Trala consulta de Podemos, construír Marea

Unha vez coñecidos os resultados da consulta telemática de Podemos, cunha ampla maioría de máis de tres cuartos a favor de confluír con outras forzas, despéxase un pouco máis o panorama de cara a construír unha ferramenta ampla que despute a Xunta ao PP o 25s. As inscritas de Podemos amosaron unha altura de miras e unha xenerosidade das que debe tomar boa nota a dirección galega.

Dende Anticapitalistas Galiza sempre apostamos pola confluencia e levamos tempo traballando nesa perspectiva, por iso, pensamos que un partido instrumental é a fórmula que, dende a adscripción individual, permite múltiplicar a suma das partes e consecuentemente, a máis coherente co mandato das bases de Podemos Galicia.Trala experiencia de En Marea, positiva en canto a resultados pero que xa amosou os límites que ten o modelo coalición, representaría un paso atrás apostar de novo por esta fórmula, por un reparto de cotas entre cúpulas, por unha negociación entre aparatos ao marxe da xente do común. A Marea Constituínte do pasado sábado en Vigo supuxo un paso adiante á hora de democratizar e ampliar En Marea. O partido instrumental nacido dela permite a confluencia de todas aquelas que cremos nunha ruptura democrática na Nosa Terra, por enriba de siglas e identidades. Xenerouse un espazo común que pon por diante o obxetivo de unir vontades coa fin de frear as políticas austeritarias e pode convertirse nun instrumento para construír o poder das maiorías sociais. Poñer límites ao caudal maioritario de enerxías a prol da unidade antepoñendo patriotismos de partido sería facernos retroceder a escenarios de división e fragmentación dos que só se benefician as de arriba. Os intereses das maiorías sociais agredidas está por enriba dos intereses de partido. Á converxencia real entre iguais vai máis alá de guións, porcentaxes e parénteses.
Entendendo o acelerado dos tempos pensamos que cómpre tomar medidas no sentido de ampliar a pluralidade e representatividade da Coordinadora Provisional ratificada o sábado, que pode percibirse como un reparto de parcelas entre axentes políticos. Así mesmo, hai que ponerse a traballar urxentemente na elaboración colectiva e dende abaixo dun programa de creba democrática que encha de contido a metodoloxía e os principios aprobados. Só dende o impulso da participacion, do vencellamento co tecido social, da xeración de experiencias democratizadoras dende a base, coa creación de asembleas comarcais e locais poderanse superar inercias burocráticas e espantar o espellismo do electoral como único horizonte. Porque podemos comezar a mudalo todo e ese camiño temos que percorrelo xuntas e organizadas, hai Marea!

Anticapitalistas Galiza ante a consulta telemática de Podemos Galicia

Ante a consulta telemática convocada por Podemos Galicia de cara a decidir como vai concorrer ás vindeiras eleccións autonómicas, dende Anticapitalistas Galiza queremos manifestar o noso apoio á opción A, presentarse en alianza con outras forzas políticas e sociais do cambio.
Pensamos que ante a prioridade de desaloxar ao PP da Xunta, dende a que está a agredir coas súas políticas ás clases populares do país, cómpre sumar e non restar. Nas dúas últimas eleccións xerais púxose de manifesto que a unión fai a forza e que En Marea emerxía como alternativa clara fronte ao bipartidismo. Podemos participou neses procesos, polo que non sería entendibel que agora permanecera ao marxe. Por outra banda, a partir do manifesto dos alcaldes xerouse un espazo de confluencia que, concretado na Marea Constituínte do 30X, pon as bases para unha construción dende abaixo que, aínda con limitacións, amplía e pretende mellorar o modelo de En Marea. Seguir lendo

Pola Galiza das de abaixo: construír poder popular

25.jpg

Cada 25 de xullo lembramos o carácter nacional de Galiza, reconstruímos un sentimento de comunidade, uns lazos que nos vencellan a unha identidade compartida. Mais o 25 de xullo non é unha data para ollar cara o pasado con nostalxia idealizada, senón para reivindicar os nosos dereitos como galegas e galegos, para lembrar que a nosa identidade se construíu no conflito entre intereses antagónicos, dende a Folga das traballadoras da Tabacaleira da Coruña en 1831 até ás manifestacións de Nunca Máis, pasando polos mártires asasinados polo fascismo en 1936.

Cando se cumplen 80 anos do inicio da bárbara represión franquista que asolagou nunha longa noite de pedra á Nosa Terra, temos o deber de rememorar ás víctimas, ás que loitaron pola Galiza das clases populares, mais tamén a todas aquelas que mantiveron acesa a chama da Galiza rebelde, que alumeou a revolta de Castrelo de Miño no 1964, as protestas antinucleares en Xove, a loita pola Terra en As Encrobas. Porque a Galiza loitadora das de abaixo foi e segue sendo aldraxada, expoliada de recursos materiais e humanos. Arrebátannos a nosa natureza e paisaxe, despóxannos da nosa língua, condénannos á emigración. E son os de sempre, os féridos e duros, os vellos caciques e os novos explotadores. Malvenden autoestradas, desmantelan o noso tecido productivo, explotan e expolian, eucaliptizan os nosos montes e, sobre todo, negan o dereito a que decidamos o noso futuro.

Ser os donos das nosas vidas significa democratizar a economía, recuperar os nosos dereitos, poder decidir sobre os nosos corpos, elexir cal ten que ser o noso vencellamento cos outros pobos do Estado Español. Dereito a decidir, para decidilo todo. Por desgraza, o debate sobre a plurinacionalidade, sobre os nosos dereitos colectivos, sobre o exercicio práctico da nosa soberanía, esmoreceu nos discursos electorais na campaña do 26X. O dereito de autodeterminación non pode sacrificarse tacticamente en beneficio dunha moderación supostamente gañadora. Trátase dunha cuestión de principios, mais tamén de abrir camiños cara unha creba democrática no conxunto do Estado, na que Galiza debe contar con voz propia.
Este outono albíscase no horizonte unha nova cita electoral, coa posibilidade factíbel de desaloxar ao PP do goberno da Xunta. Existe unha ferramenta electoral que pode representar os intereses das clases populares nas institucións. Pero para iso, precísase que En Marea sexa máis que unha marca electoral, máis que unha coalición de partidos con intereses contrapostos. Chegou á hora de construír un partido-movemento amplo para as clases populares do país, que teza máis alá do electoral, que bote raíces no territorio, no social, no espazo do conflito. Para iso, fai falta xenerosidade e altura de miras, antepoñer o común sobre os intereses de parte, trasladar o caudal de enerxía das Mareas locais a unha Marea nacional reconstituída nun sentido democrático, que aposte por un programa de ruptura, cunha auditoría da Débeda, unha banca pública galega, unha recuperación dos bens comúns, a loita contra a precariedade, un novo modelo productivo coa igualdade como meta. Comezar a mudalo todo pasa por recoñecer ao pobo galego como suxeito político, como actor do seu destiño.

Nun día coma hoxe, non reivindicamos a Nación de Amancio Ortega ou Jacinto Rey. Nós cremos na Galiza das traballadoras, das precarias, das paradas, das migrantes, das coidadoras, das boas e xenerosas, que constrúen Galiza na loita do día a día. Temos que estar á súa altura, lembrar o pasado, ás que quixeron construír un mundo novo fai 80 años, para conquistar o futuro. As desposuídas queremos telo todo.

Viva Galiza Ceibe, Socialista e Feminista.

Ante as detencións de Cangas: respostemos xuntas!

Ante os feitos acontecidos onte en Cangas, coa detención dun concelleiro de ACE (Alternativa Canguesa de Esquerdas) e outros dous mozos, dende Anticapitalistas Galiza manifestamos a nosa enérxica repulsa cara unha actuación da Garda Civil que nos parece totalmente desproporcionada. Asistimos a unha nova aplicación da Lei Mordaza, unha lei aprobada polo goberno do PP coa finalidade de apagar calquera manifestación de disidencia. Encadéase a tres mozos, que levan anos desenvolvendo un compromiso militante coas de abaixo, por expresarse libremente nas redes, namentras campan as súas anchas corruptos e estafadores, os responsábeis desta crise. Seica os comentarios racistas, machistas e xenófobos que son verquidos a cotío nas redes sociais non merecen a mesma atención por parte das forzas de orde pública.

Non podemos enganarnos, o verdadeiro obxetivo destas medidas, como vimos en casos anteriores, é volver a instalar o medo, silenciar as rúas e confundir a verdadeira natureza do inimigo. Porque a auténtica incitación ao odio non se atopa nuns tuits, atópase na limitación da democracia, no recorte de dereitos e libertades, no exercicio arbitario dun poder cada vez máis autoritario na defensa dos privilexios das elites. Un réxime que trata de agochar a súa crise atacando ás maís débiles e que, coa complicidade dos medios de comunicación, persegue que amemos aos opresores e odiemos ás oprimidas.

Non parece casual que se elixa a Cangas coma obxeto destes ataques, unha vila na que goberna en coalición a esquerda rupturista e na que En Marea obtivo maís do 40% dos votos nas dúas últimas eleccións xerais. Preténdese afogar economicamente e agora tamén, criminalizar, aos concellos rebeldes, amosar que é inviábel calquera alternativa que aposte pola ruptura democrática.A poboación de Cangas amosou e amosará moitas veces o seu carácter combativo, a súa belixerancia en contra das inxustizas. Por iso, dende Anticapitalistas Galiza apoiamos as mobilizacións e defendemos a inmediata retirada dos cargos aos tres detidos. O único camiño para revertir o recorte dos nosos dereitos pasa pola solidariedade entre as de abaixo.

Tócannos a unha, tócannos a todas.

Despois do 26X: construír confluencia para unha creba democrática

As eleccións do pasado 26-X deixan un sabor agridoce en Galiza. Se ben é certo que se consolida En Marea como espazo de cambio e referente electoral que abre fenda no bipartidismo, a comparación co 20-D amosa un retroceso que enfría as expectativas de cara as eleccións galegas do próximo outono. Aínda que os resultados permiten que a coalición manteña a súa condición de alternativa ao goberno do PP na Xunta, percíbese un certo desgaste que cómpre analizar nas súas causas. Non podemos poñer unha venda diante dos ollos e negar que non pasou nada, porque só facendo autocrítica e aprendendo dos erros do pasado poderemos manter intactas as ilusións de desaloxar a Feijóo da Xunta.

Cando en outono se asinou o acordo inicial entre Anova, EU e Podemos que puxo as bases de En Marea, xa sinalamos as limitacións e os riscos que podía ter un acordo negociado e xestionado dende arriba. Sen dúbida, o acelerado dos tempos xogou a favor de que os partidos tomasen a iniciativa do proceso de confluencia, tan necesario coma urxente. Porén isto non quita para que sinalásemos que era necesario ampliar e democratizar ese acordo inicial, para incluír máis suxeitos políticos e sociais. O percorrido seguido por En Marea dende este acordo até as eleccións do 26-X amosou máis cercanía ao rumbo seguido por AGE que á creación dun partido-movemento amplo. A día de hoxe, En Marea carece de estrutura máis alá dun grupo parlamentario, un equipo de apoio e unha Mesa Coordinadora. As tensións entre estruturas partidarias, os repartos de cotas, os intereses de parte, supoñen obstáculos que dificultan a creación dese suxeito político das maiorías sociais do país. Sen dúbida, estas tensións incidiron nunha campaña excesivamente centralizada, conservadora, na que as inercias partidarias por arriba entorpeceron o desenvolvemento dunha campaña unitaria por abaixo. Porén, houbo casos nos que, partindo das estruturas das mareas municipalistas, conseguiron xerarse comités de campaña unitarios nos que o común multiplicaba a suma das partes, xerando redes de confianza e apoio fundamentais á hora de desenvolver unha política dende abaixo.

Ademais, a diferencia da campaña do 20-D, o discurso tornouse superficial, esquivando temas programáticos cruciais como o dereito a decidir para decidilo todo, a socialización da banca ou a auditoría da débeda. Non se pode plantexar un cambio político fondo en Galiza sen acudir á raíz dos problemas, sen dotar de contido ao discurso e a práctica. Fiouse a estratexia de campaña a un discurso autorreferencial enchido de marketing que non trataba ás maiorías sociais como suxeitos axentes senón coma espectadores pasivos dunha política de notábeis. Faltou audacia, desbordamento, imaxinación, sobrou rutina, acomodamento, considerar que xa estaba o traballo feito. Isto non quita para recoñecer o esforzo, sacrificio e compromiso de centos de militantes, con adscrición partidaria ou sen ela, que puxeron o obxectivo común por enriba das siglas e identidades. Sen o seu traballo, moitas veces gris, os resultados serían inferiores.

Ademais, os bandazos tácticos con respecto ao PsdG, ofrecéndolle un fronte común xunto co BNG, contribuíron a difuminar o campo do cambio, relexitimando a unha forza política coa que se está en disputa e a que toca subalternizar e non darlle folgos. Os meses de lexislatura tampouco contribuíron a mellorar a imaxe de En Marea como forza política con percorrido propio. As expectativas xeradas en torno á consecución dun grupo parlamentario propio apagáronse en canto se confirmou a súa adscrición como subgrupo dentro do conglomerado Podemos, o que repercutiu tamén na súa escasa visibilización e incluso no seu papel periférico á hora das negociacións de investidura e de inserir propostas propias na axenda política das Cortes do Reino.

Coa vista posta nas eleccións galegas do outono, é a hora de reflexionar e debater colectivamente os pasos a dar para incrementar as potencialidades da confluencia e corrixir as súas limitacións. En primeiro lugar, resulta fundamental xerar estruturas territoriais, fornecendo as asembleas das mareas municipais alí onda existan ou creando asembleas comarcais e locais onde non existan. Estas estruturas deberían vertebrase de abaixo a arriba, creando espazos para a participación e a rendición de contas. Nese sentido, resulta tarefa obrigada impulsar a participación na toma de decisións a todos os niveis, dar cauce para que as clases populares decidan democraticamente a metodoloxía e os contidos, cunha auténtica elaboración colectiva do programa e da campaña. Nese sentido, poden ser interesantes as aportacións metodolóxicas xeradas polo espazo Mareas en Común. Cremos que é o momento de xerar experiencias, de unificar e artellar iniciativas que non poden marchar por separado, xa que recollen as enerxías e a creatividade dos procesos municipalistas que agromaron o 25M, de camiñar cara novas formas de autoorganización. Precisamente, o papel das mareas municipais ten que ser superior ao desenvolvido nas últimas campañas, como actores que deben incrementar o seu peso e a súa capacidade de decisión nos órganos de En Marea.

No tecido social, no vencellamento coas mobilizacións, xéranse dinámicas que permiten superar o acomodamento e as inercias do pasado. Porque queda moito camiño que percorrer, e imos facelo xuntas, partidos, actores sociais, colectivos e mareas, aprendendo dos erros sobre a marcha, creando músculo social como único xeito de comezar a gañar o futuro para poder mudalo todo.

Anticapitalistas ante o resultado das eleccións do 26X

O resultado das eleccións non foi o esperado para quen apostamos por un cambio político que inicie a transformación social. O Partido Popular de Mariano Rajoy, un partido corrupto e responsable das políticas de empobrecimiento, gañou as eleccións. PSOE e Cidadáns perden votos e escanos, pero resisten o suficiente como para permitir que a gobernabilidade do réxime estea garantida, polo menos no curto prazo. Unid@s Podemos, o proxecto electoral no que participamos activamente, non cumpre as expectativas suscitadas, quedando como terceira forza.

Hai dúas cuestións importantes que queremos resaltar. Por unha banda, non debemos minusvalorar a importancia do resultado en termos históricos. Millóns de persoas votaron polo cambio (aínda que cambio non ten un significado unívoco), a unha forza política nova, que sufriu duros ataques das elites. Isto confirma que, aínda que falte moita xente aínda, conseguimos construír un bloque electoral capaz de confrontar cos partidos dos de arriba. Doutra banda, non hai que ocultar a decepción: as expectativas a curto prazo non se cumpriron. A suma entre Podemos e EU perde máis dun millón de votos con respecto ao 20D e non logra maximizar o seu potencial.
O ciclo electoral péchase temporalmente e a pesar de que non se cumpriron todos os obxectivos, hai que recoñecer que hai avances importantes. Se o ciclo de mobilización, conflito social e auto-organización do 15M foi a base que xerou o substrato social que nos permitiu confrontar coas elites no plano electoral, agora toca investir esa dinámica e lanzarnos a un proceso de construción popular por abaixo a medio prazo que nos permita fortalecernos, incidir na próxima lexislatura e prepararnos para as próximas batallas.

O réxime configurará un goberno sen maiorías absolutas, pero fiel á troika e á austeridade. Para Anticapitalistas, gobernar ou apoiar un goberno ten que significar lograr melloras concretas para as clases populares e á vez, permitir abrir vías cara a unha sociedade radicalmente democrática, ecofeminista e socialista. É o momento de delimitar claramente os campos políticos: ningunha combinación de goberno das posibles é a nosa e tócanos pasar á oposición e construír con firmeza, apoiando e estimulando os conflitos sociais, facendo propostas programáticas fortes, utilizando os parlamentos como caixa de resonancia das de abaixo, levantando unha confluencia que non sexa só unha alianza de partidos, senón unha alianza social entre a clase traballadora e as clases medias depauperizadas contra os recortes que o goberno que se configure realizará baixo ordénelas de Bruxelas. Estar coa xente traballadora, con paciencia, xerando comunidade e contrapoderes: organizar, loitar, crear poder popular.

Tras este ciclo electoral, debe abrirse un debate honesto e compañeiro no bloque do cambio. Desde Anticapitalistas defenderemos a nosa proposta de partido-movemento amplo, implantado por abaixo, vinculado ao conflito e ás clases populares, útil para os movementos sociais con vocación de ruptura e por suposto, pluralista. Hai que construír de forma unitaria, respectando e dialogando entre as diferentes hipóteses. E hai que seguir construíndo a unidade popular por abaixo fronte á unidade das elites. Toca agora, por tanto, despregar a unidade electoral tamén no terreo do social e as resistencias.

O contexto internacional é difícil. Hai un xiro á dereita en Europa. É urxente combater o auxe dos autoritarismos: neste período que vén debemos vernos como parte dun movemento democrático e anti-fascista en Europa. Trazar esas alianzas, buscar encontros para xerar un movemento a escala europea. Esta batalla xógase a escala internacional.

Imos seguir pelexando e construíndo. Somos millóns e e demostramos que si se pode. Toca organizarse en cada barrio, en cada centro de traballo ou de estudo. O réxime e as elites non o van a ter fácil para estabilizar o seu réxime. O único que podemos prever é a loita, para seguir abrindo brecha e aumentar e fortalecer o bloque do cambio. Nin un paso atrás, chegamos para quedarnos. Seguimos.

ANTE O BREXIT. COMUNICADO DE ANTICAPITALISTAS.

Nin chorar cos dirixentes da UE do capital, nin rir cos partidarios do repregamento racista. Construamos a Europa dos pobos e das clases populares.

O resultado do referendo en Reino Unido acelera a crise da Unión Europea. A UE é un proxecto en crise permanente, incapaz de xerar consensos, deseñado para impor políticas neoliberais que empobrecen á clase traballadora, esmagando a países do sur como Grecia. É tamén unha estrutura profundamente anti-democrática, gobernada por tecnócratas non electos aos servizos dos mercados. O soño dunha Unión Europea da cidadanía, de persoas libres e iguais, desfaise ante cada gran acontecemento e tórnase en pesadelo.

Como anticapitalistas e internacionalistas, aspiramos a construír unha Europa popular, fraternal, democrática e socialista. Sabemos que non podemos facelo nin dentro das actuais institucións neoliberais nin “nun só país?, que necesitamos construír nosas propias institucións a través da loita e desde abaixo.

É preocupante que a ruptura coa UE supoña un auxe da xenofobia e do racismo, no canto dunha ruptura en clave internacionalista, democrática e anti-austeridade. A alternativa a esta UE non é un repregamento nacionalista que coloque como inimigo principal ás que son diferentes.

Se non somos capaces de construír un proxecto europeo propio alternativo á UE, quen monopolizará o descontento pode ser a extrema dereita. Hai unha insatisfacción que percorre Europa co proxecto neoliberal, unha insatisfacción baseada na contradición entre os discursos triunfalistas dos burócratas de Bruxelas e a realidade dos millóns de persoas excluídas polas súas políticas. Ante a crise da UE, faise urxente construír un polo a escala continental que diga non a estas institucións, non á austeridade, si á soberanía popular, si a unha Europa solidaria, democrática e antifascista. Este proxecto só pode ser construído contra as elites e polas clases traballadoras e medias (incluídos os seus sectores máis empobrecidos, tantas veces excluídos do discurso político oficial), para non deixar que o descontento con esta UE sexa canalizado pola extrema dereita.

Os tempos aceléranse e as sociedades se polarizan. Son tempos de organización e de loita. Ante a crise da UE, tócanos construír unha alternativa democrática e popular, de ruptura, que conquiste a soberanía democrática para os pobos e as clases populares. Sen complexos. Porque a extrema dereita non os ten e avanza en todo o continente. Aos demócratas de Europa tócanos unirnos e construír unha alternativa contra a austeridade e o autoritarismo tanto da Unión Europea como da extrema dereita. Tócanos máis que nunca disputar Europa das garras da xenofobia e os repregamentos identitarios, tócanos levantar un Plan B para Europa.

Ante as eleccións e o acordo IU-Podemos

O acordo entre Podemos e EU para formar unha coalición electoral é unha moi boa nova para todas as persoas que apostamos por derrotar ao réxime nas urnas e mudar as políticas en favor da maioría social traballadora.

Dende Anticapitalistas cremos que se abre unha oportunidade histórica para alterar o curso normal dos acontecementos. A normalidade do PP e do PSOE consiste en corrupción, paro, precariedade, recortes e unha democracia de baixa calidade. Por iso, cremos que nestas eleccións non se enfrontan só partidos, senón dous modelos de sociedade alternativos: por unha banda o de sempre, o que está ao servizo das elites e, en fronte, o que propomos dende o bloque do cambio que, dende a súa
diversidade e pluralidade, aposta por construír unha alternativa ao servizo da xente de abaixo.
É o momento de mobilizarse en todolos espazos posíbeis. Toca activar unha campaña unitaria,ampla, que inclúa aos movementos sociais e sindicais, que vaia máis aló da base social de Podemos e de EU, capaz de desbordar os espazos electorais tradicionais. Hai que incluír a toda esa xente que, sen ser militante de Podemos ou de EU, está disposta a pór o seu granciño de area para que as cousas muden.
Gañar as eleccións non significa gañar o poder nin moito menos cambiar o mundo, o noso mundo. Unha eventual vitoria electoral é só o primeiro paso para aplicar un programa de reformas ambicioso, que poña a economía ao servizo da xente, que sitúe os nosos dereitos antes que o pago da débeda, que derrogue as reformas laborais, que nacionalice a banca e as eléctricas baixo control da cidadanía, que prohiba os desafiuzamentos e o despedimento libre, que acabe coa violencia machista, que free dunha vez por todas o desastre ecolóxico e que poña o investimento público ao servizo da creación de emprego, da educación e a sanidade.
Gañar estas eleccións significa, por tanto, a oportunidade de comezar a conquistar un novo rumbo. Por iso, os poderes económicos e políticos non o van a pór fácil. A campaña de calumnias e ameazas será dura e hai que preparase para resistir ás súas chantaxes, xerando poder popular para avanzar no terreo electoral e tamén no social.
Por último, chamamos a votar ‘Si‘ a favor do acordo na consulta interna de Podemos, proxecto do cal formamos parte e vimos construíndo dende os seus inicios. É o momento de multiplicar para gañar. Si se pode!

Comunicado 1 de Maio: sen a nosa clase non hai cambio. Organizarnos, gañar dereitos.

photo_2016-04-28_16-06-51

Hai milleiros de motivos para saír ás rúas este 1 de maio, non só por rutina ou para rememorar. A precariedade, a tiranía total dos patróns dentro dos centros de traballo, o paro, a desigualdade salarial que sofren as mulleres, as reformas laborais deseñadas para protexer aos empresarios ou a progresiva desvalorización dos salarios son algúns motivos evidentes.

A crise foi unha escusa para que o capital iniciase unha ofensiva de longo percorrido contra a clase traballadora. Todo o armazón institucional e as medidas políticas impulsadas durante os últimos anos teñen un dobre obxectivo. Por unha banda, acelerar un proceso de “acumulación por desposuimento”, no cal bens públicos e servizos anteriormente considerados dereitos pasan de novo a estar sometidos á lóxica privada. Isto significa que unha parte do salario social da clase traballadora (lembremos que son os asalariados os que achegan a maioría de contribucións e impostos que sosteñen o Estado) foi duramente recortada, a través das políticas de austeridade, mentres que para o capital abríanse novos nichos de negocio. Isto afecta especialmente ás mulleres, que se ven obrigadas a asumir cada vez máis taxas de traballo non pago. Doutra banda, os centros de traballo convertéronse en auténticos “espazos sen lei”. Mellor dito, un espazo onde só existe a lei do empresario: millóns de persoas carecen de dereitos colectivos no traballo, de forza organizada para replicar esta tiranía cotiá. O empresario pode despedir cando queira, a xente traballadora non ten dereito a queixarse nin a organizarse, ter un traballo con pésimas condicións e un salario de miseria preséntase como un privilexio, a ameaza do despedimento e do paro é a normalidade mentres os poderes políticos aproban reformas laborais que alimentan esta situación.

Doutra banda, a resposta popular que se iniciou co 15M tivo moitas expresións, pero non chegou a expresarse dentro dos centros de traballo, con excepción dalgúns sectores públicos como educación e sanidade. Isto condicionou tamén o ciclo político posterior, onde a forte irrupción de novos referentes electorais non ía acompañada dun proceso de organización e mobilización no traballo. Este é o gran límite do proceso de cambio e a gran tarefa pendente para as forzas que apostamos por unha sociedade para a xente de abaixo.

Non podemos limitar a democracia aos parlamentos nin ás institucións. Non hai democracia se non subvertemos as relacións de explotación, se non democratizamos a economía e convertemos en común a riqueza que xeramos como clase traballadora. Unha clase traballadora que ten moitos rostros, que está nas fábricas, nas cidades, no sector público, nos transportes, nos coidados, no campo, na hostalaría ou nos call centers, en empresas grandes e pequenas, en todos lados permitindo que a sociedade funcione. Somos a única clase imprescindíbel e xa é hora de converter esa potencia en poder real, en dereitos e poder político, económico e cultural.

Por iso, este 1 de Maio animámosvos a acudir ás mobilizacións e a organizarvos en todos os espazos posíbeis. Necesitamos máis traballadores e traballadoras que sexan protagonistas da esfera pública e pór todos os recursos ao servizo da organización da clase. Necesitamos tamén un 15M sindical, que remova e expulse para sempre ás burocracias conservadoras, que están mais próximas aos intereses das elites que aos da clase traballadora. Tamén, ante as eleccións que veñen, tócanos pór no centro da axenda unha serie de demandas irrenunciábeis: un salario mínimo de 1000 euros, que se corresponda coas necesidades reais, a igualdade salarial para as mulleres, derrogación das reformas laborais, salario social garantido para as desempregadas, garantir o carácter público dos dereitos como a educación, a sanidade e os coidados, investimento real en inspeccións de traballo, prohibición do despedimento en empresas con beneficios, auditoría fiscal coa participación das traballadoras nas empresas.. Medidas de sentido común que só requiren vontade política, vontade política que PSOE, Ciudadanos e o PP sabemos que non teñen. Esa vontade tócanos construíla entre tod@s, nas vindeiras eleccións, pero tamén nos barrios, pobos, cidades e centros de traballo, con mobilización e organización.

Sen a nosa clase non hai cambio, somos maioría: o momento é agora, non deixemos que ninguén fale por nós.