Novidade Editorial | "Breve manual para romper con el capitalismo" (A doenza infantil do ‘esquerdismo’ no comunismo) | Lenin

Novidade editorial na serie “Crítica & Alternativa” coa publicación do libro “Breve manual para romper con el capitalismo” (A doenza infantil do ‘esquerdismo’ no comunismo) de Vladímir Ilich Lenin.

Esta é se cadra a principal contribución teórica de Lenin sobre os problemas específicos da revolución nos países occidentais e sintetiza as súas controversias coa corrente “esquerdista” dos nacentes partidos comunistas dos anos 20, en particular na Alemaña, Italia e Gran Bretaña. Identifica as causas das derrotas dos procesos revolucionarios que estouraron en Europa tras a Primeira Guerra Mundial ao calor da Revolución de Outubro e que puxeron en destaque as debilidades e os erros da esquerda revolucionaria da época. Como moi ben apunta no prólogo François Sabado, Lenin alerta tamén contra unha modelización da Revolución bolxevique, insistindo nas especificidades do caso ruso: unha situación de dobre poder sen parangón  noutros países; unha gran descomposición do exército tsarista; o peso do Partido Bolxevique no proceso revolucionario; a ausencia de grandes sindicatos de masas e de “ilusións democráticas” propias dos rexímenes parlamentarios… A idea forza que debulla Lenin é que as grandes masas desenvolven a súa conciencia política fundamentalmente a partir das súas propias experiencias na loita de clases e non apenas mediante a propaganda e que sen unha influencia maioritaria dos comunistas no movemento obreiro será imposíbel unha revolución triunfante en Occidente. A conquista das maiorías sociais polos revolucionarios implica dominar todas as formas de loita (legais e ilegais, parlamentarias e extraparlamentarias, pacíficas e violentas…) e aproveitar todos os eidos que brinda a democracia burguesa (eleccións, parlamentos, etc.) para facer avanzar a conciencia anticapitalista, sen esquecer un traballo sistemático nas grandes organizacións sindicais (aínda que estean baixo control de burocracias reaccionarias). Asemade, para este fin propón conxugar a intransixencia sobre cuestións de principio coa necesidade de articular políticas unitarias que fortalezan a influencia dos anticapitalistas en base a un avance e unha articulación política dos movementos sociais, algo que a miúdo obriga a acadar compromisos cos oportunistas. En fin, Lenin insiste na análise concreta da situación concreta e en non confundir o estado de ánimo e o nivel de conciencia das minorías radicalizadas co das masas, algo fundamental para analizarmos correctamente a evolución das correlacións de forzas e descifrar as chaves da situación política.

Se ben este escrito “clásico” de estratexia revolucionaria é xa case centenario, é realmente sorprendente constatar até que punto son dunha gran actualidade moitas das súas reflexións á vista das revolucións árabes e da rebelión popular en curso no sur de Europa.

Podedes realizar os vosos pedidos a contacto@anticapitalistas.org ao prezo de 5€ + gastos de envío.

Nota sobre a Folga Xeral do 14N | Jorge Moruno, autor do blog "La revuelta de las neuronas"

[Publicamos este artigo de Jorge Moruno, autor do blog “La revuelta de las neuronas” por consideralo de especial atención. Máis artigos do autor en http://larevueltadelasneuronas.com/]




A folga témola que pensar coma se fose un show. Non quero banalizar nada con esta idea, senón que considero necesario amplificar a imaxe que temos dela, como tamén da ríxida separación entre folguista e esquirol, máis adaptada a quen se desgarra dunha comunidade e non ao tempo histórico actual onde esta non existe e o desgarrado pode acabar sendo o folguista. Pecharnos nese imaxinario -a min tamén me pasa e no momento do piqueteo é fundamental-, como posta en escena política para encarar a folga é erróneo. Digo que é un show porque aquí o que importa é a nosa capacidade de fomentar a experiencia estética -os sentimentos operan na súa máxima expresión- e emocional entre unha poboación que nada entre o medo e o cinismo. Necesitamos proxectar a imaxe e a idea dunha hipótese viva e non o vello sabor de quen se resiste a vivir o presente. Con isto non xulgo a calidade humana de ninguén, senón pura e sinxelamente a incapacidade política da folga tal e como a esquerda témola vivido sempre.

Necesitamos crear as semanas anteriores á folga un clima de emoción e erótica colectiva, de atracción onde calquera pode participar de múltiples formas e non só dentro do eixo vou a currar ou non vou, que por suposto é fundamental, pero con iso xa contamos. Ofrecer outras alternativas a quen ou ten que ir currar ou bótanno, ou non ten curro, ou nin sequera sabe canto tempo lle queda nel, contando tamén con todo ese exército de falsos autónomos, obrigados a “emprender” e depender de que as empresas os contraten. A folga adáptase a ti e como a Coca-Cola, tenlle que gustar a case calquera.


O noso show debe abranguer os aspectos da vida precaria e non ao revés. Se non podes exercer o teu dereito a folga pola razón que sexa, tes outras ferramentas para na medida da túa posibilidade parar a máquina. Así ás toas ocorreseme trasladar piquetes de zonas que ou ben adoitan ser máis fáciles de parar, ou non son tan importantes como poden ser outras. Non fai falta que os polígonos se enchan de piquetes, e se poden resultar moi útiles se se poñen ao servizos das problemáticas doutros lugares. Piquetes móbiles que se piden de forma anónima por internet, previa campaña publicitaria -vídeos, accións simbólicas, campaña redes sociais etc..- se estuda a ver como se pode axudar a parar a quen non pode.

Na mesma liña pensar se é realmente frutífero que se xunten 500 persoas por cocheiras cando diante poñen unha cantidade brutal de antidisturbios con cabalos, esperando a cargar para que finalmente a xente se disperse. É posíbel combinalo cunha fragmentación do piquete nocturno onde un parte pulule por “aí”.

Unha campaña onde se ten que fomentar a folga de consumo, a folga de móbil e ata de twitter e facebook -menos para informar da folga-, que aínda que pode parecer ridículo,-discutible-, conseguilo suporía algo máis importante. O obxectivo da folga debe ir máis aló da mesma, en aras de construír coordinación e sentimento da comunidade dos moitos que se xuntan sen deixar de selo. Paramos os autobuses, os trens, metros e avións para parar a comunicación, para que sexa máis complicado moverse, tamén debemos incidir no consumo-físico e ¡virtual!- e a comunicación sen espazo definido. 

Para iso e consciente das limitacións do que comento, é necesario que o Cummio Social -sen que CCOO e UGT hexemonicen a posta en escena-, se reúnan con Juventud sin Futuro, a Coordinadora25s, Acampada Sol, a PAH, asembleas, etc..para coordinar unha estratexia conxunta onde cada un incida onde máis pode facelo e non só como folguista/esquirol; así perdemos potencial. O fútbol emociona non só porque é un deporte precioso, senón sobre todo porque xera esa sensación de comunidade onde es consciente de que moita xente está vivindo o mesmo que ti nese momento. Ese é o ambiente que temos que conseguir respirar e que se respire, dando alternativas para que a folga “sexa dun número de membros ilimitados”. Que comece o espectáculo!

Eleccións en Galiza | Unha breve valoración dos resultados

“Tantos séculos de Ofensas e de Esquecemento crean anticorpos no Organismo dun pobo, e esa continua Ofensa da historia xerará no Orgullo deste pobo apracible o destrutivo Osíxeno do Odio, a Obsesión do fracaso e da culpa.(…) Utopía: compaxinar o desexo e a necesidade dous nosos soños.”

(Que é Galicia, por Lois Pereiro, un dos poetas galegos máis universais, homenaxeado o Día das Letras Galegas de 2011)

Brais Fernández | Militante de Esquerda Anticapitalista Galega

As eleccións en Galiza arroxaron un resultado deprimente e á vez esperanzador para a xente de esquerdas. O Partido Popular, tras unha lexislatura de recortes sociais, ataques á identidade nacional galega, prácticas corruptas e antidemocráticas, volveu gañar cunha contundente maioría absoluta: dun parlamento con 75 escanos, consegue 41, aumentando 3 deputados con respecto ás eleccións de 2009. Curiosamente, obtén sobre 160.000 votos menos, perdendo case un punto con respecto aos últimos comicios (do 46% ao 45%). O sistema electoral favorece claramente á dereita, ao sobrerrepresentar ás zonas rurais. Tamén se produciron denuncias das xa consabidas prácticas caciquís do PP, documentadas con fotos onde se ve a notorios militantes desta formación levando a anciáns practicamente inválidos a votar, así como o uso da súa tradicional receita capta-votos: viño e empanada á porta dos colexios electorais.

Pero estas cuestións non explican a vitoria de Nuñez Feijóo. A hexemonía da dereita en Galiza de hoxe é incontestábel, construída en base a unhas redes que permiten manter o voto rural ben atado, así como a fidelidade da pequena burguesía urbana e sectores da clase traballadora. Esta hexemonía, como diría Gramsci, significa forza e consentimento, e combínase con formas directas e indirectas de corrupción. O pobo galego, polo menos unha maioría, consentiu hoxe a vitoria do Partido Popular.

Pero non todas as noticias son malas. No campo da esquerda antineoliberal, hai que destacar a espectacular irrupción da Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), que consegue 9 deputados e o 14 % dos votos. Para comprender a magnitude deste resultado, hai que recordar que EU (unha das patas desta coalición xunto a ANOVA de Beiras) sacaran nas últimas eleccións menos dun 1%. Nestes comicios, pasan de 16 mil votos a case 200 mil. A carismática presenza do histórico líder nacionalista Xose Manuel Beiras, unha campaña electoral próxima á rúa, cun discurso moderno, hábilmente unitario e nítidamente de esquerdas, a súa receptividade e empatía coas preocupacións da mocidade urbana e dun sector da clase traballadora, foron determinantes nesta subida. Para situar as bases sociais que apoiaron a AGE, non hai mais que ver os resultados que cultivan na Coruña e Compostela, onde conseguen dar o “sorpasso” ao PSOE, superando o 20% dos votos. En Vigo, a outra gran cidade, consegue tamén case o 20% dos sufraxios. AGE convértese así nun novo actor político fundamental en Galiza, cos retos de continuar aumentando as súas bases de apoio e transformar a ilusión e apoio recibido en mobilización contra a austeridade e os recortes.


A outra forza da esquerda antineoliberal galega, o Bloque Nacionalista Galego , sofre unha forza baixada nos seus apoios, pasando dos 270 mil votos en 2009 (16%) a 145 mil (10%), pasando de 12 deputados a 7. A campaña de BNG non conseguiu conectar cunha boa parte dos seus tradicionais votantes: un nacionalismo desarrollista, centrado na idea de producir en Galiza, un discurso autorreferencial que tratou máis de reagrupar ás súas filas tras a escisión de Beiras que de expor unha alternativa ampla. A súa pésima xestión do discurso da “unidade da esquerda” fíxolles aparecer ante boa parte dos seus tradicionais votantes como un partido sectario e illado da cotidianeidad da maioría social. Parece que o fracaso do bipartito aínda pesa moito e que o BNG aparece ante amplas capas do pobo de esquerdas como un partido de xestión do réxime. O BNG ten o reto de recolocarse nun novo panorama no cal xa non é a forza hexemónica da esquerda a nivel do votos (aínda que sí en numero de militancia), cunha preocupante perdida de conexión coa mocidade urbana. As declaracións de Jorquera, candidato do BNG á Xunta de Galicia, tras coñecer os resultados, non parecen rectificar a liña adoptada tras a última asemblea. Culpou do descenso do BNG á crise interna sufrida e a unha estratexia do PP de “retroalimentar” a AGE: “mirade que os mellores resultados de Beiras sempre coincidiron cos mellores resultados do PP”. O Bloque segue sendo un actor político esencial na esquerda galega, pero a situación actual colócalle ante novos retos. Como se di coloquialmente, “iremos vendo”.

O PSOE continúa co seu descalabro, perdendo 11 puntos e pasando de 525.000 votos a 293.000 (de 25 a 18 deputados). O seu discurso cínico, que parece esquecer que foi un dos principais responsables da crise-estafa que hoxe se vive en todo o Estado español, non lle axuda a recuperar credibilidade. O seu futuro, lonxe de ser o de Hollande, parece condenado a acabar como o PASOK grego. A suma dos votos da esquerda antineoliberal (AGE e BNG) supéraos por mais de 55.000 votos.

O panorama galego segue expondo fortes retos para a esquerda. Deconstruir a hexemonía social da dereita segue sendo o primeiro. Estas eleccións non son o final de nada: teñen que ser o principio dun ciclo de mobilizacións que consiga que o PP, o partido dos caciques, dos empresarios e do nacionalismo español, deixe de ser o vencedor absoluto nas urnas.

Anexo: algunhas frases e datos sobre os resultados.

-A abstención sobe un punto con respecto ás leccións anteriores (do 35% ao 36%).
Os partidos do réxime (PP e PSOE) perden máis de 400.000 votos (250.000 e 11 puntos o PSOE, 160.000 e un punto o PP). A esquerda antineoliberal (AGE e o BNG) sobe 50.000 votos, pero queda aínda a uns 60.000 dos case 400.000 votos do BNG en 1997.

-Nas “sete cidades”, o PP perde 48.000 votos, o PSOE 72.000, o BNG cae 40.000 e AGE gaña 80.000.

Son os terceiros mellores resultados a nivel de votos da esquerda nas eleccións galegas: 1997 – 410.000 (26%) 2001 – 360.000 (24%) e agora 350.000 (24%).

-O candidato de Libertad Digital, Mario Conde, conseguiu 15.000 votos e o 1,1% dos sufraxios.

-UPyD continúa sendo un partido marxinal: 20.000 votos e un 1,5%.

Votos e porcentaxe dos 4 partidos con representación parlamentaria (entre paréntese os resultados das eleccións anteriores, en 2009)

PP: 653.934 votos (789.427) 45,72% (46,68%)

PSOE: 293.671 votos (524.488) 20,53% (31,02%

AGE: 200.101 votos (16.441, EU en solitario) 13,99% (0,97% , EU en solitario)

BNG: 145.389 votos (270.712) 16,1% (10,16%)

Galiza antes do 21-O: unha análise previa.

As eleccións en Galiza preséntanse como un reto tanto para os partidos do réxime como para a esquerda reformista e antineoliberal. As enquisas parecen outorgar unha sólida maioría absoluta ao Partido Popular, pero a experiencia andaluza indícanos que quizais atopémonos cun escenario mais aberto despois do 21-O. Para comprender en que situación política chegamos a estas eleccións é necesario unha análise que recolla tanto a situación estrutural (aínda que sexa someramente) como a conxuntural, tanto a nivel socioeconómico como no plano das organizacións politicas que compiten estas eleccións.

Brais Férnandez  | Xaquín Pastoriza  (militantes de Esquerda Anticapitalista Galega)


O goberno de Feijóo: un breve balance.

A derrota do bipartito PSOE-BNG nas eleccións de 2009 reabriu as portas da Xunta ao Partido Popular. Este novo goberno liderado polo antigo alumno de Fraga, Alberto Núñez Feijoó, tiña como obxectivo demoler as escasas reformas levadas a cabo polo anterior goberno (reformas orientadas sobre todo á cuestión lingüística) así como implementar nun contexto de crise o programa neoliberal, consistente en acelerar a privatización/precarización das conquistas históricas do movemento obreiro, tanto a nivel de dereitos laborais como no plano dos servizos públicos. A piques de finalizar o seu mandato, podemos afirmar que o conseguiu ou que, polo menos, está a piques de alcanzar os seus obxectivos.

A taxa oficial de paro alcanza xa o 21%, medrando esta lexislatura en 70.000 persoas e alcanzando os 300.000 nun territorio con 2,7 millóns de habitantes. Conformouse así un numeroso exército de reserva de man de obra que contribúe decisivamente a presionar á baixa os salarios da clase traballadora galega, xa historicamente minguados polo papel de “produtor a baixo custo” da economia galega. Non foi só a sobredimensionada construción, produto dun modelo produtivo derrochador e especulativo, a causante desa elevada porcentaxe de asalariados expulsados do mercado de traballo. Durante o goberno Feijóo acelerouse o desmantelamento do sector industrial galego, outrora poderoso e dinámico. As “illas fordistas”, por exemplo Vigo e comarca, parécense a día de hoxe máis a unha illa de náufragos que a unha cidade de produtores. Comercios baleiros, miles de traballadores en paro, “O planeta de cidades miseria” do que nos falaba Mike Davis parece terse instalado tamén na xeografía urbana galega.



Algúns exemplos non dan unha dimensión completa do proceso, pero poden axudarnos a ser máis precisos. En Citroen, a soada planta de produción de automóbiles viguesa, perdéronse máis de 1.000 postos de traballo durante o último ano. No sector naval (fundamental en Ferrol e Vigo) os empregos pasaron de 16.500 a menos de 5.000. No sector terciario os datos non son moito máis positivos: o auxe e caída dos centros comerciais (cualificado como “O crac da burbulla comercial” polo diario El País) na Coruña son a consecuencia directa da incapacidade da lumpenburguesía galega de ver máis aló da especulación, o consumismo cortoplacista e o malgasto.

No sector público, a estratexia neoliberal implementouse ao ritmo da austeridade europea. A tarxeta sanitaria deixou de ser gratuíto para custar 10 euros, os pais mileuristas comezaron a pagar libros de texto que antes financiaba a Xunta e as axudas á dependencia reserváronse aos casos máis graves, todo iso combinado coa paralización de obras como o hospital de Vigo. Estes recortes teñen a súa correlación na falta de medios dispoñíbeis en facer frontes a desastres ecolóxicos como o incendio das Fragas do Eume, unha mostra máis do desprezo constante da dereita polos bens naturais.

O goberno Feijóo opera mediante unhas estruturas e prácticas políticas profundamente corruptas, se non nun sentido legal do termo, si nun sentido real, pois as súas políticas públicas están orientadas cara á preservación dos privilexios da oligarquía vinculada ao seu réxime. A Cidade da Cultura de Compostela é un bo exemplo diso: centenares de millóns de euros investidos nun proxecto que aínda non ten un fin nin uso concreto. A fusión das caixas Caixanova e CaixaGalicia (executada polo PP pero apoiada polo BNG) saldouse cun buraco de máis de 7.000 millóns de euros, o escándalo das preferentes (miles de pequenos aforradores, incluídos analfabetos, perderon os seus aforros) e indemnizacións multimillonarias para os seus antigos directivos: a Xunta ten bloqueado o financiamento interno, tendo que recorrer a mecanismos externos. Para maquillar o déficit (obsesión de todo bo cacique neoliberal), o goberno Feijóo manipulou as contas, trasladando de ano máis de 500 millóns de euros do balance orzamentario.

As causas desta desastrosa situación relaciónanse tres niveis. Por unha banda, a crise capitalista global, que condiciona todo proceso económico actual. O capital, busca reproducirse desesperadamente e traslada de forma flexíbel os seus fluxos investidores dun lugar a outro en busca de maior rendibilidade: abre novos campos anteriormente a salvo da lóxica do beneficio (o sector público), pero tambíén “emigra” a outros lugares con maior rendibilidade, sendo a súa lealdade a un territorio algo meramente funcional. Todo iso combinado coa estratexia neoliberal europea, consistente en atacar aos salarios para recuperar a competitividade nun mercado mundial que xa non domina. Resaltamos isto para sinalar a imposibilidade de construír un capitalismo á marxe das estruturas que supón a mesma sustancia do sistema: é dicir, ata un goberno que non acepta a doutrina neoliberal, se non é un goberno de ruptura (e ata se o é), veríase sometido a esta mesma lóxica.

En segundo lugar, é importante sinalar o lugar que ocupa Galiza na división do traballo a nivel estatal e europeo. Galiza, dende o punto de vista aquí exposto, é unha nación dependente: depende tanto do investimento estranxeiro, pois non posúe un sistema económico propio, como politicamente, estando sometidas as súas posibilidades ás estratexias da burguesía española (a burguesía galega, ao contrario que a vasca ou catalá, non ten “intereses propios ou contraditorios” coa oligarquía española) e tamén europea. As relacións coa UE dan unha mostra dese papel parasitario da burguesía galega: as subvencións para infraestruturas (negocios rápidos e rendíbeis a curto prazo como poucos) intercambiáronse por limitacións nas taxas de produción do sector agrícola e gandeiro ou por restricións no financiamento industrial como o caso do Tax Lease do naval. Non é difícil imaxinar o que pensou a burguesia galega: vaia negocio, diñeiro a cambio de deixar de producir, reflectindo así a dinamica de infradesenvolvemento á que esta sometida unha economía periférica vinculada a un centro.

En derradeiro lugar, as políticas neoliberais do goberno Feijoó mostraron como os partidos do réxime conciben o estado como un órgano de reprodución de capital a través de privatizacións e como un instrumento para acelerar os plans de descomposición/recomposición de clase traballadora, trazando un plan de axuste estrutural que permita retomar e aumentar as taxas ganaciales á casta empresarial. Como veremos máis abaixo, os ataques contra sectores estratéxicos da clase traballadora non son unha casualidade: atomizando aos obreiros organizados do sector metalúrxico, pechando empresas e debilitando o poder produtivo da clase traballadora, o goberno Feijóo ataca aos sectores sociais que máis resistiron aos plans de reorganización do capital, aínda que a crise afecte por igual á meirande parte da poboación traballadora.

A oposición política e parlamentaria: entre a crise post-xestión do réxime e os reagrupamentos

A oposición ao goberno Feijoó sufriu unha profunda crise dende as últimas eleccións en 2009. A derrota do goberno bipartido desencadeou batallas internas tanto no PSOE (que podemos cualificar como burocráticas) como no BNG (onde a loita por parcelas de poder mesturábase con diferenzas ideolóxicas).

Un feito fundamental nestas crises foi a profunda decepción provocada polo goberno bipartito PSOE-BNG, axustada pero inesperada. O bipartito constituíuse tras anos de acumulación de forzas e mobilizacións contra PP, como Nunca Máis, ou Non á Guerra ou as potentes folgas estudantís contra a LOU. A xestión socialiberal do bipartito (combinar reformas sociais de carácter democrático, como o tema da lingua, cunha política económica indistinguíbel da do resto do estado e da UE) foi a causa principal da derrota. Pero hai máis, sobre todo no caso do BNG.

O BNG iniciou as súas senda política nos escuros anos 80, cando a esquerda tradicional comunista e a esquerda radical iniciaban a súa descomposición. Un período de auxe e conformación como suxeito político que durou todos os 80, os 90 e principios do século XXI. Este paradoxo fundamentouse na hábil interpretación do BNG da realidade galega, unha interpretación “nacionalista” no mellor sentido do termo: capacidade de arraigamento na sociedade e xeración de estruturas propias vinculadas ao cotián, así como unha xestión do “nacional” que vinculaba a identidade cultural coa liberación social.

Esta referencialidad hexemónica fundamentouse nas loitas e realidades concretas do pobo galego, hábilmente utilizadas polo BNG para crear un imaxinario colectivo propio. No terreo do movemento sindical, o BNG, partindo dunha escasa implantación en relación a CCOO, foi capaz de crear a central sindical máis potente desde un punto de vista social de Galiza, a CIG (Confederación Intersindical Galega). Este sindicato construíuse en base dunha leitura das loitas orientada cara aos sectores estratéxicos da clase obreira, como os obreiros do Naval: de feito, podemos considerar que a súa xénese como organización de masas dáse nos 80, nas loitas en defensa do sector naval. O seu discurso hábil, vinculando territorio con produción, converteuno no referente sindical nos sectores fordistas, que veian como CCOO ou UXT transformábanse en sindicatos de servizos alleo ao seu intereses como colectivo.

Outras das claves do desenvolvemento do nacionalismo galego (ata hoxe, nacionalismo galego con influencia de masas e BNG eran sinónimos) foi a súa defensa da terra ou o seu antagonismo co caciquismo: ser do BNG era traballar contra as estruturas arcaicas da estrutura política. Cando Beiras se pelexaba con Fraga era a batalla do cidadán indignado contra o cacique arrogante. Así o BNG pasou de ser unha simple organización política a unha parte da realidade política, a némesis da dereita que historicamente desprezara a dignidade do pobo galego.

Este proceso non estivo exento de contradicións. A máis relevante, unha profunda tendencia a buscar a alianza patriótica coa burguesía galega, sen chegar a comprender que a burguesía galega, ademais de ter intereses de clase contraditorios aos que o Bloque (movemento nacional-popular por excelencia) representaba, non tiña intereses nacionais autónomos e diferenciados da burguesía española.

Esta contradición esencial estalou durante o goberno bipartito: o Bloque sufriu un proceso acelerado de institucionalización, simbolizado por Anxo Quintana, vicepresidente da Xunta, vinculado a empresarios de dubidosa reputación e actualmente home de negocios en Latinoamérica. Obviamente, este xiro cara á integración no réxime tivo profundas repercusións por abaixo. En primeiro lugar, unha desafección das súas bases, que abandonaron masivamente o activismo ou se retiraron a segunda liña. O caso máis escandaloso deuse quizais no ámbito da mocidade, onde as súas organizacións estudantís (CAEF) desapareceron das mobilizacións e chegaron a negociar a aplicación do Plan Boloña na USC (Universidade de santiago de Compostela). En segundo lugar, unha decepción silenciosa da cidadanía con respecto ao BNG, que se traduciu en perdas nas porcentaxes de votos e nunha menor credibilidade no BNG como alternativa ao sistema. Para rematar, a derrota do bipartito desencadeou fortes dinámicas centrifugas que culminaron coa escisión de Beiras e a súa Encontro Irmandiño por unha banda e de Compromiso por Galicia por outro.

As tensións comezaron nos sectores sindicais próximos á UPG (partido de tradición comunista, dominante no BNG), coa desafección de destacados dirixentes ante as posturas ambiguas do bipartito ante loitas obreiras concretas, un reflexo máis das contradicións interclasistas do BNG.

A derrota do bipartido en 2009 provoco que ata a última asemblea deste ano a situación sexa de reagrupamientos internos. Á asemblea deste ano chegouse con 4 posicións diferentes, pero divididas en dous bloques, que hai que ser bastante coidadosos á hora de caracterizar.

No bloque maioritario atópase a UPG (Unión do Pobo Galego) organización de tradición comunista hoxe fusionada co aparello do BNG e da CIG, á que poderiamos cualificar como heteroxénea pero non plural. Cohesionada antes polos seus intereses burocráticos (a maioría de cargos públicos están vinculados á UPG) que por razóns ideolóxicas ou de clase, mantén unha posición dominante debido a que todos os intereses de aparello conflúen nela. Aínda así, é necesario destacar a súa orientación sindical, que nunca caeu no pactismo ou nunha integración no aparello do estado como a de CCOO ou UXT.

Apoiando á UPG atopábanse Movemento Galego ou Socialismo, un pequeno grupo escindido do anterior, que representa a tradición comunista ortodoxa no seo do Bloque. Contan con certa influencia sindical e xuvenil (a traves da Liga Estudantil Galega). A pesar dun perfil mais nítido de esquerdas, a súa estratexia parece máis orientado cara a un pacto que presione á UPG que cara á construción dunha corrente de masas no seo do nacionalismo.

Na candidatura alternativa á maioritaria atopábanse aliados os que posteriormente darían lugar ás dúas escisións post-asemblea. Por unha banda Beiras e o seu Encontro Irmandiño, que poderiamos encadrar no chamado movemento altermundialista, con fortes influencias da esquerda radical europea. Doutra banda, Mais Galiza, a dereita do BNG, con formulacións próximas ao liberalismo democrático. Esta curiosa alianza demostrou ser totalmente antinatural, pois ambos agrupamentos escindíronse logo da asemblea dando lugar a dúas formacións diferentes que non foron capaz de coaligarse fóra do BNG. Así pois, podemos deducir que algunhas diferenzas eran políticas (maior implicación nos movementos sociais, maior democracia interna, un BNG unitario nas mobilizacións) pero outras de carácter máis confuso, fundamentalmente baseadas na oposición á UPG.

O agrupamento de Mais Galiza deu lugar a unha nova formación chamada Compromiso por Galicia, de corte liberal-demócrata e absolutamente irrelevante, pois a maioría dos seus cadros e cargos electos permanecen no BNG.

O caso de Beiras deu lugar a un proxecto máis interesante. O seu Encontro Irmandiño deu lugar a ANOVA, unha formación nova cuns cantos centenares de militantes que conseguiu sumar a algúns colectivos do independentismo galego, como a FPG do escritor Méndez Ferrín. É un proxecto aínda incipiente e sen definir, ao que as eleccións colleunos por sorpresa. A coalición con EU responde en boa medida a esa necesidade marcada polo adianto electoral.

Así pois, de cara ás eleccións galegas a esquerda antineoliberal quedou dividida en dous bandos. Por unha banda, o BNG, que se presenta cun discurso programático marcadamente nacionalista, facendo fincapé na necesidade de recuperar a produción en Galiza. Un discurso desarrollista no económico, que entronca coas súas bases fordistas, moi orientado a montar unha fronte parlamentaria anti-PP, que busca o apoio de sectores de traballadores golpeados pola crise que buscan saídas a curto prazo. Propón unha batería de medidas defensivas de corte reformista, como unha banca pública galega (pero non fala en ningún momento de nacionalización ou socialización da banca privada), así como unha reedición dun bipartito que non aplique recortes.

ANOVA e EU conformaron unha coalición que concorrerá baixo o nome Alternativa Galega de Esquerdas (AGE). EU sempre foi unha forza case marxinal en Galiza, con fortes pulsións españolistas e nula influencia social, aínda que é certo que, ultimamente, aproveitando a subida electoral do IU no resto do estado, collera certo impulso. Ademáis, o proceso de institucionalización do BNG proporcionoulle un espazo político co que antes non contaba. No entanto, alí onde tivo representación municipal (O Grove e Ferrol) gobernou co PSOE, abandonando posteriormente os gobernos pero perdendo votos e credibilidade. Tamén o proceso globalizador dos movementos sociais axudou a crear un espazo socio-político anteriormente copado polo nacionalismo, que se traduce nunha maior visibilidade de opcións de esquerda non nacionalistas.

Quizais un feito determinante para a irrupción de AGE como a alternativa ao establishment sexa a súa capacidade para recoller a linguaxe dos movementos sociais e da esquerda radical (termos como anticapitalismo, somos o 99% etc.. non forman parte da linguaxe habitual desa esquerda tradicional), así como reformular o nacionalismo en termos máis universalistas. Hai que sumar a iso que o feito de contar cun candidato tan brillante como Beiras tamén tivo o seu peso. Beiras é un político único, brillante como poucos, carismático, un intelectual que é capaz de conectar co galego da rúa como poucos. Este economista formado na Sorbona deu varios xiros na súa vida política: de ser o sector máis socialdemócrata do BNG, a defender a alianza con PNV e CIU nas eleccións europeas, a encabezar, finalmente aos seus 76 anos, un novo proxecto político que se define como anticapitalista.

A crise de liderado no PSdG-PSOE ten características comúns coa crise da socialdemocracia en todo o Estado, e por extensión en Europa: a perda de peso das súas bases sociais tradicionais, xiro cara ao socialiberalismo, desconexión cos movementos sociais. Ademáis, en Galiza, a perda do Goberno da Xunta desatou unha crise de liderado, co nomeamento dun Secretario Xeral provisional na figura de Pachi Vázquez. O PSdG estrutúrase en Galiza ao redor de redes clientelares locais, especialmente nas cidades gobernadas polo partido: Vigo, Lugo, Ourense. Estas baronías territoriais, que basean a súa forza no acceso ao poder municipal e a distribución de rendas e privilexios que del se derivan, cuestionaron desde o principio este liderado. Isto xerou unha dirección feble i transitoria, que tiña que ir superando os obstáculos postos por baróns como Abel Caballero, alcalde de Vigo, que chegou a promover á exministra Elena Espiñenta como candidata alternativa a Pachi Vázquez no último congreso do PSdG. De feito, a candidatura deste á Xunta de Galiza veu como resultado da casualidade, xa que só o adianto electoral de Feijóo impediu a Francisco Caamaño e José Blanco disputar o nomeamento nas primarias. Polo tanto, a crise do PSdG, cada vez máis desconectado dos movementos de protesta na rúa caracterízase por un liderado débil, a falta de debates ideolóxicos, cando non polos personalismos, a distribución do poder, o burocratismo e os localismos exacerbados.

As resistencias dende abaixo

Precisamente nestes últimos catro anos desenvolvéronse movementos obreiros de resistencia contra as políticas neoliberais dende abaixo: tanto folgas xerais nacionais como conflitos sectoriais. Unha das características que diferencia a Galiza do resto do Estado é a presenza dun sindicato nacionalista combativo con fortes alicerces nos sectores industriais fordistas e no sector público: a CIG. Estes conflitos teñen como trazo común unha participación decisiva da CIG, que conta cos mellores cadros do movemento obreiro galego, equipados cunha retórica obreirista e unha forte ascendencia nas fábricas. Nos últimos catro anos, podemos detectar dúas liñas. Unha liña ascendente nos conflitos laborais ata 2010, con folgas do metal na provincia de Pontevedra (de 26 días), limpeza, instalacións deportivas, automoción (Treves) e téxtil (Caramelo). Dende 2010, a incidencia da crise reflectiuse nun descenso no número de folgas. Hai que ter en conta o progresivo desmantelamento do sector naval, posterior a folga de 2009, que significou unha derrota para os sectores máis combativos da clase na provincia de Pontevedra. Unha derrota visualizada na imaxe das direccións sindicais indo da man coa patronal e cargos do PP nas manifestacións en defensa do sector neste ano.

O aumento do desemprego, o medo ao despedimento e a erosión das bases fordistas máis sindicalizadas causaron a maior caída no número de folgas desde que se teñen datos (2000). Con todo, o seguimento das folgas xerais de 2010 e 2012 foi moi importante, sobre todo na industria. Como contrapunto, a folga xeral convocada pola CIG o 27 xaneiro de 2011 significou un fracaso importante que desalentou á súa dirección a emprender aventuras en solitario.

A relación dos sindicatos maioritarios con movementos sociais como o 15M foi tensa, cando non hostil. A indefinición política destes movementos, os elementos españolistas e a súa falta de diferenciación entre centrais sindicais, considerando a todas parte do réxime, alimentaron esta desconfianza mutua, agudizada no caso da CIG. A dificultade desta relación exemplificouse na convocatoria dunha manifestación en defensa do naval co mesmo percorrido, data e hora que a manifestación de aniversario do 15M en Vigo, o 12 de maio. A pretensión de cooptación, o sectarismo e modelos de funcionamento burocráticos imposibilitan unha confluencia entre movemento sindical e movementos sociais que é imprescindíbel á hora de plantar cara na rúa ás políticas neoliberais.

E despois das eleccións.. que?

Ante as próximas eleccións, os prognósticos máis probábeis falan dunha repetición da maioría absoluta do PP. Este partido conta cunha sólida implantación en todo o país, conta con redes clientelares moi fortes ao redor das Deputacións, en particular a de Ourense, e dispón dun ámbito de voto interclasista que abarca desde os españolistas burgueses da Coruña e Pontevedra ata o pequeno propietario que só sabe falar galego. Ata chega a un sector importante da clase obreira, o chamado “proletariado simbiótico”, traballadores urbanos que teñen fortes raíces no campo, onde teñen propiedades que traballan a fin de semana e manteñen esa mentalidade de pequeno propietario individualista.

A política do PP ao fronte da Xunta pode xerar un certo desgaste que, con todo, non foi explotado polos principais partidos de oposición, PSdG e BNG para crear a ilusión dunha alternativa. A crise experimentada por estas organizacións, así como o legado do bipartito actúan como un lastre á hora de canalizar as expectativas de cambio que, segundo as enquisas, ten unha parte significativa do electorado. Espérase que tanto BNG como, sobre todo, o PSdG, retrocedan en escanos. Neste sentido, non hai comparación posíbel coas eleccións de 2007, onde o lema “Hai que botalos”, xerou unha marea en favor de desaloxar ao PP da Xunta que puxo a súa confianza nun goberno de esquerda PSdG-BNG. Esta confianza rompeu despois, pola xestión socialiberal efectuada durante os catro anos de goberno conxunto. Con todo, ambos os partidos parecen decididos a recuperar o bipartito, polo que tratan de ocultar as súas diferenzas políticas en público, como quedou demostrado no debate Jorquera-Vázquez, e centrar todo o seu arsenal en criticar a Feijóo, difuminando as súas propostas programáticas. O BNG pode manter unha base electoral sólida, co apoio dos traballadores urbanos e vilas medias, pero o seu voto é un voto defensista contra o PP, incapaz de xerar entusiasmo ao redor de propostas para romper cos modelos socio-económicos e de Estado. Parece que esta campaña apostaron en por unha perspectiva identitaria: a defensa dun soberanismo “lixeiro”, a defensa dos sectores produtivos e da lingua e cultura propias. No seu lugar, AGE si parece que vai conseguir mobilizar un voto antineoliberal, descontento co PP, pero tamén desconfiado de BNG e PSdG. No caso de que Feijoó non repetise a maioría absoluta, o panorama presentaríase incerto. AGE non se pronunciou sobre as alianzas electorais. A pesar da súa retórica, non estableceu unha brecha entre os partidos do réxime (PSdG e PP) e os antineoliberais. Visto o caso de Andalucía, non habería que descartar que un sector de AGE, principalmente EU, avogase por entrar nun goberno de “progreso”, o que poría a proba a escasa solidez dunha coalición deseñada para o terreo electoral, pero que carece de estruturas orgánicas que lle dean continuidade máis aló destas citas.

O reto, pase o que pase logo das eleccións, seguirá sendo construír un bloque histórico, nun sentido gramsciano, plural pero que golpee unitariamente ao capital, que sexa capaz de entroncar as loitas defensivas coa conformación dunha nova cultura política que se expoña como eixo central a toma do poder e a destrución do sistema capitalista. O camiño é longo e duro: a construción de hexemonías require mobilizacións, experiencias, ensaios e erros. O 21-O en Galiza pode ser un paso importante para abrir fendas no réxime que nos permitan avanzar cara a unha vía de ruptura. Despois das eleccións, faremos o balance.


19/10/12

*Este artigo foi publicado orixinalmente en vientosur.info