilizacións contra os militares e os islamistas pero tiveron niveis de seguimento baixos e concentradas nunha capa moi activista, que sacou cedo a conclusión de que os Irmáns musulmáns eran outra faciana do réxime. O desgaste que leva sufrindo a Irmandade dende que chegou ao goberno acelerouse rapidamente e iso xerou un desapego crecente que levou ás rúas nas últimas semanas a moita máis xente, incluindo capas que non estiveran presentes na Revolución de 2011. As imaxes de centos de milleiros de manifestantes cercando o Pazo Presidencial e enchendo a praza Tahrir simultáneamente marcaron un punto de inflexión. Os Irmáns Musulmáns perderon Tahrir, o espazo simbólico da revolución, onde compartiran escenario nas xornadas de xaneiro e febreiro de 2011 cos que se manifestaban contra Mubarak e hoxe se manifestan contra eles. Unha pancarta na entrada da praza reza “Proibida a entrada aos Irmáns Musulmáns”. Houbo unha recomposición dentro das forzas que derribaron ao vello “rais”. Os islamistas, tanto Irmáns coma salfistas, aparecen unidos na defensa do presidente Morsi e tentan recuperar as rúas con métodos fascistas, como o ataque contra os manifestantes anti-Morsi do mércores 5, que deixou 7 mortos. 
 As forzas opositoras a Morsi son moi heteroxéneas e abranguen nun Frente de Salvación Nacional desde sectores procedentes do Antigo Réxime, coma Arm Moussa, ex ministro de Mubarak, ata a esquerda nasserista do ex candidato presidencial Sahabby, baixo o liderado dun liberal demócrata coma Mohamed El Baradey. O tema é que o pobo exipcio está sacando conclusións aceleradamente, perdendo a confianza no islamismo, descubrindo que non vai completar as tarefas da revolución, senón que vai traizoala. Esta idea, que era patrimonio dos sectores máis activistas estáse a estender. Como dixo a propia Shahenda Mekled fai uns meses, “os Irmáns Musulmáns son uns oportunistas que se aproveitan da pobreza da xente. Pronto os exipcios se darán  de conta de que os islamistas no poderán cumplir as demandas da revolución”.  
O problema é que os Irmáns Musulmáns están conseguindo centrar o debate en torno á polarización musulmán/ non musulmán, acusando á oposición de ser cristiana e de estar dominada polos mubarakistas. A esquerda, que se está visibilizando moito máis nestas mobilizacións, a través de Sabbahy ou do lider sindical Khamed Alli, ten que fuxir deste debate e denunciar como arribistas ás antigas figuras do réxime que agora se poñen a careta de demócratas manifestándose canda eles. Estes sectores aportan moito menos do que suman e traizoarán ás primeiras de cambio. Outro problema que pode ter á oposición é depositar a súa confianza nos militares. Como se amosou no proceso de transición, estes non xogan un papel neutral. Se chegan a intervir será na defensa dos seus propios intereses como parte da elite dirixente e non na defensa do pobo. Asemade é fundamental alonxar aos islamistas da súa base social, desenmascarando aos seus dirixentes, fuxindo da demagoxia relixiosa sen facer concesións. En Exipto están a dilucidarse cuestións decisivas que van condicionar seriamente o futuro. Como descubriu dramáticamente a esquerda iraní no 79, hai momentos políticos que se perden e logo non hai volta atrás para arrepentirse. Esta lección está presente nalgúns sectores pero hai outros grupos da esquerda exipcia que parece que non aprenderon do pasado. 
O escenario está aberto e hai varias hipóteses de futuro. Unha posibilidade é que Morsi afonde na represión das protestas co apoio do exército, como parece suxerir a súa intención de proclamar a lei marcial, saque adiante o referendum constitucional previsto para o 15 de decembro e constrúa unha democracia autoritaria de tintes islamistas baixo a protección de EEUU. Outra opción é que o exército, verdadeiro poder fáctico do país, saque a conclusión de que os islamistas perden apoio social, xeneran inestabilidade e non funcionan coma garante dos seus intereses, polo que se desfarían de Morsi mediante un golpe de Estado, pactando con sectores da oposición vencellados ao mubarakismo, baixo o paraugas de Washington. Finalmente, existe a opción, máis remota, de que o movemento popular derribe a Morsi. Neste escenario post Morsi, a esquerda o tería moi difícil á hora de xogar un papel de liderado, moi fragmentada e desorganizada, incapaz de facer hexemónico o seu discurso no ámbito da oposición, polo que os que se levarían o gato á auga serían os liberais, nomeadamente El Baradei, e os sectores reciclados do vello réxime.  O positivo sería que un derrocamento popular desataría forzas difíciles de controlar polos liberais, aumentaría a confianza dos movementos sociais na súa forza e abriría un escenario de posibilidades maior para a esquerda. 
Porén, con estas mobilizacións se están forxando alianzas por abaixo e recomposicións políticas que poden axudar a fortalecer o xurdimento dunha alternativa. O venres 7 de decembro, os traballadores de Mahalla, corazón industriual do Delta, tomaron o Casa do Concello e proclamaron un Consello local alternativo que se declarou “independente do Estado islámico que está intentando crear o goberno”. Estas iniciativas deberían estenderse por todo Exipto, prantexando a cuestión crucial do poder político e non a simple retirada dun decreto ou unha maquillaxe dunha Constitución. É o único xeito de levar a revolución exipcia ata o final. Nese sentido resulta moi positiva a determinación dos manifestantes, dispostos a romper o cordón militar que rodea o Pazo Presidencial, a desarmar á policía ou a enfrentarse físicamente nas rúas cos islamistas. Nin as ameazas, nin a intimidación, nin as pedras, nin os disparos botan ao pobo exipcio da rúa. O sangue dos mártires regará os sucos do futuro. 

Potencias do Comunismo | Daniel Bensaïd

 [Publicamos a continuación o último texto escrito por Daniel Bensaïd para o nº 4 da revista Contretemps, da que era fundador e un dos directores. O texto forma parte do sumario de VIENTO SUR nº 108] 


Daniel Bensaïd
 Nun artigo de 1843 sobre “os progresos da reforma social no continente”, o Engels novo (acabados de cumprir os 20 anos) vía o comunismo como “unha conclusión necesaria que se está claramente obrigado a sacar a partir das condiciones xerais da civilización moderna”. Un comunismo lóxico en suma, produto da revolución de 1830, na que os obreiros “volveron ás fontes vivas e ao estudo da gran revolución e apoderáronse vivamente do comunismo de Babeuf”. 

Para o Marx novo, pola contra, este comunismo non era aínda máis que “unha abstracción dogmática”, unha “manifestación orixinal do principio do humanismo”. O proletariado nacente “botárase en brazos dos doutrinarios da súa emancipación”, das “seitas socialistas”, e dos espíritos confusos que “divagan como humanistas” sobre “o milenio da fraternidade universal” como “abolición imaxinaria das relacións de clase”. Antes de 1848, este comunismo espectral, sen programa preciso, estaba presente, pois, no aire do tempo baixo as formas “pouco pulidas” das seitas igualitarias ou de ilusións icarianas.  

Sen embargo, xa entón a superación do ateísmo abstracto implicaba un novo materialismo social que non era outra cousa que o comunismo: “Igual que o ateísmo, en tanto que negación de Deus, é o desenvolvemento do humanismo teórico, tamén o comunismo, en tanto que negación da propiedade privada, é a reivindicación da vida humana verdadeira”. Lonxe de todo anticlericalismo vulgar, este comunismo era “o desenvolvemento dun humanismo práctico”, para o que non se trataba xa só de combater a alienación relixiosa, senón a alienación e a miseria sociais reais de onde nace a necesidade de relixión.  Da experiencia fundadora de 1848 á da Comuna, o “movemento real” que busca abolir a orde establecida tomou forma e forza, disipando as “loucuras sectarias”, e deixando en ridículo “o ton de oráculo da infalibilidade científica”. Dito doutra forma, o comunismo, que foi primeiro un estado de espírito ou “un comunismo filosófico”, atopaba a súa forma política. Nun cuarto de século, levou a cabo a súa muda: dos seus modos de aparición filosóficos e utópicos á forma política por fin atopada da emancipación.  



1. As palabras da emancipación non saíron indemnes das tormentas do século pasado. Pódese dicir delas, como dos animais da fábula, que non quedaron todas mortas, pero que todas foron gravemente feridas. Socialismo, revolución, anarquía mesmo, non están moito mellor que comunismo. O socialismo implicouse no asasinato de Karl Liebknecht e Rosa Luxemburg, nas guerras coloniais e as colaboracións gobernamentais até o punto de perder todo contido a medida que gañaba en extensión. Unha metódica campaña ideolóxica logrou identificar a ollos de moitos a revolución coa violencia e o terror. Pero, de todas as palabras onte portadoras de grandes promesas e de soños de porvir, a de comunismo foi a que máis danos sufriu debido á súa captura pola razón burocrática de Estado e do seu sometemento a unha empresa totalitaria. Queda sen embargo por saber se, de todas estas palabras feridas, hai algunhas que paga a pena reparar e poñer de novo en movemento.  

2. Cómpre para iso pensar o que ocorreu co comunismo do século XX. A palabra e a cousa non poden quedar fóra do tempo das probas históricas ás que foron sometidos. O uso masivo do título “comunista” para designar o Estado liberal autoritario chinés pesará moito máis durante longo tempo, a ollos da gran maioría, que os fráxiles brotes teóricos e experimentais dunha hipótese comunista. A tentación de subtraerse a un inventario histórico crítico conduciría a reducir a idea comunista a “invariantes” atemporais, a facer dela un sinónimo das ideas indeterminadas de xustiza ou de emancipación, e non a forma específica da emancipación na época da dominación capitalista. A palabra perde entón en precisión política o que gaña en extensión ética ou filosófica. Unha das cuestións cruciais é saber se o despotismo burocrático é a continuación lexítima da revolución de Outubro ou o froito dunha contrarrevolución burocrática, verificada non só polos procesos, as purgas, as deportacións masivas, senón tamén polas conmocións dos anos trinta na sociedade e no aparato de Estado soviético.  
3. Non se inventa un novo léxico por decreto. O vocabulario fórmase co tempo, a través de usos e experiencias. Ceder á identificación do comunismo coa ditadura totalitaria stalinista sería capitular ante os vencedores provisionais, confundir a revolución e a contrarrevolución burocrática, e clausurar así o capítulo das bifurcacións, único aberto á esperanza. E sería cometer unha irreparábel inxustiza cara os vencidos, todas as persoas, anónimas ou non, que viviron apaixonadamente a idea comunista e que a fixeron vivir contra as súas caricaturas e as súas falsificacións. Vergoña aos que  deixaron de seren comunistas ao deixar de seren stalinistas e que no foron comunistas máis que mentres foron stalinistas! /1   

4. De todas as formas de nomear “ao outro” necesario e posíbel do capitalismo inmundo, a palabra comunismo é a que conserva máis sentido histórico e carga programática explosiva. É a que evoca mellor o común do reparto e da igualdade, a posta en común do poder, a solidariedade enfrontada ao cálculo egoísta e á competencia xeneralizada, a defensa dos bens comúns da humanidade, naturais e culturais, a extensión aos bens de primeira necesidade dun espazo de gratuidade (desmercantilización) dos servizos, contra a rapina xeneralizada e a privatización do mundo. 

 5. É tamén o nome dunha medida diferente da riqueza social da lei do valor e da avaliación mercantil. A competencia “libre e non falseada” descansa sobre “o roubo do tempo de traballo doutro”. Pretende cuantificar o incuantificábel e reducir a súa miserábel común medida, mediante o tempo de traballo abstracto, á inconmensurábel relación da especie humana coas condicións naturais da súa reprodución. O comunismo é o nome dun criterio diferente de riqueza, dun desenvolvemento ecolóxico cualitativamente diferente da carreira cuantitativa polo crecemento. A lóxica da acumulación do capital esixe non só a produción para a ganancia, e non para as necesidades sociais, senón tamén “a produción de novo consumo”, a ampliación constante do círculo do consumo “mediante a creación de novas necesidades e pola creación de novos valores de uso”… “De aí a explotación da natureza enteira” e “a explotación da terra en todos os sentidos”. Esta desmesura devastadora do capital funda a actualidade dun eco-comunismo radical.   


6. A cuestión do comunismo é primeiro, no Manifesto Comunista, a da propiedade: “Os comunistas poden resumir a súa teoría nesta fórmula única: supresión da propiedade privada” dos medios de produción e de cambio, a non confundir coa propiedade individual dos bens de uso. En “todos os movementos”, “poñen por diante a cuestión da propiedade, a calquera grao de evolución que puidese chegar, como a cuestión fundamental do movemento”. Dos dez puntos que conclúen o primeiro capítulo, sete concirnen en efecto ás formas de propiedade: a expropiación da propiedade terratenente e a afectación da renda da terra aos gastos do Estado; a instauración dunha fiscalidade fortemente progresiva; a supresión da herdanza dos medios de produción e de cambio; a confiscación dos bens dos emigrados rebeldes; a centralización do crédito nunha banca pública; a socialización dos medios de transporte e a posta en pé dunha educación pública e gratuíta para todos; a creación de manufacturas nacionais e a labranza das terras sen cultivar. Estas medidas tenden todas elas a establecer o control da democracia política sobre a economía, a primacía do ben común sobre o interese egoísta, do espazo público sobre o espazo privado. Non se trata de abolir toda forma de propiedade, senón “a propiedade privada de hoxe, a propiedade burguesa”, “o modo de apropiación” fundado na explotación duns polos outros.   

7. Entre dous dereitos, o dos propietarios a apropiarse dos bens comúns, e o dos desposuídos á existencia, “é a forza a que decide”, di Marx. Toda a historia moderna da loita de clases, da guerra dos campesiños en Alemaña ás revolucións sociais do século pasado, pasando polas revolucións inglesa e francesa, é a historia deste conflito. Resólvese pola emerxencia dunha lexitimidade oposta á legalidade dos dominantes. Como “forma política ao fin atopada da emancipación”, como “abolición” do poder de Estado, como realización da república social, a Comuna ilustra a emerxencia desta lexitimidade nova. A súa experiencia inspirou as formas de autoorganización e de autoxestión populares aparecidas nas crises revolucionarias: consellos obreiros, soviets, comités de milicias, cordóns industriais, asociación de veciños, comunas agrarias, que tenden a desprofesionalizar a política, a modificar a división social do traballo, a crear as condicións de extinción do Estado en tanto que corpo burocrático separado.   

8. Baixo o reino do capital, todo progreso aparente ten a súa contrapartida de regresión e de destrución. Non consiste in fine “máis que en cambiar a forma da servidume”. O comunismo esixe unha idea diferente e uns criterios diferentes dos do rendemento e da rendibilidade monetaria. A comezar pola redución drástica do tempo de traballo obrigatorio e o cambio da noción mesma de traballo: non poderá haber completo desenvolvemento individual no ocio ou o “tempo libre” mentres o traballador permaneza alienado e mutilado no traballo. A perspectiva comunista esixe tamén un cambio radical da relación entre o home e a muller: a experiencia da relación entre os xéneros é a primeira experiencia da alteridade e mentres subsista esta relación de opresión, todo ser diferente, pola súa cultura, a súa cor, a súa orientación sexual, será vítima de formas de discriminación e de dominación. O progreso auténtico reside, en fin, no desenvolvemento e a diferenciación de necesidades cuxa combinación orixinal faga de cada un e cada unha un ser único, cuxa singularidade contribúa ao enriquecemento da especie. 

  9. O Manifesto concibe o comunismo como “unha asociación na que o libre desenvolvemento de cada cal é a condición do libre desenvolvemento de todos”. Aparece así como a máxima dun libre desenvolvemento individual que non habería que confundir, nin cos espellismos dun individualismo sen individualidade sometido ao conformismo publicitario, nin co igualitarismo groseiro dun socialismo de cuartel. O desenvolvemento das necesidades e das capacidades singulares de cada un e de cada unha contribúe ao desenvolvemento universal da especie humana. Reciprocamente, o libre desenvolvemento de cada un e de cada unha implica o libre desenvolvemento de todos, pois a emancipación non é un pracer solitario. 

 10. O comunismo non é unha idea pura, nin un modelo doutrinario de sociedade. Non é o nome dun réxime estatal, nin o dun novo modo de produción. É o dun movemento que, de forma permanente, supera/suprime a orde establecida. Pero é tamén o obxectivo que, brotado deste movemento,  oriéntao e permite, contra políticas sen principios, accións sen continuidade, improvisacións de a diario, determinar o que acerca ao obxectivo e o que afasta del. A este título, é, non un coñecemento científico do obxectivo e do camiño, senón unha hipótese estratéxica reguladora. Nomea, indisociabelmente, o soño irredutíbel dun mundo diferente, de xustiza, de igualdade e de solidariedade; o movemento permanente que apunta a derrocar a orde existente na época do capitalismo; e a hipótese que orienta este movemento cara un cambio radical das relacións de propiedade e de poder, a distancia das acomodacións cun mal menor que sería o camiño máis corto cara ao peor. 

 11. A crise, social, económica, ecolóxica, e moral dun capitalismo que non fai retroceder xa os seus propios límites máis que ao prezo dunha desmesura e dunha sen razón crecentes, ameazando á vez á especie e ao planeta, volve a poñer á orde do día “a actualidade dun comunismo radical” que invocou Benjamin fronte ao ascenso dos perigos de entre guerras.   

 1)Ver Mascolo, D. (2000) A la recherche d’un communisme de pensée. Paris : Editions            Fourbis, p. 113.