Comunicado de Esquerda Anticapitalista ante as manifestacións do 29 de abril e do 1 de maio

O GOBERNO VAI POR TODAS… NÓS TAMÉN!!

  • Cartaz do Partito Socialista
    Italiano para o 1º de maio
    en 1902
    RECORTES SEN FIN. En pouco máis de 100 días, o goberno do PP descargou unha auténtica batería de agresións contra a clase traballadora e a xente de abaixo: conxelación de salarios, pensións e salario mínimo; subida do IRPF; Reforma Laboral; durísimos recortes en sanidade e no ensino; suba brutal de taxas universitarias, etc. E isto é apenas o inicio. Na antesala, esperan unha nova suba do IVE, a “reforma” das prestacións por desemprego e unha lei de folga á medida da patronal. Namentres, Rajoy “cumpre” as súas promesas electorais: non sobe os impostos (ao capital e ás grandes fortunas), mantén as axudas (á banca, ás empresas e a Igrexa) e condona as débedas (aos que defraudan, coa amnistía fiscal). A patronal, pola súa parte, sen poder ocultar a súa satisfacción, apresurouse en aplicar a nova Reforma Laboral e incumprir sistematicamente as subas salariais pactadas nos convenios asinados antes da súa aprobación.


  • A POLITICA DO SHOCK… E DO PAO. O goberno, ainda que sabe de antemán que non logrará cumprir o obxetivo de déficit imposto por Bruxelas e de que esta política deprime a economía, destrúe emprego e instálanos na recesión, insiste reiteradamente nela, anunciando, un día si e outro tamén, novos recortes. Fronte ao amplo rexeitamento social, amparado na súa maioría electoral, permanece imperturbábel e aparentemente inmune á mobilización. Esta prepotencia estudada pretende desmoralizar á maioría social, disposta a se mobilizar contra desta política, enviando a mensaxe de que non hai máis alternativa que a RESIGNACIÓN. E para quen non se resigne, REPRESIÓN. En palabras de diversos responsábeis de Interior, o obxetivo da nova reforma do Código Penal é facer que a xente teña medo ao sistema.

  • O MEDO NUNCA CONQUISTOU DEREITOS. O 29M AMOSA O CAMIÑO. Pero como puxeron en evidencia a FX, as manifestación do 29 de Marzo, e máis a moi ampla oposición social aos recortes en numerosos sectores e Administracións Autonómicas, a pesar do difícil da actual situación, PODEMOS SUPERALA. Mais para que este potencial de resistencia social sexa quen de frear as agresións cómpre extender e ampliar o rexeitamento social ás políticas do goberno e convertilo en mobilización, opondo a lexitimidade da rúa á fraudulenta maioría absoluta do PP. É preciso manter a presión sobre o goberno con determinación, sen falsas ilusións e con claridade de obxetivos.Cómpre tecer un amplo acordo de unidade de acción entre todos os sindicatos que contribuíron ao éxito do 29M, capaz de pór en marcha un plan de mobilización, levado a cabo por sectores e sustentado no tempo, cuxo obxetivo sexa a derogación da Reforma Laboral e a fin dos recortes sociais. No inmediato, é urxente a convocatoria dunha xornada de loita estatal en todo a ensino e a unificación das movilizacións nas nacións e territorios do Estado cuxos gobernos están dispostos a aplicaren os recortes. Debe existir a vontade de incorporar e dar protagonismo nesta loita aos diferentes sectores sociais interesados en se incorporar a ela: estudantes, xente usuaria da sanidade, etc.

  • UN PRIMEIRO DE MAIO QUE HA SER O COMEZO. O presente 1º de maio debe ser o comezo de tal proceso. As diferentes convocatorias de mobilización que se foron sumando unha a unha para o mes de maio son a ocasión oportuna para sairmos á rúa con máis forza ca nunca: o 29 de abril contra os recortes en sanidade e educación; o 1º de Maio loitando polos nosos dereitos laborais; o 3 de Maio, durante o cumio do BCE en Barcelona, rexeitando as políticas antisociais da UE; o 12 e o 15 de Maio, volvendo a tomar as rúas, as prazas e o mundo, uníndonos ás movilizacións globais, que deben deixar ben claro que existen alternativas a esta crise, ás políticas neoliberais e, por suposto, ao capitalismo; a partir do 16 de Maio- e durante os seis días de Folga no Ensino convocados xa polas forzas sindicais -combatendo no País Valencià contra os recortes educativos e de servizos sociais do PP. Todas estas accións deberían tamén servir de preparación para unha nova FOLGA XERAL en todo o Estado, cuxa intensidade puidera ser cualitativamente superior á pasada do 29M. E sempre mantendo a perspectiva dunha convocatoria de paro xeral en toda Europa ou, polo menos, nos países máis afectados pola crise da débeda.

  • ALZARMOS A BANDEIRA DUNHA POLÍTICA ALTERNATIVA. As movilizacións han servir non só para pórmos en marcha un proceso de loita de longo alcance senón para alzarmos a bandeira dun programa de medidas alternativo ao neoliberal que inclúa puntos esenciais como a fin das políticas de recorte do gasto público para pasar ás de inversión e cara un modelo produtivo ecoloxicamente sustentábel; a nacionalización da banca; a reforma progresiva da fiscalidade; o non pagamento da débeda ilexítima; a recuperación do poder adquisitivo dos salarios, o mantemento de prestacións para a xente parada; e a recuperación e ampliación de todos os dereitos sociais, democráticos e políticos que están tentando arrebatarnos. Esta ha ser a nosa alternativa, QUE É PRECISO IMPOR.

ISTO SÓ É O COMEZO. ESTA LOITA SERÁ DURA E DIFÍCIL PERO IMOS GAÑALA!!


Advertisements

Os seus beneficios ou o noso futuro! Declaración da Área de Estudantes de Izquierda Anticapitalista

Declaración da Área de Estudantes de Izquierda Anticapitalista

A policía carga a cabalo contra os estudantes británicos
 que se manifestaban contra a suba das taxas en 2010.
(LEON NEAL/AFP/Getty Images)

((el
A pesares do perfil neoconservaodor e antisocial que o goberno do Partido Popular mantén, os anuncios de novos recortes e contrarreformas ao noso sistema público de educación non deixan de conmocionar a boa parte da sociedade civil. Primeiro foi o recorte de 3.000 millóns de euros -un 27% do total- da financiación pública adicada a educación. Aparecida na proposta de Orzamentos Xerais do Estado. Agora o Consello Xeral de Política Universitaria anuncia unha suba das taxas universitarias superior ao 50% sobre a base actual, que supón un incremento no prezo das matrículas de 540 euros, e a inminente supresión das titulacións que non teñan 50 matriculados no primeiro curso, entre outras medidas. O mesmo goberno que hai tres meses aprobaba -co apoio do PSOE- entregar á banca máis de 25.000 millóns de euros das arcas públicas, dinnos agora que non hai cartos para manter a sanidade e a educación públicas. É cada vez máis evidente que as alternativas neoliberais só benefician ao 1% da poboación que controla os medios de produción, de comunicación e as institucións públicas.


Estas medidas, lonxe de representar unha saída da crise, producen un incremento das diferencias sociais e unha sociedade con poucos ricos moi ricos, e moitos pobres máis pobres aínda. A redución da financiación pública ás universidades supón a mercantilización e a progresiva privatización dos servizos que estas ofrecen. A procura de fontes privadas de ingresos á que vense obrigadas as universidades tradúcese no sometemento das súas actividades docentes e investigadoras á vontade das empresas que invisten na universidade, e que xa fan valer os seus intereses, privados, a través dos Consellos Sociais universitarios.

Na actual situación social, cun paro xuvenil superior ao 50% e as perspectivas de futuro de varias xeracións cercenadas polas políticas neoliberais de ditadura dos mercados, o incremento do prezo da matrícula universitaria só favorece á elitización da universidade e a división social, entre aquelas persoas que poidan pagar os estudios superiores e as que non, aumentando a súa ve a precarización de amplas capas da sociedade e reducindo aínda máis as súas posibilidades laborais e expectativas vitais.

Nós, o 99%, as e os que estamos sufrindo a crise e pagando as consecuencias, temos que plantexar alternativas políticas. Defender unha educación orientada a construír un novo modelo social e económico, que priorice as necesidades das persoas e non dos mercados. No que a investigación non estea condicionada polos intereses de empresas privadas, senón polas necesidades comúns da sociedade. No que o acceso á educación estea garantido para o conxunto da poboación, como condición necesaria para construír unha sociedade democrática e participativa.

Sabemos que este cambio de modelo só pode levarse a cabo coa mobilización colectiva e a loita na rúa. As institucións políticas, dende o goberno central ata os reitorados das universidades, que en casos como o catalán levan tempo aplicando os recortes do goberno da Generalitat, son cómplices na aplicación do proxecto impulsado pola troika, e só a ruptura co actual sistema permitiranos construír un novo, lonxe de orzamentos de mercantilización da vida na que nos atopamos sometidos.

Para acadar isto, o movemento estudantil debe seguir adiante neste ciclo de mobilización contra os recortes. Na batalla contra o modelo de universidade que se intenta implantar a través do Plan Bolonia ou a Estratexia Universidade 2015, é fundamental constuír lazos de solidariedade co resto da comunidade universitaria, cuxos dereitos tamén se atopan en perigo, e cos movementos sociais que se enfrontan á privatización da sanidade, aos despidos, aos desaloxos ou aos ataques contra os dereitos das mulleres e as minorías sexuais. As medidas antisociais e a represión coa que o goberno do PP está implantando o seu programa de recortes non nos deterá na defensa dos dereitos gañados por anos de esforzo.

EUROPA, S.A. (ou S.L.)

[Artigo do noso compañeiro Manuel A. Fortes Torres para o dossier da Semana Galega da Filosofía]



1, ¿Que é Europa?

@carloslatuff

Europa é un proxecto económico das elites económicas europeas. Independentemente da retórica “cultural” e “política”, non responde máis que á construción dun ámbito de acumulación máis extenso; ou, noutras palabras, responde aos desexos da gran burguesía europea (fundamentalmente alemá e francesa) de dotarse dun “imperio” económico, dun amplo mercado. Trátase de construír un mercado interno europeo no que non existan trabas de ningún tipo, que funcione coa mínima intervención do Estado e cunha moeda única1. Isto é, o modelo actual da UE -establecido en Maastrich e apuntalado co Tratado de Lisboa, co Pacto de Estabilidade e Crecemento e co Pacto do Euro- promocionou e intitucionalizou a liberdade de movementos de capitais e mercadorías no marco dun mercado único e unha política monetaria ao servizo dos países centrais2. Trátase, pois, dunha entidade dominada polos mercados, cun contido político inacabado, sen democracia, carente de participación popular e falto de unidade política e económica.


En resumidas contas, as facilidades para o enriquecemento das burguesías centrais son o norte das disposicións de intervención, unificación e integración económica. As políticas de integración, mesmo económica, que non vaian nese exclusivo sentido son obviadas; e así, topamos cunha fiscalidade compartimentada por países e condicións sociais e laborais moi dispares, por exemplo3. Isto é, non se observou a heteroxeneidade dun numeroso e desigual grupo de países, non se estableceron contrapesos solidarios significativos, apenas se previron compensacións para aquelas rexións máis dependentes ou con menor produtividade, non se desenvolveron proxectos de converxencia reais nin investimentos compartidos, ademais de dotarse dun presuposto público irrisorio; en fin, que a dependencia estrutural, o oligopolio dos capitais e economías centroeuropeas, a diverxencia entre centro e periferia, semellan non ter límites no marco deste modelo de construción da UE; e a creación da moeda única converteuse nunha máquina de xerar desigualdades a escala continental, de modo que as fortes asimetrías en termos de produtividade e competitividade, ante a falta de mecanismos fiscais ou monetarios correctores, abocaron a fortes desequilibrios nas balanzas de pagos dos distintos países4. De modo que en lugar de coordinar as políticas económicas, a construción neoliberal favorece as dinámicas diverxentes no seo da economía europea, acentuando as discrepancias entre as dinámicas industriais (Alemaña) e as financeiras (Reino Unido), entre grupos económicos e financeiros alemáns, franceses e británicos, entre economías altamente desenvolvidas e as medianamente desenvolvidas do sur e o este de Europa, e acentúan as relacións de dominación centro-periferia dentro da propia UE. O euro engloba países con distintos niveis de desenvolvemento e produtividade. A moeda única, lonxe de actuar como un instrumento de coordinación económica da chamada “zoa euro”, serve para disciplinar as economías e os pobos ao servizo dos máis fortes.


Por aí, pois, non interesa avanzar na “unidade”. Máis ben ao contrario, precisamente esas diferenzas xogarían a favor da mellora das condicións de acumulación de capital; xogarían a favor da diminución de dereitos, económicos, sociais, legais: “competitividade á baixa”; a ver quen ofrece máis por menos (traballar máis cobrando menos, traballar máis tendo menos dereitos). A iso tamén se lle chama “dumping” social; e contra isto non se fai nada, precisamente ao revés, inténtase institucionalizar, regulamentalo: lembremos a directiva Bolkenstein, por exemplo; lembremos as facilidades para a “deslocalización” “interior e no interior” da Unión. Por aí non hai homoxeneidade. É obvio por que; é obvio a que intereses é iso funcional.

Finalmente, o desprezo polas institucións máis formalmente democráticas, a pesares das súas enormes carencias neste sentido, son evidentes, especialmente cando “hai que poñerse serios”; ou sexa, cando “hai problemas”. Nótese que nestes momentos de crise o parlamento europeo nin está nin se lle espera: está desaparecido; e non en combate, precisamente, pois non consta que combata o máis mínimo pola súa dignidade. E non o pode facer, dado que as forzas políticas dominantes no mesmo son funcionais aos intereses desas elites económicas dominantes.

O desprezo, en maior medida, polas intervencións democráticas dos cidadáns tamén son ben evidentes: lembremos os referendos da “constitución europea”; lembremos as diferenzas entre os cidadáns e os parlamentos nacionais: en Francia e Países Baixos os Parlamentos nacionais votarían si; os cidadáns votaron non. Lembremos como despois tratouse e, por suposto, conseguiuse furtar aos cidadáns dos países membros calquera decisión sobre o coñecido como “Tratado de Lisboa”: as decisións tomaríanas os parlamentos, non vaia ser que os cidadáns pensaran outra cousa. E así podemos lembrar moitas máis ocasións. En fin, lembremos que é recorrente “o pesar” polo déficit democrático europeo; e lembremos que nada se fai para solucionalo. Antes ben, ao contrario, canto máis lonxe estean os que toman as decisións dos cidadáns mellor. E, en todo caso, as decisións -económicas- “tómaas Europa”; e “normalmente” son “inevitábeis”, por moi dolorosas que resulten aos políticos que “non teñen máis remedio que tomalas”. Resumindo, o que nos transmiten os poderes políticos é a súa dependencia da economía: a dependencia da política verbo da economía; que as súas decisións están determinadas por factores económicos e que non hai outra opción que ceder ás esixencias desta. Ou sexa, o modelo de Europa é un modelo no que a política é funcional á economía, no que as decisións políticas son instrumentalizadas polos poderes económicos. E isto, tanto no modelo de construción como en todo o proceso subseguinte, sendo na situación actual, máis que nunca, se non é moito dicir, dunha evidencia incontestábel. De feito, mesmo xa se manexa un novo termo, e non só en Europa, para referirse a todas estas novas formas de regulamento e de xestión administrativa nun espazo no que o poder dos estados diminuíu en favor dos mercados: unha nova forma de determinar as decisións políticas: é a gobernanza5; e o que importa, en última instancia, é o mantemento da orde capitalista e non, precisamente, o fomento da participación democrática6

En efecto, ningún feito, nunha Europa sempre e conflito e cada vez máis mercantilizada, alimentaba o suposto de que tras a moeda única avanzábase na construción dunha Europa socialmente avanzada7. Por favor ¡, ninguén pode argumentar, honestamente, que non sabía ou que non percibiu, ou que, cos tratados de “constitución da U.E.” esta podía ser algo distinto do que é. Non é serio dicir que podería ser outra cousa, que podería ter sido “máis social”8.

2, O mito dos dous capitalismos

Até hai pouco era recorrente a referencia a dous capitalismos, o bávaro e o anglosaxón. O peor non son as mentiras, o peor é que hai quen as cre; e, polo tanto, as respostas á política para as que son funcionais nin se deseña: acéptanse os contos que nos contan.

Xa o proxecto europeo, desde os seus comezos, debería deixar en evidencia esa demagoxia dirixida aos “inxenuos ben pensantes” (pero culpábeis da súa inxenuidade). A burguesía vitoriosa e hexemónica é a mesma e os mesmos intereses de clase guían as súas decisións. De modo que as diferenzas son conxunturais e por mor do estado da loita de clases.

A burguesía europea continental tivo que facer fronte non só a unha “alternativa” continental “socialista” (“real”), senón tamén a unha clase obreira, que participou na segunda guerra mundial e que formou parte da resistencia contra o nazifascismo. Unha clase obreira que en varios países dispoñía de partidos que se presentaban como defensores dos seus intereses e que houbo que desarmar democraticamente. Unha clase obreira cunha capacidade de mobilización e cunha disposición para loitar polos seus intereses. Con independencia das súas vantaxes para dotar dunha capacidade de compra e, polo tanto, para construír un mercado interno, o chamado “estado do benestar” foi produto das forzas que o proletariado puxo en acción, da fortaleza dos partidos de esquerda, da expansión do sindicalismo, do xurdimento dos movementos sociais9. E se iso non existiu, ou foi moito máis cativo nos países anglosaxóns, entón hai que buscar a explicación ás “dúas burguesías” (no pasado, que xa non no presente) na súa historia, na súa historia da loita de clases, e contamos con boas historias ao respecto10.

En suma, o “modelo anglosaxón” é o modelo máis “puro” desde a perspectiva capitalista. E foi o modelo que a burguesía “europeísta” impuxo en todo o proceso de construción europea (se non o conseguiu impoñer no seu momento nos seus respectivos países: Europa estaba “máis lonxe”); e é o modelo que con máis evidencia se fai patente na actualidade; ou, máis ben, desde a ofensiva neoliberal. Non foi precisamente a burguesía “boa” quen lle fixo fronte, senón ao contrario, era o seu modelo; e o sentirse coa foza suficiente foi o que fixo que abandonase esa presunta “bondade” para facer patente a súa verdadeira faciana: a mesma que a “burguesía mala”. Ou sexa, en todo o proceso de “construción europea” non hai indicios dese “modelo burgués alternativo” de posguerra “continental”, senón todo o contrario, unha dirección por aquela que era máis funcional aos seus intereses, e que coa vitoria implacábel do neoliberalismo non había que ocultar, senón que manifestalo abertamente “como necesidade” (para os ben pensantes, que se cren todo o que hai que crer); como se houbese outra intención pola súa parte.

3, A “Constitución europea”
A mal chamada “Constitución europea” era a manifestación política deses designios económicos. A súa insufríbel lectura non ocultaba, para nada, o interese de constitucionalizar a nivel europeo unha política rotundamente neoliberal. Nada que ver co que se adoita entender por Constitución, que é unha normativa política. A “cara política” desta Constitución semellaba máis ben un “molesto apéndice” dos designios neoliberais que eran o seu centro.

Resulta divertido agora escoitar a algúns que, levados polo seu “europeísmo”, no seu momento apoiaron a tal presunta constitución coma un mal necesario do proceso de construción europea, laiarse agora da constitucionalización recente (en España) dunha política económica (sobre os límites do déficit público), que, no fondo e na forma, non supón senón un reflexo pálido do que se pretendeu a nivel europeo, só que agora se pretende a nivel dos estados.

E, finalmente, isto tamén evidencia cal é o modelo de democracia e o que entenden por democracia desde as elites económicas e desde os seus esbirros políticos e mediáticos: unha normativa política, é dicir, unha política, funcional aos intereses económicos das tales elites.

4, O mito da democracia e o capitalismo

As vuvuzelas mediáticas ao servizo dos que sabemos non teñen parado de establecer o paralelismo democracia – capitalismo. É recorrente o establecemento, pola súa parte, da relación de necesidade entre ese sistema económico e ese modo de organización política. Non só se pretende que o divorcio é imposíbel, nin que non hai parella mellor, senón, aínda máis, que é imposíbel calquera outro casamento.

Non fai falta facer un repaso histórico, empírico, concreto, de cada caso dos divorcios “realmente existentes”; abonda coa remisión á constatación histórica xeral de como sempre que a política non foi funcional ao capital, sempre que os cidadáns intentaron establecer regras de xogo que distorsionasen o sacrosanto dereito á explotación, ben de burguesías locais, ben de burguesías alleas, imperialistas (ou das dúas), entón “manda quen manda” e “pasa o que pasa”11. É dicir, como en todo matrimonio, cando dous non se entenden, pois non se entenden. Todas as historias de intervencións usamericanas no século XX en hispanoamérica e no mundo enteiro, así como os golpes de estado cada vez que o pobo non facía o que o capital consideraba que tiña que facer, están aí. Só hai que ler a historia. E xa hai bibliografía clara ao respecto, que non se deixa enganar pola demagoxia das voces do seu amo; ou sexa, de quen son os amos dos medios de comunicación, que, evidentemente, comunican o que os seus amos están dispostos que comuniquen, que para iso pagan; e xa sabemos o que custan os medios, e, polo tanto, quen pode pagalos e quen os paga.

Trátase, máis ben, entendemos, de comprender se as lóxicas que dominan o capitalismo e a democracia permiten un casamento feliz, só un rollito ocasional, ou unha imposibilidade de paixón, probabelmente polo de sempre: unha cuestión de carácter.
E como sempre, os clásicos veñen axiña na nosa axuda para clarificarnos as ideas. Ninguén máis radical, contundente e nítido que o mestre por excelencia, o vello Platón. El opoñíanos claramente dúas lóxicas, a da rectitude e a da desviación. A rectitude está na dirección da vida pola política, pola razón, de aí o posíbel obxectivo do ben común12. Ben común como seres racionais, claro está. Ben común entendido como o ben que poden ansiar seres racionais. Non confundir con ben común como comunidade de intereses. Non. Se quen manda é o interese, entón non falamos de racionalidade; e, polo mesmo, non falamos con propiedade de política. A democracia, pero falando en serio, claro, quere dicir que sexa o pobo, isto é, a razón, quen dirixa, o que será algo ben distinto de que dirixan os intereses. Os intereses sempre son de parte. Algo así se nos dirá séculos máis tarde, por outro gran mestre, cando tamén se contrapoñía universalidade a interese. Estase dicindo o mesmo, o dominio da universalidade é o dominio da racionalidade, é dicir, o dominio da política; e só cando de tal estamos a falar, só entón, podemos falar de ben común, universal.

Outra lóxica ben distinta, contraditoria respecto da anterior, é a que se basea no interese, que, por definición, sempre será particular e subxectivo, xamais universal nin obxectivo: xamais racional. O modelo “pseudopolítico” máis patente de dominio do interese, de imposición dos intereses sobre a vida en común, será a denominada polo mestre grego de que falamos, a oligarquía. Na oligarquía é a economía quen dirixe a vida. A razón é só un instrumento; é dicir, a política, os políticos, non virán sendo senón, coma outro mestre decimonónico xa nos dixo, o consello de administración do capital13, que é, este, o accionariado. E, por tanto, ese consello de administración terá que render contas da súa actuación diante dos propietarios. En suma, cousificación, mercantilización de todo o real, que só é real en canto ten substancia; e xa este último mestre decimonónico deixounos claro que é o substancial na sociedade na que vivimos, ou sexa, que “é” na sociedade na que vivimos, que “é” na sociedade na que rexe o modo de produción capitalista, que “é” nun mundo no que a lóxica do capital, do interese, da economía, é a lóxica dominante14. E, naturalmente, se o “ser humano” “é” algo, tamén o será no mesmo sentido, ou sexa, como mercadoría15, que é ao que se fai referencia con expresións da “economía” como “capital humano” ou “mercado de traballo”, poñamos por caso. En fin, que estamos, por tanto, a referirnos ao “dominio” da economía, á dirección da vida mesma pola economía.
E, polo mesmo, tamén este mestre decimonónico reinterpretou a universalidade do outro alemán do dezaoito do que falabamos antes; e reinterpretouno en termos de clase, pois tratábase de determinar os suxeitos realmente existentes e as relacións do mesmo co dominio e a explotación, ou, noutras palabras, por analizar que lóxica era a dominante das dúas que nos propoñía o grego: a universalidade, a razón, materializábase na clase, universal, que a representaba, aquela que tiña por interese, obxectivamente, racionalmente, a fin dos intereses: a materialización da universalidade. En palabras, de novo, do alemán anterior: o home fin en si mesmo e non medio, non instrumento. Ou, en palabras doutro alemán posterior, “a morte de Deus”, a fin do totalitarismo (isto é, do monoteísmo do mercado, como o único con capacidade de “valorizar como algo”, como o que “é”) ; e así, a chegada da gran política, a transvaloración de todos os valores, a posibilidade dunha nova humanidade.

Seguro que aínda teremos que aturar a algún dos “ben pensantes” que nos dirá, non só que a historia nos ten mostrado matrimonios felices capital – democracia, senón, máis aínda, que os momentos en que se tiraron os trastes á cabeza, que a fin de contas pasa até nas mellores familias, foron seguidos por reconciliacións exemplares. En fin, venos dicir, só a liberdade, que asegura a democracia, permite ao capital o seu desenvolvemento e só hai democracia se o capital é libre.
Pero, para responder a este último, tamén podemos recorrer a outro gran mestre, ao clásico por excelencia da ciencia política, inxustamente convertido ou seu apelido nun adxectivo pexorativo. E non é, obviamente, inocente nin casual esta utilización infamante a que nos referimos; pola contra, é ben significativo respecto das “virtudes” do seu pensar comprobar a procedencia histórica de tal manipulación, a que caste de “intelectuais orgánicos” se lle debe. Isto é, non deixa de ser curioso e clarificador quen se fixo amigo e quen inimigo, ao longo da historia, desta “controvertida” personaxe.
Efectivamente, Niccolò Machiavelli déixanos as cousas claras: hai dous modos de exercer o poder polo capital, pola burguesía, que responden a dúas conxunturas políticas, de crise ou de “normalidade”. Pero son dous modelos, “a ditadura” e “a democracia”, de “ditadura do capital”, non nos deixemos enganar. Son dous modelos, un baseado na participación de todos os sectores da clase, en función da correlación de forzas, posíbel cando todo funciona ben, é dicir, cando a súa hexemonía é patente; e o outro cando esta está en crise. O outro é a ditadura pura e dura: ou o estado de excepción, que é unha forma “máis fina” e “moderna” de dicilo. Pero nos dous casos, nolo deixa ben claro o florentino, trátase da utilización da política funcional aos intereses da burguesía. Non son dous sistemas políticos contraditorios, senón, que, ao contrario, son complementarios16.

En fin, dito doutro modo, ningún deses dous sistemas políticos é a democracia. En ningún deses dous hai “ben común” coma obxectivo; o que hai, sempre, nos dous, é “interese de clase”, da clase burguesa. Iso si, como moi ben nos di o mesmo mestre da política, trátase tamén do dominio da opinión pública, de aparentar. É dicir, de “dominio cultural”. Noutras palabras, nas do alemán decimonónico, de alienación, de ideoloxía. Pero chamémoslle democracia, que sona bonito. Porque é necesario saber disfrazar ben a natureza (real das cousas), ser un gran simulador e disimulador: os homes son tan crédulos e están tan sometidos ás necesidades presentes, que o que engana atopará sempre quen se deixe enganar17.

5, Europa, a economía e a loita de clases

Entendemos que está ben claro que ten que ver todo isto con Europa; pois recentemente o descaro semellaría abraiante se non fose polo cotián con que se fai e se di. Os “casos” de Italia ou Grecia son “exemplares”: manténdose “formalmente democráticas” instalan uns gobernos alleos á competencia partidaria; é dicir, sen que se presentasen nuns procesos electorais como candidatos á xefatura do goberno; é dicir, “impostos” polos “mercados”; é dicir, impostos polo capital (por “Europa” dise); ou sexa, pola Europa do capital (que non hai outra).

Se temos en conta que o “dominio da economía”, é dicir, o propio funcionamento da lei económica sitúa a alguén na posición de dominio18; ou, dito doutro xeito, que falar de dominio da economía sobre a política é o mesmo que dicir dominio da política por un axente determinado, aquel cuxo poder consiste no poder mesmo da economía; en fin, que é o mesmo falar de poder da economía que falar de poder de clase, que falar de poder da burguesía.

Ao establecer que o poder da burguesía identificase co poder da economía estamos tamén a sinalar que dito poder é un poder de tipo espontáneo, isto é, que non precisa ser consciente. A burguesía non ten, pois, que ser consciente de que está a exercer un dominio, simplemente asume iso como “o natural” (con independencia da conciencia que teñan os seus ideólogos do que se está a facer); e, de feito, os seus voceiros non paran de dicirnos que fan “o que hai que facer” (“o que deus manda”, segundo o líder máis carismático do mundo mundial -e nunca mellor dito-).

O proxecto Europa, segundo estamos a sinalar, é, pois, o proxecto de poder da economía, é dicir, o proxecto de poder burgués para o continente. Este proxecto de poder resulta contraditorio, segunda tamén sinalamos, coa democracia, isto é, cunha organización social en que a política, vale dicir, a decisión consciente dos cidadáns, dirixa a vida social e, polo tanto, non acepte ningunha espontaneidade económica, senón que, conscientemente, tome as decisións que considere oportunas a prol da dirección da economía como un aspecto, o da produción e reparto de bens, do conxunto que constitúe a dita organización social.

En fin, que encontrámonos fronte a fronte con dous proxectos, un o actualmente imperante, o que dirixe o proceso de construción (ou do que sexa) europeo actualmente; e outro, no que a conciencia debe ser quen se impoña sobre a economía e a utilice para os fins que racionalmente decida. E hai unha palabra para designar ese conflito, unha palabra xa acuñada por alguén ao que nos temos referido con anterioridade: chámase loita de clases.

Efectivamente, fronte ao dominio da espontaneidade, que é o mesmo que o dominio da economía, da orde económica, da lei económica, opoñeríase un poder consciente, un poder racional; e a ese poder consciente, a ese modelo contraditorio co anterior, o mesmo autor designouno con outro apelativo: ditadura revolucionaria do proletariado19. En efecto, a liberdade só pode consistir en que o home socializado, os produtores asociados, regulen racionalmente este metabolismo coa natureza, póñana baixo seu control común, en vez de estar dominados por el como un poder cego20. E ese poder cego, abstracto, impersoal, que opera, pois, sen que teña que ser coñecido é o que impera na sociedade moderna, na sociedade capitalista21; é dicir, na sociedade en que a economía rexe a vida social. O proletariado sería, por tanto, o home socializado, os produtores asociados; e a ditaduraconsistiría nese regulamento racional, nese poñer baixo o seu control; ou sexa, baixo o control da política; ou sexa, baixo o control da razón.

Denominar, polo anterior, ditadura ao dominio de clase burgués non sería unha formulación precisa, dito con rigorosidade, pois non hai necesidade de controlar nin dirixir nada (e menos “racionalmente”, a menos que só falemos dunha racionalidade instrumental, dunha razón como medio e non como fin); máis ben o control consiste nese funcionamento cego desa lei económica cega: no dominio cego da economía, da burguesía; se ben, nunha linguaxe coloquial expresaría con claridade a situación dada; por exemplo, a situación de Europa. E esa ditadura, no sentido coloquial, resultaría contraditoria, por todo o dito, coa democracia, dito isto en sentido rigoroso. E dito doutro modo: o proxecto de clase burgués é contraditorio coa forma política democrática, por máis que ideoloxicamente (de modo enganoso, falso) se pretenda o contrario: rigorosamente é insubstentábel. Pola contra, a ditadura do proletariado, agora si ditadura en sentido rigoroso, para nada se opón á democracia, tamén en sentido rigoroso. Precisamente porque esta ditadura non menta outra cousa que o carácter de poder conscientemente exercido; non, pois, unha forma política concreta. Antes ben, o exercicio do tal poder só poderá ser, se é tal, baixo a forma democrática, só baixo a república democrática22. En suma, que como o que se menta con tal concepto non é senón a intervención directa das organizacións de masas na xestión do poder, non pode existir máis que baixo a forma dunha amplísima democracia de masas: só se pode exercer esa ditaduraa través de formas políticas que garantan a máis ampla liberdade de acción das organizacións de masas23. Isto é, estamos a falar dunha dominación, dunha soberanía social, algo que se asemella máis ben ao que Gramsci denominará como hexemonía, case como unha descrición social, unha afirmación sobre o carácter de clase do poder político, non unha declaración sobre as formas da máquina de goberno24; estamos a falar, pois, das condicións -das condicións de clase– que fan posíbel a realización da democracia, da democracia radical, pois xa temos sinalado a imposibilidade da tal, o seu carácter contraditorio, co poder de clase burgués.
En fin, que os dous proxectos que se enfrontan son dous proxectos de clase: o actual proxecto dominante e dirixente, o dominio da economía, o dominio burgués, a ditadura da burguesía, dito coloquialmente, nada que ver con calquera opción democrática; e enfronte, coma proxecto alternativo, pero non só para Europa, estaría a ditadura do proletariado, agora si dito rigorosamente, cuxa realización política só pode ser a república democrática. Fóra de aí, calquera pretendida alternativa, como “a Europa dos cidadáns”, “a Europa dos pobos”, “a Europa das nacións”, ou calquera formulación semellante non deixa de ser unha formulación ideolóxica, tamén dito rigorosamente, ou sexa, que oculta, ou pretende ocultar, o verdadeiro conflito subxacente, entre o capital e o traballo: a loita de clases: este é o “problema europeo”25(e non só europeo, claro está).



1Jesús Albarracín: La crisis de la economía de mercado, Maia ediciones, p. 181.
2Comisión de Economía de Izquierda Anticapitalista: “Desobedecer y Caminar: Hacia un modelo de desarrollo supranacional solidario”, Viento Sur, nº119, p. 57.
3Pedro Montes: “El euro, clave de la crisis”, Viento Sur nº119, p. 47.
4Comisión de economía de Izquierda Anticapitalista: “Desobedecer y caminar ….”, p. 57-58.
5José A. Estévez Araújo: “Que no te den gobernanza por democracia”, Mientras Tanto nº 108-109, p. 41.
6José A. Estévez Araújo: “Que no te den …..”, p. 49.
7Pedro Montes: “El euro …”, p. 52.
8Francisco Louça: “La izquierda contra la dictadura de la deuda”, www.sinpermiso.info, 17.10.11, p. 7.
9Vicenç Navarro, Juan Torres López, Alberto Garzón Espinosa: Hay alternativas, ed. Sequitur, p. 31.
10Por exemplo, Howard Zinn: La otra historia de los Estados Unidos, Hiru, 2005
11Véxase, especialmente da páxina 42 á 63, Carlos Fernández Liria – Luis Alegre Zahonero: Comprender Venezuela. Pensar la democracia. El colapso moral de los intelectuales occidentales. Hiru, 2006.
12Manuel A. Fortes Torres: “Aparencia e -é- mentira”, Aula Castelao de Filosofía, Comunicación XXVIII semana.
13Karl Marx-Friedrich Engels: O manifesto comunista, edicións Xerais, p. 42.
14Felipe Martínez Marzoa: La filosofía de El Capital, ed. Taurus, p.33 e ss.
15Manuel A. Fortes Torres: “Economía e filosofía na construción do home moderno”, Aula Castelao de filosofía, Comunicación XXVII semana.
16Manuel A. Fortes Torres: Maquiavelo, Bahía edicións, p. 51 e ss.
17Niccolò Machiavelli: O Príncipe, La Voz de Galicia, p. 98.
18Felipe Martínez Marzoa: La filosofía de El Capital, ed. Taurus, p. 162 e ss.
19Karl Marx: Crítica del programa de Gotha, Ricardo Aguilera, p. 38.
20Karl Marx: El Capital, Libro III – Tomo III, ediciones Akal, pp. 272-273.
21Felipe Martínez Marzoa: La filosofía de ‘El Capital’, ed. Taurus, p. 60.
22Felipe Martínez Marzoa: La filosofía de El Capital, ed. Taurus, p. 163-164.
23Gabriel Albiac: “En memoria de la dictadura del proletariado”, Revista Mensual/Monthly Review, diciembre 77-enero 78, p. 29.
24Hal Draper: “Marx y la dictadura del proletariado”, Revista Mensual/Monthly Review, diciembre 77-enero 78, p. 17
25Francisco Louça: “La izquierda contra ….”, p. 4.

Arde o Parque Natural das Fragas do Eume. Os recortes tamén queiman os nosos montes.

O paraíso deixou de existir. O bosque atlántico máis importante da nosa terra convertiuse en folerpas de cinsa que caen sobre Ferrol e A Coruña. As fragas do Eume, un ecosistema único creado durante séculos pola pacente man da Natureza, despareceron para sempre, vítimas do lume da cobiza e a incompetencia. O desastre é equivalente á maré negra do Prestige. É coma se as illas Cíes foran tragadas polo mar para sempre. Coma se a catedral de Santiago fora derrubada para especular co solo. Unha vez máis(Urquiola, Mar Egeo, Prestige, vaga de lumes de 2006), mexan por nós e dicimos que chove.

Máis alá das bágoas, da rabia e da indignación, cómpre pararse a pensar sobre as causas da catástrofe e sinalar os culpables. A man do home está claramente detrás deste incendio. A existencia de 4 focos distintos demostra que se trata dun lume provocado. O foco máis importante está casualmente nas inmediacións da proxectada mina de andalucita. Un proxecto criminal, arropado por escuros intereses especulativos( unha compañía de capital británico-surafricano), bendecido polo informe favorable da Consellería de Medio Ambente en 2010, que supuña un grave impacto sobre o parque natural e os seus acuíferosPrevése una explotación a ceo aberto de 250.00 m2 a  50 metros do linde do parque natural, eliminando una fraga autóctona e as fontes dun afluente do Eume. O capitalismo voraz é incompatible coa preservación dos recursos naturais, e non  repara en medios para conseguir os seus fins depredadores. 


Pero, unha vez iniciado o incendio, a actuación da Xunta do PP foi catastrófica, lembrando os peores momentos da xestión do desastre do Prestige.  Primeiro, o silencio informativo. 14 horas despois de iniciado o incendio, non había ningún comunicado oficial. Os informativos da TVG e Radio Galega silenciaron tamén o alcance do lumeMentres as lapas cercaban o mosteiro de Caaveiro, o presidente Feijoó estaba desaparecido. Que diferenza coa rapidez coa que apareceu na vaga de lumes de 2006 para, heroicamente armado cunha mangueira, apagar el  un pavoroso incendio  que  restaban rescoldos. 

A carencia de medios foi patente dende o principio. Os recortes nas brigadas antiincendios e nos medios de prevención levados a cabo por Feijóo dende á súa chegada á Xunta xa foran denunciados fai 4 días por compañeiros do brigadista morto esta semana nun incendio en Ourense: ““El personal está sobresaturado y cansado, está trabajando muchas más horas, porque hay menos brigadas que en verano”. Á escaseza de medios humanos(non se cubren xubilacións) únese á de medios materiais(motobombas fóra de uso por non pasar a ITV). Os recortes dos que tanto presume Feijóo non só están a deixar abandonados á súa sorte ós menos favorecidos( non renovación da tarxeta sanitaria aos parados), senón que están a propiciar unha grave catástrofe mediomabiental. No que vai de ano, xa arderon máis hectáreas que en todo 2008. 400 lumes en 4 días demostran que o desmantelamento dos programas de prevención de incendios en setembro foi prematuro. Non estrana deste xeito, que a Xunta tivera que recurrir á Unidade Militar de Emerxencia, con sede en León! Para máis inri, chegaron á noite ao Eume sen nengunha instrucción de intervención, polo que peramenceron inactivos toda a noite, perdendo unhas horas preciosas. Foi a crónica dunha catástrofe anunciada 

Mais a indignación contra a Xunta esténdese con maís rapidez que as lapas. Este luns centos de persoas sairan á rúa en diversas concentracións nas cidades galegas para denunciar a falta dunha política de prevención e un modelo de xestión do monte que favorece ás grandes madeireiras. Ante esta traxedia, provocada polo capitalismo depredador e agudizada pola irresponsabilidade dos recortes en prevención e extinción, a sociedade galega volverá a erguer o berro de NUNCA MÁIS. 

Crónica da Folga Xeral en Vigo

A xornada do 29 de marzo supuxo en Galiza en xeral e, en Vigo a súa comarca en particular, un importante salto adiante na loita contra a ofensiva antisocial do goberno do PP. Na sede da CIG, contra as 11 da noite comezou a planificación da acción dos piquetes. Nunha decisión acertada, CCOO, UGT e CIG decidiron repartirse a cidade por zonas: o centro, para os piquetes de UGT, Traviesas e Balaídos para CCOO e O Calvario e Travesía para a CIG. Ó darse ás 12 da noite comezou o paseo dos 300 piquetes convocados pola CIG, constatando coa excepción dalgún establecemento de hostelería, o peche xeralizado dos negocios. O porto paralizou completamente a súa actividade, non abriu a lonxa e non houbo descargas.
Ás 4 da madrugada había unha cita importante, a entrada do turno de noite da factoría PSA Citröen, que a empresa decidira adiantar. O forte dispositivo policial, con máis de 100 efectivos que formaron unha barreira humana, protexeu o acceso dos poucos esquirois que se achegaron ao traballo. O número de operarios foi tan reducido que a cadea de montaxe da primeira fábrica de Galiza tivo que parar, adicándose este traballadores a tarefas de mantemento. A industria quedou totalmente paralizada, tanto na cidade coma nos principais polígonos industriais da comarca. Os catro asteleiros que manteñen actividade tamén pararon completamente, así coma a construcción. Ás 9 da mañá partiu unha manifestación unitaria de automoción que foi pechando os centros comerciais que tentaron abrir.
A partires das 11 deu comezo a primeira das 3 manifestacións convocadas por separado e en horas distintas: a de CUT e CGT por unha banda, a de UGT e CCOO pola outra e a de CIG pechando a xornada. Este é un dos borróns da folga, a incapacidade das direccións sindicais para confluir nunha mesma hora e nun mesmo percorrido. Unha falla de unidade que impediu visibilizar ainda máis a resposta masiva contra a reforma laboral nunha soa manifestación con centos de milleiros de traballadores e traballadoras nas rúas. Foi unha mágoa que, a pesares das conversas que propoiciaron asembleas conxuntas nos centros de traballo, non se trasladara esta unidade ás rúas. Aínda así, as cifras foron brutais,: entre 100.000 e 85.000 na de CCOO e UGT, 80.000 na de CIG e 15.000 na de CUT e CGT. Foi sen dúbida, a maior manifestación obreira na historia de Galiza. Antes do seu inicio, veíase confluir milleiros de persoas dirixíndose dende tódolos puntos ata o incio dos percorridos. Era imposible atopar aparcamento.
Os militantes e simpatizantes de Esquerda Anticapitalista Galega participamos na manifestación da CIG cunha pancarta: “Pasemos á ofensiva. Cambiemos o mundo de base.” Ao pouco de comenzar a camiñar a cabeceira xa chegara ao punto de remate, o que dá idea da dimensión da mobilización. Moreas e moreas de persoas desperdigáronse pola cidade ao remate das amnifestacións.
Pero á folga non rematara. Pola tarde, un piquete unitario encargaríase de recordar aos despistados que a folga xeral duraba 24 horas. A boa noticia é que o piquete estaba conformado por CCOO, UGT e CIG. Esta recuperación da unidade de acción redundou nun ambente cheo de entusiasmo e combatividade que derivou nunha manifestación de máis dun milleiro que tomou á tardiña as rúas do centro de Vigo. Pechamos algunas tendas de Príncipe, El Corte Inglés, que abrira pola tarde, e o Centro Comercial A Laxe.
Concluía así unha xornada histórica, que pon enriba da mesa a necesidade da unidade de acción para loitar contra as agresións do goberno do PP. Moitos pensamos que isto é só o comezo, a mobilización só acaba de arrancar e agora cómpre darlle continuidade e forza ascendente a este pulo inicial.