15-Mineiros

[Traducción do artigo de Jorge Moruno, tomado do seu blog http://larevueltadelasneuronas.com/]

“Nós non somos o 15M, nós non somos pacifistas, viñemos a por todo. Non temos medo, somos mineiros”.
Boneco Rajoy pendurado nun pozo mineiro en Asturies

A folga mineira indefinida emprendida polo sector mineiro por mor da diminución das subvencións nun 63%, xerou toda unha serie de controversias, non pola folga, senón pola confluencia de distintos actores. Os mineiros son unhas desas comunidades tradicionalmente obreiras, herdeiras das formas gremiais polo que, o traballo non só é un medio de vida, senón unha forma de vida que impacta máis aló do emprego. Abrangue o control das formas culturais, a herdanza transmitida de pais a fillos e a aprendizaxe dunha actividade que dificilmente pode descentralizarse e dividirse. Os mineiros traballan xuntos en tarefas complicadas e de risco, onde a confianza no outro é indispensable para garantir a seguridade. Visten os mesmos uniformes que posibilitan a súa identificación como unha unidade infranqueable, arrastran unha memoria de loita encomiable e habitan os mesmos territorios que viran ao redor da mina. A propia xeografía do campo de batalla significa a propia extensión da mina. É no monte onde se senten máis cómodos, como en casa, fronte a uns antidisturbios máis ridículos do normal que pastorean entre as cabras ataviados con cascos.

Hai toda unha memoria construída, un habitus consolidado, que diría o sociólogo Pierre Bourdieu. É dicir, non só contan cun “sistema de disposicións durables e transferibles”, de estruturas que estruturan. Tamén arrastran un saber-facer integrado na propia identidade mineira que se mama desde pequeno, desde a sociabilidade primaria. O habitus, é algo sobre o que un non se adoita preguntar, pero que automaticamente os actos responden de forma tácita e adecuada. Na propia descrición do mineiro, vén incluído o corte de estradas. O seu repertorio de acción colectiva, a forma na que constrúen as súas demandas, leva asociada a imaxe do encarrapuchado e a dinamita. Ninguén, ningún xornal ousa acusarlles de “antisistema”, precisamente porque todo o mundo interpreta a súa actuación como algo normal nos mineiros, mesmo aos que non lle gusta. Non poden criminalizar as súas protestas da mesma forma que se faría noutro ámbito.


Unha lectura meramente estética da política e o conflito, condúcenos a intervir no debate de forma visceral, asociando postais idealizadas a conxecturas que son froito do imaxinario construído na cabeza. De aí xorde a tendencia a querer comparar ao 15-M cos mineiros, coma se a acción dun excluíse ao outro, ou coma se se puidesen mimetizar ámbolos dous escenarios. Os mineiros nun principio, utilizan ferramentas e métodos moi duros, propios de altos niveis de enfrontamento, para reclamar condicións laborais ou para impedir o desmantelamento da mina. Trátanse nun principio, sobre todo de loitas á defensiva, que buscan resistir no existente, non en demandar outro posible. O uso da violencia non sempre leva aparellada unha radicalización das demandas e viceversa, o non uso da violencia non implica unha debilidade.

Isto non é unha crítica aos mineiros, para nada, eles fan moi ben; é unha crítica aos que ven neles -desde o onanismo exterior-, os encargados de comandar unha revolución por imperativo case divino, sen comprender a complexidade da conxuntura. O imaxinario erótico do mono azul busca “loitas puras” e adoita falar por boca dun Lenin, que pouco ten que ver co revolucionario de 1917. Como dicía Óscar Wilde, “pódese admitir a forza bruta, pero a razón bruta é insoportable”. Calquera escusa serve para reflotar un estalinismo inocuo onde a historia xa está escrita e só fai falta que se despregue cara atrás. Marx vacínanos ante este manexo das paixóns tristes, apuntando que, “na loita contra eles a crítica non é unha paixón da cabeza senón a cabeza da paixón”.

Lección de Marx, que tamén lle pode servir á comisión de medio ambiente de Acampada Sol. Un comunicado pouco astuto politicamente que non considera os tempos e as necesidades. Autista en expor temas de forma moral e non política, sen considerar a dimensión social que ten a minería sobre as comarcas e localidades dependentes dela. Non se trata de reivindicar ao carbón e a mina como práctica en si mesma, como de apoiar aos mineiros. Non se pode derrubar dunha plumada toda unha estrutura, porque é contaminante, sen antes ofrecer opcións que permitan ás súas xentes ter vidas dignas. A vida na mina é moi dura para quen ten que baixar, ninguén reivindica o sufrimento nin a propia mina, pero si os efectos que ten sobre a comunidade. Ata que non poidan conxugarse dignidade sen sufrimento de carbón negro, non se poden pechar. O respecto ambiental non pode desvincularse das realidades sociais e materiais do terreo no que se inclúen.

Moi ao contrario, por proximidade xeográfica, por herdanza cultural e familiar, o 15-M de Oviedo ofrece outro tipo de formulacións politicamente moito máis interesantes. Non se limitan a dar o seu apoio aos mineiros con actitude subalterna e servil, senón que expoñen a necesidade de conectar varias realidades. Empuxan aos mineiros a situar a súa loita laboral dentro dun marco máis amplo que inclúa a precarios e precarias, pensionistas, parados, ou sector público, entre outros. Unha multitude de vivencias fragmentadas pero que poden comunicarse por unha palabra común, onde a existencia dun non exclúa ao outro. Só hibridando, e mesturando, as loitas poden chegar a desbordar ao réxime, dentro e fóra do emprego.


Non fai falta que os mineiros sexan o 15-M, nin que estes sexan como os mineiros, na coordinación da diferenza reside a forza, polo que hai que buscar un equilibrio entre os distintos intereses de dous mundos que conviven no mesmo tempo. Unha nova racionalidade que teña en conta á comunidade no seu conxunto, porque pola contra, a mina desaparecerá pola porta de atrás: nun goteo constante de mozos precarios que emigran a Madrid, baleirando de vida e talento á rexión.

É posible que ampliando o alcance da protesta en número e en radicalidad, ao redor das tres patas desde onde se apoia a acumulación capitalista, se poida construír unha alternativa: O negocio especulador ao redor da vivenda, a ineficacia do emprego como garantía social e económica, e o déficit democrático que imposibilita a dignidade no resto de ámbitos vitais. Construír a universidade da mina, facer da universidade un campo de minas e entre medias o transporte bloqueando a cidade. Organizando politicamente non pagar a falsa débeda, esixindo o que é de todos e para todos: casa, renda, democracia.

Puxa Asturies!
Advertisements

Grecia: por un goberno da esquerda contra a austeridade | Socialist Resistance

[“Publicamos a declaración dos nosos compañeiros británicos de Socialist Resistence sobre a situación en Grecia. Hoxe é máis importante que nunca refundar un novo internacionalismo, capaz de apoiar as loitas dos pobos que loitan contra a dominación capitalista, asi como aprender das experiencias que nos deixa a esquerda radical grega.]


O impresionante resultado de Syriza nas recentes eleccións sacudiu ás clases dominantes gregas e europeas desde os seus cimentos. Foi un rexeitamento total do paquete de austeridade, sobre bases progresistas, por un 60% do electorado, e creou non só a maior crise, senón a confrontación de clases máis significativa en Europa desde a Revolución 
Portuguesa de 1974.

O voto combinado da esquerda foi do 27%, con Syriza gañando o 17%, o Partido Comunista de Grecia (KKE) gañando o 8%, e a Fronte da Esquerda Anticapitalista grega (Antarsya) o 1,2%. Se engadimos outro 6% que votou pola Esquerda Democrática (unha escisión pola dereita de Syriza que está en contra dun rexeitamento total da austeridade porque cre que Grecia sería expulsada do euro e por tanto só quere suavizar as medidas) o voto á esquerda do PASOK estivo próximo a un terzo do electorado. A incapacidade de calquera partido para formar un goberno resultou na convocatoria de novas eleccións polo Presidente da República para o próximo 17 de xuño, e un goberno interino foi formado, liderado por un alto maxistrado xudicial, Panagoiotis Pikramenos.
Antes das eleccións, Syriza foi a única organización que chamou por un goberno e un programa unitarios contra a austeridade se a esquerda gañaba. Syriza rexeitou decisivamente a austeridade e as condicións do rescate impostas en marzo pola Troika. Alexis Tsipras denominou ao plan de rescate de 130 mil millóns de euros “un acordo de pobreza e miseria”.


Tras os resultados (ofrecéndose á esquerda grega unha oportunidade única para formar gobernó) Syriza buscou de novo a unidade da esquerda e do movemento obreiro, achegándose ás outras formacións de esquerdas e aos sindicatos para tentar formar xuntos un goberno das forzas progresistas contra a austeridade. Pero isto foi rexeitado dunha maneira sectaria.
A pesar disto, recentes sondaxes de opinión suxiren que as novas eleccións poderían ter como resultado  que Syriza se convertese no maior partido e posiblemente formase  goberno. Isto non está garantido, pero as presións sobre Syriza significan que a clase dominante e o establishment político temen unhas novas eleccións. As elites da UE deixaron claro que farán das novas eleccións un referendo sobre o euro, pero que unha segunda votación contra a austeridade significaría a expulsión de Grecia do euro. A masiva presión interna e internacional está a ser aplicada ao redor deste ultimatum – e desde agora até as eleccións só se incrementará. Esta campaña impulsou  á dereitista Nova Democracia, que está agora pelexando cóbado con cóbado con Syriza nalgunhas enquisas.
É importante que este ultimatum sexa rexeitado e que a ofensiva da austeridade sexa confrontada. Os traballadores gregos non deben tomar ningunha responsabilidade pola débeda. As demandas do programa de Syriza son imperativas nesta conxuntura.
Mentres tanto, moitos gregos, a maioría de clase media, comezaron xa a retirar milleiros de millóns de euros dos bancos gregos (retirando 3 mil millóns de euros desde as eleccións e investindo en refuxios máis seguros, especialmente en bonos alemán). Isto fixo crecer os temores de quebra dos bancos mesmo antes dos resultados dunhas novas eleccións, con serios temores de que os bancos queden sen liquidez monetaria e a posibilidade dunha saída de Grecia do euro no curto prazo. No momento que escribimos, foi aplicada unha crucial inxección de 18 mil millóns de euros para estabilizar os bancos gregos (todos os bancos gregos están baixo un sistema de apoio vital xestionado polo BCE)?.
Ten un gran crédito que Syriza e a súa dirección mantivesen o tipo contra a presión masiva en todas as frontes que foi arroxada contra eles. O programa electoral de Syriza é un programa de acción radical anticapitalista, que será unha base esencial se eventualmente forman goberno. Inclúe:
Moratoria no pago da débeda.
Incremento dos impostos aos ricos e radical redistribución dos ingresos e a riqueza.
Nacionalización / socialización dos bancos e a súa integración nun sistema bancario público baixo control obreiro e social. A nacionalización de todas as empresas públicas privatizadas de importancia estratéxica.
Administración das empresas públicas baseada na transparencia, no control social e a planificación democrática.
Transformación ecolóxica do modelo de desenvolvemento incluíndo enerxía, industria manufacturera, turismo e agricultura.
Emprego seguro, ben pago e ben regulado, restauración do salario mínimo e dos convenios colectivos, oposición aos peches de empresas, subsidio de desemprego indefinido, sanidade, vivenda e acceso a todos os servizos públicos.
Control e reducións de prezos.
Introdución da democracia directa e institucións de autoxestión baixo control social e obreiro.
Mellora dos dereitos da muller e a mocidade na familia, as empresas e a administración pública.
Inclusión social dos inmigrantes e protección igualitaria de dereitos.
Restauración das pensións e do sistema universal de seguridade social.
Sanidade gratuíta e universal, educación pública e gratuíta.
Fin das exencións e paraísos fiscais.
Saída da OTAN e peche das bases militares estranxeiras.
O manifesto conclúe cunha declaración de que o sistema social e económico actual fracasou e que debe ser derrocado! Continúa afirmando: “Reclamamos un novo modelo de produción e distribución da riqueza, un que inclúa á sociedade na súa totalidade. O noso obxectivo estratéxico é o socialismo con democracia, un sistema no que todos estean habilitados para participar no proceso de toma de decisións.”
Este é un programa que coloca a Syriza en boa posición para os retos que virán se gañan as eleccións. A cancelación da débeda será de crucial importancia se un programa así chega a ser aplicado.
Syriza é acusada de ambigüidade sobre o euro porque non reivindica a retirada. O feito é que, con todo, están a afrontar unha situación contraditoria entre a poboación. Mentres que unha gran maioría está contra a austeridade, tamén está a favor de permanecer na eurozona (o que son dúas aspiracións mutuamente incompatibles). Syriza enfrontouse correctamente a esta situación co que é esencialmente unha aproximación transicional. Non reclaman a saída do euro pero afirman que non farán ningún sacrificio por el. Entón avanzan toda unha serie de demandas, que son incompatibles coa pertenza á eurozona. Isto pon a pelota no tellado das elites da UE. Se queren a Grecia fóra do euro teñen que expulsala del.
Tsipras tamén afirmou que a ameaza de aceptar máis austeridade ou saír da eurozona foi un farol, liderado por Berlín, que non ocorrería porque a eurozona ten moito que perder. É unha clara referencia á ameaza de contaxio dentro do sistema bancario, que probablemente levaría a Portugal e ao Estado español á saída do euro e ao posible colapso do euro en si, cos rendementos dos bonos índose polas nubes. Isto levaría á recesión. Merkel chamou mesmo a un referendo específico sobre o euro que se celebre xunto ás mesmas eleccións! A división está a abrirse paso no entanto entre os economistas e dentro das direccións políticas europeas, con moitos argumentando que a Unión Europea non pode afrontar ou permitir a Grecia saírse. Isto podería prover a un goberno liderado por Syriza, segundo Tsipras, unha poderosa posición negociadora. Con todo, un novo Plan Marshall para apontoar a Grecia e a Europa meridional representaría un custo masivo e totalmente custoso a medio prazo para Alemaña, o que parece improbable. Sería imprudente asumir que iso sucederá. É moito o que está en xogo. O que é moito máis probable é que Merkel cruzará a liña e serán tensadas todas as cordas para aterrorizar á poboación grega e que vote polos partidos do establishment o 17 de xuño.
Con todo, hai ambigüidade na posición de Syriza, que mentres presenta un programa anticapitalista radical contra o rescate e a austeridade, Tsipras tamén chamou a negociacións para reformar o euro e a UE. Unha posición de non reivindicar a ruptura co euro non é un problema político se Syriza e os seus partidarios están totalmente preparados para unha eventualidade así. Para avogar polo repudio da débeda, efectivamente tes que estar preparado para a expulsión da eurozona como unha consecuencia probable. Esta aproximación necesita ser posta en primeira liña na campaña electoral se se quere que o electorado estea armado contra as ameazas e ultimátums que afrontará.
Nesta situación, nacionalizar os bancos, impor controis ao capital, gravar e recadar impostos aos ricos, cancelar a débeda pública interna, conxelar os activos dos ricos para impedir que sexan evadidos fóra do país, serán medidas urxentes e necesarias.
Estas son demandas do programa de Syriza que deben ser aplicadas ao principio de calquera estancia no goberno, para que o novo gabinete poida pagar aos empregados públicos, as pensións, e máis importante, para controlar inmediatamente o fluxo de capital e protexer a Grecia das manobras das finanzas internacionais. A nacionalización dos bancos permitirá ao goberno deter a quebra dos bancos, rodear ao sistema financeiro e cancelar internamente a débeda pública, que é a maioría da débeda pública grega. Estas son as medidas necesarias para comezar a contraatacar contra os estragos da austeridade.
Outras medida son tamén importantes, como abrir os libros de contas das empresas privadas, a nacionalización baixo control obreiro das compañías que provoquen despedimentos, as ocupacións de fábricas e a construción de comités de apoio locais, que están xa emerxendo, compartindo o traballo equitativamente entre todos aqueles que queren traballar (compartindo o traballo sen perda de salario). Debería comezar a acción para recuperar os billóns de euros que a clase dominante sacou xa do país.
Se se implementasen estas medidas acenderíase unha explosión internacional, e habería un efecto dominó en todas partes. Hai un considerable temor ao contaxio no sistema bancario europeo nun momento no que o cortalumes designado para rescatar a outros bancos, especialmente no Estado español e Italia, non está aínda totalmente provisto de fondos (isto podería ter como resultado o colapso do euro). Un furacán podería ser desatado para derrubar a un novo goberno de esquerdas en Grecia. Consecuentemente, necesitarase unha masiva mobilización da clase traballadora grega e da solidariedade internacional.
Un goberno de Syriza debería prepararse para unha posible expulsión do euro e para unha devaluación mediante o lanzamento dun plan para tomar todas as medidas necesarias para protexer á clase traballadora. Unha reintroducción do dracma nestas circunstancias, é dicir, sobre bases capitalistas, non será fácil para a clase traballadora grega, pero permitirá a Grecia ter algún control sobre as taxas de cambio. Economías máis débiles como Grecia e Portugal, tras entrar no euro, convertéronse en non competitivas debido a herdar repentinamente unha divisa máis forte. Unha parte importante das súas crises provén da pertenza ao euro.
Baixo o euro establecido para todos, as economías máis débiles non poderían competir con Alemaña, levando ao declive industrial e ao desemprego, pero ao mesmo tempo o crédito era barato, animando a un crecemento masivo da débeda privada e persoal nestes países (capacitándolles para comprar bens alemán). En efecto, a economía alemá está a ser subsidiada pola taxa única de cambio, permitíndolle descargar os seus bens en países como Grecia e Portugal.
Outra importante demanda que fixo Syriza é acabar coa evasión fiscal. Esta dáse nunha escala masiva e sería difícil parala rapidamente debido aos atrincheirados sistemas de patronaxe. Necesitaríase unha autoridade fiscal reestruturada para recadar impostos eficientemente. Esta política é esencial, para tomar medidas drásticas contra a evasión fiscal e a corrupción, e cancelando os pagos da débeda eliminaríase por si só o déficit grego.
Un goberno liderado por Syriza que leva a cabo esta política para restaurar pensións, tería que prover unha alternativa para a xubilación a través da nacionalización do sistema de pensións e creando a provisión gratuíta de todas as necesidades básicas tras unha certa idade. Isto sería posible mediante a compensación polas perdas por defaults dos bancos gregos e fondos de pensións, ao manterse a maior parte da débeda pública internamente. Isto, en cambio, abandonaría unha proporción máis pequena da débeda dos bancos estranxeiros, e fondos de pensións e seguros. A fiscalidade alta aos ricos e corporacións son así mesmo importantes neste punto.
Facer default sobre os pagos da débeda e abandonar o euro, como resultado, será esencial para pór final aos ataques da austeridade, impulsar as exportacións, levantarse da carga dos pagos da débeda, permitindo á economía recuperarse, creando empregos e desenvolverse orientando a demanda cara á produción interna que afronta as necesidades populares nun modo verde sustentable. Un impulso nas exportacións compensaría a presión inflacionista da devaluación.
Se se aplicase polo pobo grego este programa inspiraría a todos os que en toda Europa estamos a loitar contra o mesmo tipo de ataques da austeridade. Sería o comezo da construción dun tipo diferente de sociedade -unha determinada polo pobo para o pobo, que poría fin á cobiza dos banqueiros e os políticos.
Con todo, mentres a clase traballadora grega afronta outras eleccións, hai un serio problema que non pode ser evitado -o tema da unidade da esquerda grega. Antes das eleccións, Syriza foi a única organización que chamou a un goberno e a un programa unitarios contra a austeridade. Se hai novas eleccións tanto o KKE como Antarsya (aínda que o KKE máis estridentemente) xa afirmaron que non só presentarán aos seus propios candidatos senón que non darán apoio, ou non –apontoarán-, a un goberno liderado por Syriza se fose eleito! Isto, afirman, é porque o programa de Syriza é reformista, e non revolucionario. Pero un programa revolucionario máis extenso é algo que debe ser e será discutido e desenvolvido á vez que a loita avanza e non debe ser contraposto polos revolucionarios ás inmediatas necesidades da loita tal e como esta desenvólvese hoxe.
O sectarismo máis espantoso provén do KKE, que, nun estilo estalinista de terceiro período, declarou non só que Syriza é reformista senón que os reformistas son o principal inimigo! Antarsya rexeitou o chamamento a favor da convocatoria dunha acción de masas contra os recortes e declarou que non apontoarían a un goberno liderado por Syriza! Coa sección grega do SWP como a principal forza en Antarsya, este enfoque é reflectido polo SWP en Gran Bretaña. Un artigo de Alex Callinicos en Socialist Worker non ten nada que dicir sobre a situación gobernamental de Grecia, ou sobre a unidade da esquerda, pero acusa a Syriza de ambigüidade, de rexeitar romper co social-liberalismo, e de buscar conter a situación dentro do marco do capitalismo. Isto, afirma, subliña a necesidade de construír unha esquerda revolucionaria que é parte deste gran movemento que varre Europa pero que mantén a súa propia identidade política. Podemos estar de acordo coa última frase pero iso debe ser como parte activa da coalición Syriza e cun método de fronte única.
Esta é unha situación perigosa. Unha vitoria para a esquerda non está garantida, pero poderiamos ver un goberno anti-austeridade cun programa de acción radical anticapitalista ou negándoselle o goberno -e continuando a austeridade con todas as súas consecuencias- ou a oposición unha vez forme  goberno doutras seccións da esquerda! Nós, por tanto, facemos o chamamento máis forte posible a todas as seccións da esquerda grega a unirse tras Syriza nas próximas eleccións e a unirse tras un goberno anti-austeridade liderado por Syriza se é elixido. Por suposto o movemento debe ser vixiante, pero na situación concreta que existe en Grecia hoxe, construír unha organización anticapitalista ampla como Syriza -que pode unir á clase traballadora- é o que se necesita, e no que as correntes marxistas revolucionarias deberían estar implicadas.
Chamamos ao KKE e a Antarsya a romper co sectarismo e a formar parte dun movemento como este e dun posible goberno de esquerdas. Se Syriza aplica este programa, e haberá presións masivas para que non o faga, sería un verdadeiro Goberno Obreiro, levando á primeira batalla política superior en Europa contra a austeridade e a crise capitalista. A esquerda marxista debería facer todo o que estea nas súas mans para asegurar que isto suceda, non permanecer á marxe no illamento e a pureza sectaria.
Para concluír, as novas eleccións, nas que Syriza disputa con todas as posibilidades para converterse no maior partido, poderían levar a un goberno de coalición das forzas anti-rescate, anti-austeridade. A tarefa dos revolucionarios é apoiar completamente a formación dun goberno así, pero con vixilancia contra calquera negociación sobre o programa de acción de Syriza. Isto é particularmente importante se a reformista Esquerda Democrática posúe a chave do poder e segundo as sondaxes de opinión dous terzos dos votantes de Syriza na primeira volta estaban a favor dun compromiso político para formar un goberno. Con todo, é importante recoñecer que Tsipras non mostrou ningún signo de negociar politicamente sobre o programa de Syriza. Afirma unha e outra vez que o memorándum debe ser revogado.
Se ao final desta notable oportunidade a esquerda grega e o movemento obreiro fracasan polas divisións internas para formar un goberno cando a oportunidade estivese aí e a dereita toma o control como resultado, as organizacións que opten polo illamento sectario terán unha gran responsabilidade pola que responder, e non só en Grecia. De feito, a estratexia de construír partidos amplos (tanto partidos anticapitalistas como Syriza como formacións reformistas de esquerda radical noutras situacións) capaz de unir á esquerda e aos sindicatos radicais en todo o espectro político, dos socialistas revolucionarios a aqueles que non chegaron a ese tipo de conclusións, está designada para exactamente este tipo de situación -cando ningunha corrente ou tradición pode afrontar o reto por si soa.
É unha necesidade urxente para os movementos sociais de Europa mostrar a súa solidariedade activa e práctica co pobo grego e constituír unha plataforma común europea de resistencia á austeridade, que en Grecia debe incluír a cancelación da débeda. En Gran Bretaña, isto significa construír apoio á campaña de solidariedade con Grecia, lanzada por CoR[1] e The People´s Charter[2], e apoiada por SERTUC [3] e o sindicato de transportes TSSA. En toda Europa significa impulsar a proposta eminentemente sensible que parece que emanou do movemento dos indignados no Estado español, para un día de acción contra a austeridade o 16 de xuño, o día antes das eleccións gregas, cunha atención principal na solidariedade con Grecia.
Esta declaración foi aprobada nunha reunión do Comité Nacional de Socialist Resistance o sábado 26 de maio de 2012.
Notas:
[1]: Coalition of Resistance (Coalición de Resistencia): movemento social británico impulsado contra as medidas de recorte orzamentario do goberno conservador-liberal. Está presidido polo histórico dirixente laborista de esquerdas Tony Benn, e apoiado por dirixentes da esquerda laborista e sindical, e personalidades como Ken Loach.
[2]: The People´s Charter (A Carta do Pobo): campaña que toma o nome do movemento cartista británico do século XIX, e que está dirixida contra a aplicación das medidas neoliberais en Gran Bretaña. Está conformada polos sindicatos máis combativos do TUC (Trade Union Congress, a central sindical británica) como os de mineiros, bombeiros, alimentación, comunicacións, transportes, ferrocarrís, profesores, xornalistas, alimentación, etc.
[3]: Southern and Eastern TUC: federación rexional do TUC no sur e o leste de Inglaterra.  

Comunicado de IA – Andalucía sobre os recortes do goberno andaluz

[Publicamos a declaración dos nosos compañeiros de IA-Andalucia ante os recortes no sector público realizados nesa comunidade polo goberno PSOE-IU. Pensamos que no caso andaluz podemos atopar importantes leccións do que significa para a esquerda gobernar como forza subalterna neste contexto de crise cun partido socialiberal.]




O pasado martes 15 de maio o goberno da Junta de Andalucía aprobou en consello de goberno unha modificación do Plan Económico e Financeiro 2012-2014 na que se recollía un brutal ataque aos dereitos laborais dos e das traballadoras do sector público andaluz. As medidas, non só erosionan as condicións de traballo das e dos empregados públicos aumentando o horario semanal ou degradando as retribucións salariais nunha media dun 5%, senón que ademais cébanse cos sectores máis débiles, por un lado o persoal interino, que ve reducido o seu ingreso en case un 20% (agás no ensino), e polo outro, castigando a incapacidade temporal dos traballadores no seu dereito a seren protexidos nunha situación excepcional de vulnerabilidade como é a enfermidade, reducindo as retribucións percibidas durante esta situación. Parece incríbel que de novo se culpabilice aos salarios da crise, cando a moderación salarial, incluso o seu retroceso en termos reais, ven sendo a tónica na última década. Ás reducións de salarios hai que engadir os efectos da inflación para entendermos que, co recorte do antigo goberno de Rodríguez Zapatero anteriormente e co novo recorte do goberno PSOE-IU agora na Junta, os empregados públicos imos perder un 20% de media do noso poder adquisitivo en tres anos (35% no caso dos interinos que non son profesores). Unha agresión que a esquerda política anticapitalista e máis o sindicalismo combativo non poden tolerar de ningunha maneira.


O novo goberno andaluz ademais, nun alarde de cinismo dí que “non renovar” os contratos dos interinos, non é o mesmo que despedir. Na práctica destrúense miles de empregos do sector público nunha comunidade autónoma golpeada xa polo desemprego.

O goberno Griñán-Valderas está a aplicar de feito a reforma laboral no sector público andaluz: non aplicación de convenios, reducións salariais unilaterais e modificación das condicións laborais (un incremento de 2,5h de traballo non remuneradas), e faino co cinismo do argumento do “imperativo legal”.

O “rebélate” co que pediron os nosos votos converteuse agora no “resígnate” do xestor do sistema. Coa aprobación destes recortes e o anuncio da sumisión tamén no tocante ao aumento de taxas na universidade, certifícase o compromiso do goberno andaluz co paquete neoliberal e a abdicación de ámbolos partidos de goberno do papel de defensa dun modelo social solidario e redistributivo que a clase traballadora lles encomendara nas urnas.
Non nos valen as excusas. Ou se está coa clase traballadora opoñéndose frontalmente a esta imposición autoritaria de recortes, veña de onde veña, ou actúase de catalizador dos intereses de banqueiros e financeiros especuladores. Non cabe negociar con dereitos sociais ou prestacións de servizos públicos namentres se salva á banca.

Agora que desde abaixo empezamos a tecer a nosa propia marea verde no ensino; agora que empezamos a mobilizar a sectores da administración da Junta de Andalucía; e agora que tamén na Sanidade comezamos a subir o termómetro da mobilización, Izquierda Anticapitalista chama a:
  • A unidade e á mobilización de todos os sectores afectados, chamamos a que nas asembleas de traballadores e traballadoras discutamos como facer converxer todas as mobilizacións parciais, preparando unha folga de sector público desde abaixo.
  • E todo iso estendendo o conflito aos pais e nais do alumnado, aos usuarios da sanidade, á xuventude precaria afectada pola merma do emprego público e aos estudantes afectados pola súa expulsión económica da universidade que hoxe toman facultades e institutos nun exemplo de dignidade contra a suba das taxas.
  • A converxencia coas loitas do conxunto da clase traballadora (sector privado ou público) e cos movementos sociais como o 15M.