Tras o 25-S: Manter a presión na rúa ata derrubar ao Goberno. Disolución inmediata do Corpo Antidisturbios da Policía.

Comunicado de Esquerda Anticapitalista

O 25-S foi unha xornada de loita exemplar. A pesar do Estado de Sitio encuberto decretado polo Goberno de Rajoy en Madrid, sen precedentes desde hai décadas, decenas de miles de persoas acudiron as citas organizadas pola Plataforma en Pé e a Coordinadora 25-S co obxectivo de rodear o Congreso e demostrarlles aos responsables políticos que o malestar cidadán vai en aumento e se terminou a resignación fronte ás súas mentiras . As iniciais
dúbidas que suscitara a convocatoria foron despexándose cando os obxectivos quedaron máis claros a finais de Agosto. As dúas citas de Paseo do Prado e Praza de España pronto reuniron a miles de persoas que marcharon pacificamente ata Neptuno. Unha vez alí, as cargas indiscriminadas e a violencia policial foron a tónica da noite. Os lanzamentos de pelotas de goma, prohibidos na maioría dos países de Europa, son norma habitual aquí. Os vídeos mostran claramente a brutalidade do corpo antidisturbios, unha tropa de elite cuxo oficio consiste en aporrear á xente, mentir descaradamente sobre presuntos feridos nas súas filas e imputar delitos inexistentes ás persoas que deteñen e torturan nas comisarías. (Pincha no título para continuar)
Neste sentido, mandamos todo o noso apoio e solidariedade aos e ás 35 de detidos/as, que foron enviados á Audiencia Nacional para ser xulgados por delitos contra as institucións para continuar coa escalada represiva, e aos e ás 64 feridos/as e en especial ao compañeiro Ángel, do 15-M de Granada, ferido grave polos golpes de turba policial na súa medula espinal. Xa o dixemos durante a campaña electoral do ano pasado e reiterámolo hoxe: esiximos adisolución inmediata do corpo antidisturbios (UIP) e que se inicie unha investigación para imputar por delitos de abuso de autoridade e lesións aos seus responsábeis. Así mesmo, a inefable Delegada do Goberno en Madrid, Cristina Cifuentes, tamén debería presentar a súa dimisión inmediata por ser a máxima responsable das salvaxes agresións policiais de onte, que tiveron eco en toda a prensa internacional.

Pero o máis importante do 25-S é que unha parte significativa da poboación está perdendo o
medo e a súa denuncia do sistema político e económico é cada vez máis firme e consecuente.
Agora, hai que seguir presionando, mobilizándonos hoxe 26-S en solidariedade coas Folgas
Xerais de Euskal Herria e Grecia e mañá 27 pola educación pública e o venres 28 para
defender o dereito ao aborto. E seguir desgastando ao Goberno ata que renuncie. Ademais,
non hai que perder de vista que a demanda dunha alternativa política de esquerdas que sexa
coherente entre o que di e o que fai vai ir abríndose paso neste contexto de loitas. Desde
Esquerda Anticapitalista queremos contribuír tanto ao reforzamento e impulso das
mobilizacións como á necesaria construción desta alternativa tan leal aos e ás de abaixo
como o son o PP e o PSOE aos de arriba.

Comunicado de Esquerda Anticapitalista Galega de cara ás eleccións do 21O

As eleccións do 21 de outubro na Galiza veñen marcadas pola profundidade da crise capitalista e polos profundos recortes sociais do goberno Feijoo, en total sintonía cos do goberno do Partido Popular no Estado Español. A súa estratexia está clara: que a crise do capital a paguen os de abaixo, a clase traballadora, os estudantes e os traballadores autónomos. Unha autentica doutrina do shock, cun goberno cómplice dos plans neoliberais da Unión Europea pero tamén con receitas clásicas da dereita herdeira do franquismo, como os ataques contra os dereitos das mulleres ou un nacionalismo español agresivo e virulento.

As consecuencias destas políticas aparecen xa na vida cotiá das clases traballadoras. O paro aumentou en máis dun 14%, alcanzando a 257.267 persoas, das que 107.471 non perciben ningún tipo de axuda. Os que teñen traballo ven aumentar a súa precariedade e diminuír a súa capacidade adquisitiva, con medidas como o aumento do IVE ou as baixadas salariais aos traballadores do sector público. A degradación da educación e a sanidade pública afecta diariamente a ducias de milleiros de familias traballadoras. Mentres, os culpábeis da crise seguen impunes, coma Novagalicia Banco, responsábel da estafa das preferentes a centos de persoas. O empresariado galego é incapaz de xerar emprego, acelerando a desindustrialización do país, como demostra a desastrosa situación do sector naval.

O PSOE, o outro partido do réxime xunto ao Partido Popular, carece de alternativas máis alá que maquillar a austeridade cunha fraseoloxía “democrática”. Non podemos esquecer que foi este partido, que xa non ten nada de socialista nin de obreiro, o que comezou coas medidas contra a maioría social cando estaba Zapatero no poder, impulsando por exemplo a reforma constitucional que prioriza o pago da débeda sobre tódolos demais gastos do estado; en resumo, salvar aos ricos e abandonar aos pobres. Polo tanto, os partidos do réxime teñen que ser un dos inimigos a bater estas eleccións. A súa alternativa é mais do mesmo: un sistema cada vez mais antidemocrático e afastado das necesidades da poboación. O seu único obxectivo é defender os intereses dos empresarios que explotan a clase traballadora.

(Pincha no título para continuar lendo)


Hai alternativas na esquerda?

Na esquerda antineoliberal preséntanse dúas candidaturas como alternativa o PP e o PSOE. Por unha banda, está a candidatura do BNG, centrada no aumento do autogoberno como a solución á crise económica, pero que non descarta a reedición do bipartito co Partido Socialista. O BNG aparece como un partido burocratizado, alleo a maioría da mocidade , cun programa reformista baseado en ofrecer unha alternativa de goberno críbel. Dende logo, o BNG está lonxe de ser aquel BNG combativo , sempre a pé de rúa que conectaba con sentimentos e ilusións dos que buscaban unha alternativa os partidos do réxime. A súa longa marcha polas institucións pareceu transformalo nun partido cada vez máis acomodado, aínda que segue mantendo unha forte identidade de esquerdas no seu electorado, na súa orientación sindical a través da CIG e en boa parte da súa militancia, a máis numerosa da esquerda galega. Isto último podémolo ver na revitalización da presenza do BNG nas mobilizacións nos últimos meses e sobre todo despois da escisión, mais só nas convocadas por organizacións propias ou controladas por eles, O BNG parece incapaz de interactuar e confluir cas protestas, novos movementos sociais ou organizaciós que xurden pola Galiza, asumindo unha dinámica cada vez máis autorreferencial .

A outra alternativa é a coalición entre IU e ANOVA, Alternativa Galega*. Unha coalición que esperta ilusións entre sectores importantes da mocidade urbana e desencantados da esquerda, o que non podemos máis que saudar como positivo. Na prensa, nas redes sociais e nalgúns sectores da esquerda organizada especulouse con que Esquerda Anticapitalista Galega podería unirse a esa coalición, tamén autodenominada como a SYRIZA galega. Vémonos na obriga de desmentir esta posibilidade (ao menos de cara a estas eleccións) e explicar as nosas razóns.

En primeiro lugar, unha candidatura anticapitalista debe partir de certas liñas vermellas a nivel programático. O feito de definir o inimigo, neste caso aos partidos do réxime, é fundamental, deixando claro a separación entre eles e nós. O feito de que non se descarte explicitamente o goberno co PSOE é algo que só contribúe a aumentar a confusión, e máis con experiencias como as de IU en Andalucía, onde aplica recortes dende o goberno. A coalición IU-ANOVA non deixa claro ese punto esencial. Esta ambigüidade nas alianzas levou incluso a que Beiras chegara a considerar un pacto con Compromiso por Galicia, unha amalgama de liberais e dereitas “galeguistas” nos que se atopan personaxes como o fillo de Cuíña: alianza que afortunadamente non chegou a concretarse, pero que demostra que aínda hai cousas por clarificar. Un proxecto político non pode dar bandazos en función das declaracións dos seus líderes, senón que ten que manter unha coherencia política que lles permita gañar a confianza dos cidadáns.
Por outra banda, o termo anticapitalista implica unha forma de facer política, dende abaixo, baseada na mobilización e o impulso da autorganización dos traballadores e da mocidade. A coalición fíxose dende arriba, totalmente subordinada ás datas electorais, en troques de tratar de forxar unha alianza a través das mobilizacións que veñen tendo lugar nos últimos meses contra as políticas do goberno do PP. Unha confluencia baseada en asembleas, con debate, propoñendo alternativas unitarias e radicais nas mobilizacións (non podemos obviar a actitude de IU no movemento sindical, completamente acrítica coa dirección de CCOO), implicando a xente que non esta organizada nos partidos, sería unha alternativa con moita máis forza e continuidade e serviría para xerar conciencia e construír hexemonías anticapitalistas dentro da sociedade. Sería unha boa forma de demostrar que a esquerda ten alternativas como a auditoría da débeda, a nacionalización da banca , o dereito de autodeterminación do pobo galego, a recuperación de empresas pechadas, etc.. e explicar como levalas a cabo en concreto.

En definitiva, nos vemos a coalición “Alternativa Galega*” como bo un punto de partida, que consideramos positivo, pero aínda con cousas por aclarar, para empezar se consolidarase como proxecto mais alá das eleccións. É un avance na medida que pode restarlle votos os PP-PSOE e supón tamén a apertura de debates na busca de alternativas de esquerdas: os anticapitalistas sempre teremos as portas abertas para esa busca da unidade a través de diálogos e construír unha nova cultura política capaz de rematar co capitalismo.

A posición dos anticapitalistas

Esquerda Anticapitalista Galega non presentará candidaturas estas eleccións. Non cremos que sexa a nosa prioridade neste contexto, pero si que estaremos presentes nas eleccións cunha campaña que leve a alternativa anticapitalista, feminista, ecoloxista e revolucionaria aos traballadores precarios, aos desempregados, aos estudantes, que realmente son os únicos que poden emanciparse por si mesmos.
Para nós, a verdadeira campaña dáse nas rúas, a través da mobilización e a autorganización dende abaixo. Cremos que para iso é imprescindíbel conformar un bloque social anticrise, cos sindicatos, movementos sociais e a esquerda política, que dende a súa pluralidade sexa capaz de loitar unificadamente contra os recortes: estamos convencidos que a mellor campaña que poderían facer os partidos de esquerdas que se presentan as eleccións é impulsar mobilizacións que lles permitan xerar unha correlación de forzas favorábel a clase traballadora.

Estas eleccións poden acelerar a crise do PP e do PSOE é ser un revulsivo que anime á mobilización dos de abaixo: consideramos necesario votar estas eleccións, non porque consideremos que sexan a solución a todos os nosos problemas, pero si porque poden ser un dique de contención contra as políticas neoliberais. Un parlamento cun maior numero de deputados do BNG e IU/ANOVA sería unha boa noticia: chamamos a votar criticamente por estas opcións, recordando que o voto é so unha parte máis da loita de clases e que a revolución constrúese nas rúas, nas fabricas, nos centros de traballo precario, nas facultades, nas prazas… Necesariamente as forzas da esquerda institucional terán que tomar unha decisión despois do 21O: se optan polo camiño da adaptación á política parlamentaria, conformándose con ser forzas integradas no sistema ou se facer oposición aos partidos do capital, a través dunha política alternativa, optando por acumular forza social a través de mobilizacións unitarias, cos movementos sociais e sindicatos e cos millóns de persoas que sofren a crise capitalista. Nós temos claro que a segunda vía é a única posíbel para construír unha esquerda de combate e de confianza, con credibilidade e capacidade para ser unha alternativa para os de abaixo.

*Alternativa Galega foi o nome inicial da coalición IU-ANOVA, que terá que ser cambiado por mor de que xa foi utilizado por outra organización política de corta vida na década dos 90.

Votar ao partido da orde ou votar contra o capitalismo

[Unha nova contribución, esta vez do noso compañeiro Manuel A. Fortes Torres ao debate electoral do 21-O. Publicado orixinalmente en Praza Pública o 5 de setembro]


Desgraciadamente, as opcións que se nos presentan como máis probábeis nas eleccións do 21-O son malas ou menos malas, pero en ningún caso boas. A opción mala sería a renovación da maioría absoluta pola versión máis conservadora do partido da orde (ou do réxime); a menos mala é que esta non se dese e, pola contra, a outra versión do partido da orde (a, máis ou menos, liberal) puidese, ben en coalición, ou ben recibindo o apoio necesario, alcanzar os votos suficientes para substituír á outrasección no goberno. A boa noticia, que nada prevé que se vaia dar, sería o descalabro electoral do partido da orde nas súas dúas versións.


O modelo actual da UE -establecido en Maastrich e apuntalado co Tratado de Lisboa, co Pacto de Estabilidade e Crecemento e co Pacto do Euro- construírono en común as dúas caras do mesmo partido europeo, no que se integraron as seccións nacionais dos mesmos e para o que contaron coa colaboración entusiasta de distintas organizacións sectoriais del, como a prensa ou a igrexa, que non son senón áreas súas. E ese partido da orde europeo (así como a súa sección española -e catalá tamén, por exemplo-), que están e estiveron nos gobernos dos Estados que participaron nesa construción, veñen sendo, como é claro é distinto, aquelo que xa nos explicara o vello Marx: “un comité que administra os negocios comúns de toda a clase burguesa”, poderiamos engadir: europea, se é que a estas alturas cabe diferenciar intereses distintos entre grupos burgueses (como europeo, norteamericano, xaponés…).Está máis claro que nunca que as diferenzas entre as dúas seccións do partido da orde son accidentais, menores. Está máis claro que nunca que converxen nun mesmo modelo europeo, é dicir, nun mesmo modelo social (mellor sería dicir antisocial). E non hai que esquecer que a construción europea se fixo baixo o consenso desas dúas seccións, apopular (sen que se saiba porque lle chaman así) e a que se adoitaba denominar (descoñecéndose tamén os motivos de tal apelativo) socialdemócrata.

De aí o que diciamos ao principio. Non semella previsíbel que as dúas caras da burguesía sexan amplamente derrotadas; máis ben semella que só se pode producir unha pequena modificación na distribución de votos, ou, mellor, de escanos (¡oxalá nos equivoquemos¡).

Unha política que pretenda ser contraditoria coa actual de recortes, de salvaxismo capitalista, de ataque frontal ás conquistas sociais e aos dereitos cidadás, non pode pretender construírse coa colaboración (e non digamos subalternizándose) a algunha versión do partido da orde. Caer nese erro sería abondar nese “lugar común” de que “todos son iguais”, pois ¿acaso se pode pensar nunha política “distinta”? ¿tan pouca memoria hai de como comezou o momento álxido desta última crise, con que políticas se comezou e quen tomou as decisións?Tamén, polo mesmo, a constatación de que “son o mesmo”; dúas caras “da mesma moeda”, dúas caras políticas do capital. Logo, non ten sentido pensar que cabe ningún tipo de aproximación a un deles para “derrotar” ao outro ¿para derrotar a quen? ¿que contido de clase podería ter unha política na que participa o partido da orde na versión que sexa -e non digamos se o fai como socio maioritario-? A resposta é doada, seguro que os que, reclamándose “de esquerdas”, constituíron gobernos cun deles ben poden responder (e tamén os cidadáns que sufriron eses gobernos): aquí o BNG, por outros lares IU. Se IU non para de tropezar, todas as veces “que é necesario”, coa mesma pedra, quizais o BNG teña aprendida a lección.

As opcións ao partido da orde deben recuperar o sentido orixinario da política e rachar con ese que dicía “lugar común” de que “todos son iguais” (“lugar común” ben interesado de “espallar” polo partido da orde e por algunha das seccións do mesmo, como os coñecidos como medios de manipulación de masas: a súa área de comunicación): NON. NON TODOS SON IGUAIS: Hai alternativas, hai outras políticas posíbeis (auditoría da débeda, banca pública baixo control social, recuperación da soberanía democrática sobre o banco central, progresividade fiscal, salario mínimo decente, xubilación decente e adianto da idade de xubilación, redución do tempo de traballo e reparto do traballo, renda básica de cidadanía, reforzo da negociación colectiva, hexemonía social do galego, dereito de autodeterminación …). E hai que facer críbel a tal posibilidade: un dos grandes problemas é o do derrotismo: as políticas actuais vense como inxustas, pero moitos pensan que son “inevitábeis”.

E non se trata das dificultades que van poñer as diferentes áreas do partido da orde, nin as dificultades desa minoría privilexiada que goza co latrocinio: a burguesía, o capital; tampouco se trata das dificultades que se van encontrar debido á carencia de capacidade política propia, é dicir, a ausencia de soberanía política, o asoballamento político, a dependencia. Non; estou a falar de que van facer, das decisións desas forzas políticas, da súa práctica. Que non concedan á vitoria ás forzas do partido da orde antes de facerlles fronte (que non caian tamén “no derrotismo”, “no posibilismo”, “no realismo”): que confíen nos traballadores e que se apoien neles.Pero tamén teñen que ser críbeis as forzas políticas que, reclamándose “de esquerdas”, nos propoñen políticas alternativas. Non só se trata, o que xa é un arduo traballo a realizar, de convencer de que, efectivamente, cabe “outra política” (outra política de clase); senón tamén hai que convencer de que eses que falan da tal política A VAN FACER se están e condicións institucionais, e non só institucionais, de levar a cabo as súas propostas. E nisto non só conta o presente e as expectativas de futuro; desgraciadamente para algúns tamén conta o que se dixo e o que se fixo no pasado (sobre todo alí onde se puido facer algo, sexa no ámbito que sexa).

E isto é outra cara máis a ter en conta. As eleccións son un “síntoma” e o poder político non se limita ás institucións. Conceder que o campo onde se produce o enfrontamento se reduce ao ámbito institucional é aceptar a derrota de antemán. O campo de loita é a sociedade toda; e as institucións deben reflectir a correlación de forzas; todo o contrario que pensar que a correlación de forzas consiste nos escanos que se posúen.

Resumindo: negativa a calquera componenda coa sección máis ou menos liberal do partido da orde, que aquí se denomina, na súa faciana política, PSdG (hai outras facianas como xa dicía, das que as máis salientábeis son os medios de manipulación de masas: a información privatizada: a desinformación interesada: a alienación planificada). Conquista da credibilidade, da credibilidade dunha política antagónica á actual política burguesa: unha política de clase: unha política que teña como norte os intereses dos traballadores. E credibilidade das forzas políticas que pretenden que esta política é a súa aposta. Apoio na acción dos traballadores e non redución da política ás institucións; é dicir, nova concepción da política, é dicir, ruptura co modelo burgués de política.

Entendemos que, tamén no proceso electoral, trátase de crear as condicións para que o que agora vemos pouco probábel poida darse nun futuro non moi afastado (se é moi afastado ao peor nin hai futuro): o descalabro definitivo do partido da orde: un cambio radical de política. Que por fin non gane a burguesía as eleccións, senón que as ganen os traballadores.E isto tamén supón a introdución de modificacións lexislativas, como a responsabilidade política (mentir non só debe ser “pecado”, tamén debe ser un delicto: mentir á cidadanía debe ter consecuencias), tamén responsabilidade das decisións polos políticos (acabar con esa infamia da chamada “clase política”, allea á cidadanía e con privilexios inadmisíbeis), novo sistema electoral (realmente representativo). Para non cansar: no camiño nunha democracia participativa, dunha democracia radical: Non se trata de que haxa que confiar nos políticos, por moi honrados que poidan ser; trátase de que os cidadáns teñan capacidade de intervención directa naquelo que é o seu interese: a vida política.

Pero lembramos o dito: esas eleccións non se ganan só “nas eleccións”; esas elección só se poden ganar cando se teña vencido politicamente: esas eleccións, esa vitoria electoral, só será un “síntoma”, da vitoria social das clases traballadoras. A responsabilidade, tamén no vindeiro proceso electoral, dos partidos que tal cousa pretenden, ou que din pretender, que falan de “anticapitalismo”, é a de construír esa posibilidade, colaborar nas condicións de posibilidade desa vitoria social, da vitoria dos traballadores.

Tamén, para rematar, e repetíndonos, non só se fai política nos procesos electorais; é máis, tamén o dixemos, os procesos electorais son “síntomas” de como “van as cousas”, da política que se está a facer “na sociedade”. Presentarse a unhas eleccións ou non facelo non é algo definitivo: non indica a existencia ou non dunha opción política: iso o expresa a práctica diaria, a política diaria, que estea en condicións de facer, segundo as forzas de que dispoña.

En definitiva, as diferentes opcións políticas electorais van situarse nun deses dous ámbitos finalmente, “compañeiros de viaxe” do partido da orde, ou “compañeiros de viaxe” cos traballadores. Non hai termo medio, por moito que a moitos lles gustaría. Ou se fai política burguesa, e unha das súas caras é votar á burguesía, aos seus axentes políticos; ou se fai política obreira, sendo unha das súas caras votar opcións anticapitalistas
.

Unha Syriza galega?


[Contribución do noso compañeiro Brais Fernández  ao debate da “Syriza Galega”. Publicado orxinalmente en Praza Pública o 1 de agosto.]

Yolanda Diaz, coordinadora xeral de Esquerda Unida na Galiza, lanzou a proposta de construír unha Syriza na Galiza. Unha proposta sen dúbida interesante e que debe contribuír a abrir debates no seo da esquerda que opera na nosa nación. Debates que hoxe son máis urxentes que nunca, pois a situación no estado español encamíñase cada vez máis cara unha situación similar á grega: recortes salvaxes, intervención da troika, empobrecemento da clase traballadora, exclusión social masiva.. O reto para a esquerda transformadora galega é construír unha alternativa sólida ao neoliberalismo, tendo en conta o acelerado ritmo dos recortes sociais e as súas consecuencias, e as complexidades das loitas sociais.

Pero… Que é realmente Syriza?


Syriza comezou como unha coalición de diferentes grupos da esquerda grega, que conflúen a partir das mobilizacións antiglobalización de principios do século XXI. Orixinalmente, en 2004 aparece como unha alianza entre Synapsismos, un partido reformista de esquerdas de orixe difusamente eurocomunista con representación parlamentaria e unha ducia de grupos da esquerda radical, con diferentes tradicións, dende a trotskista ata a post-maoista, pasando pola autonomía movimentista. Obviamente, unha amalgama de tal calibre non está exenta de tensións: os sectores máis dereitistas da organización escindíronse en 2010 conformando Dimar (“Esquerda democrática”) con sectores do Pasok. Tamén sofre pequenas escisións pola esquerda.

Syriza é una construción plural e unitaria, que non obvia debates dentro da unidade. Un dos lemas de Syriza é “unidade dende a radicalidade”, expresando así dous aspectos fundamentais do seu discurso político. Por unha banda, abordar a cuestión da unidade, un dos temas máis demandados pola esquerda social e onde a esquerda (sobre todo a radical) máis fracasou ao longo do século XX. Unha unidade que no caso de Syriza fundaméntase na confluencia dende abaixo, na participación conxunta nos movementos sociais de militantes de distintas tradicións. A unidade non exclúe o respecto pola diversidade das experiencias militantes, pero si unha busca consciente e paciente por forxar unha nova cultura política readaptada á loita de clases tal e como se da no século XXI.

A cuestión da radicalidade (Syriza é o acrónimo de “Coalición da Esquerda Radical”) é tamén fundamental. Unha radicalidade que busca combinar a perspectiva estratéxica do derrubamento do sistema capitalista con propostas concretas, listas para aplicar o dia despois de gañar as eleccións. Syriza aspira, aínda que non o consiga sempre, a conectar as cuestións máis inmediatas para a poboación, como o tema do pan ou o desemprego, con propostas transicionais, como a auditoría da débeda e a socialización da banca , co obxectivo de impulsar unha ruptura co sistema capitalista e o seu réxime político.

Syriza conseguiu case o 26 por cento dos votos nas últimas eleccións, un aumento enorme se temos en conta que nas eleccións de 2007 só conseguira un 5 por cento dos votos. Este aumento obedece a varias razóns. Syriza , en realidade, transformouse dunha coalición de partidos na culminación política dun movemento de resistencia contra os recortes da Troika. Un movemento con varios frontes de loita, dende o sindical ata a loita dos indignados, pasando por loitas ecoloxistas, feministas, e da mocidade. Sen dúbida a vontade aperturista de Syriza permite a súa interactuación con estes movementos de resistencia, o contrario que o KKE (partido comunista grego), que se illa cada vez máis polo seu sectarismo. A hexemonía de Syriza na esquerda grega tamén se constrúe a partir do colapso do Pasok. Syriza entende a necesidade de construír un suxeito político que non substituía ao PASOK, senón que xere un espazo de resistencia que supere a dicotomía entre partidos socialdemócratas e partidos conservadores. Así pois, a coalición liderada por Alexis Tsipras reformula os campos políticos preexistentes: por unha banda, están os partidos do réxime (PASOK e Nova Democracia) e, por outro, a alternativa encabezada por Syriza, pero que non exclúe a outras formacións da esquerda , incluído o KKE.

Algunhas reflexións sobre os retos da esquerda galega
A construción dun suxeito político transformador na Galiza ten moitas diferenzas con Grecia: a máis importante, sen dúbida, a existencia dunha opresión nacional que Esquerda Unida non parece sempre disposta a recoñecer. O punto de partida para a esquerda na Galiza debería ser a defensa do dereito de autodeterminación, aínda que logo cada formación defendese diferentes opcións dentro dese marco, dende a república federal ata a independencia.

Outra cuestión importante, se queremos construír esa ferramenta política, unitaria, radical e anticapitalista, é construíla dende abaixo. Os militantes de Syriza participan xuntos durante anos nos movementos sociais, coñécense , son eles mesmos os que conflúen na practica cotiá. Unha mera coalición electoral estaría moi ben para conseguir uns cantos deputados, pero distaría de ser radical e realmente unitaria. A pregunta de fondo é se as diferentes organizacións da esquerda galega queren construír un suxeito político novo, aportando cada un a súa tradición militante, ou optan pola autoconstrucción partidaria, dando por feito que non se producirán recomposicións de cara a xerar un bloque alternativo fronte ao do capital e dos mercados. Dende logo existen camiños inmediatos para buscar esa confluencia: bloques unitarios nas manifestacións, propostas concretas de mobilizacións… Agora, por exemplo, unha vez lograda a tan soñada unidade sindical, podería lanzarse a proposta dunha folga xeral, pero construída socialmente. Aprendendo das experiencias do 15m a esquerda política galega podería propor aos sindicatos asembleas nos barrios para organizar esa folga xeral. Así poderíase lograr ese tan necesario achegamento entre diferentes movementos que loitan contra os recortes do goberno Rajoy-Feijoo. De feito, a estratexia post-electoral de Syriza baséase en impulsar este modelo de asembleas nos barrios para readaptar a súa estrutura ás demandas da nova militancia, e á vez , como diría o filósofo Daniel Bensaid, iniciar cunha “lenta impaciencia unha loita de longo percorrido”.

Tamén é fundamental no éxito de Syriza a súa credibilidade: en ningún momento Syriza entrou en ningún goberno que leve a cabo recortes, establecendo así unha liña definida entre eles e os outros, entre os partidos do réxime , chámense conservadores ou socialistas, e o pobo afectado polo memorando da troika. O fundamental é conquistar esa credibilidade na practica política real: é natural que a xente desconfíe da esquerda cando fai campañas electorais chamando á rebelión e logo pacta recortes co socialiberalismo. Dito isto, compréndese que a cuestión non é tan sinxela, pois tamén e importante evitar gobernos do nacional-catolicismo do Partido Popular, pero o fundamental é demarcar liñas claramente, sempre ca vontade de ser maioría. A hexemonía, en última instancia , debe construírse partindo de romper cos debates que a ideoloxía dominante establece. Non se trata de gobernar ou non, senón de quen debe gobernar e para quen facelo.

Unha última lección importante nos deixa a esquerda grega: o sectarismo págase. O KKE fixo de Syriza o seu principal inimigo, baseando toda a súa propaganda en que a “clase traballadora grega non se deixase enganar por Syriza”. Ao final, o KKE quedou cun 4 por cento dos votos cando partía dun 8, mentres que Syriza pasa dun 16 a un 26 por cento, sendo maioritaria entre os traballadores e traballadoras, incluso no sector industrial, onde o KKE ten unha forte presencia sindical. A xente, nun contexto tan difícil, non acepta as actitudes e batallas cainitas, máis que nada por estar fóra da súa realidade cotiá e ser percibidas como alleas e pouco prácticas.

Dende logo Yolanda Díaz fai moi ben en lanzar a idea de comezar a construír unha esquerda de combate e de confianza. Agora temos que comezar a facelo. Construír alternativas para os de abaixo e dende abaixo, porque parafraseando ao filosofo esloveno Slavoj Zizek nun mitin de apoio a Syriza, a esquerda ten que ser “a voz da razón contra a tolería da ideoloxía do mercado”.